vivir o rural

Ultimamente vexo por aí unha campaña publicitaria que anima aos galegos a irmos vivir ao rural.
Pregúntome a onde temos chegado se a vida no rural necesita de vendedores que a oferten a prezos de semana fantástica.
Pregúntome quen será o primeiro político-pensante da susodita campaña que dea o paso e predique co exemplo.

Os que hai algo máis dun ano pasaron de preguntas e predicamentos foron Marta e Roberto (Roberto Filgueira –Grupo Nove– e Marta Fernández). Coñecéronse nos fogóns do NH de Vigo, colaboraron no proxecto ‘Eido da Leña’ e, fieis a un xeito de entender este estraño mundo no que nos toca vivir, romperon con el e acabaron en Boqueixón para tentar facer realidade todo un proxecto de vida.

A nivel profesional o proxecto leva por nome ‘O Balado’ (Casa Labrega) e, dalgún xeito, procura concretar na práctica o ideal de regreso ás orixes, ao rural, a ese produto –como quen di– acabado de apañar da horta; a unha cociña sinxela, próxima, natural, directa, amparada por unha esmerada técnica acumulada ao longo de 20 anos de experiencia.

Restaurante O Balado 02 Restaurante O Balado 03

Casa familiar no medio dunha ampla horta ao pé do Pico Sacro, co seu hórreo, co columpio colgado da póla da árbore, coas maceiras a florecer cando lles chega o tempo, coas pitas sempre a peteirar por aquí e acolá…
Comedor pequeno, branco, sen estridencias, acolledor á calor da lareira, con toques mínimos, pero efectivos, dese mundo labrego –e familiar, e algo bohemio– ao que Marta e Roberto se apuntaron.
Trato excelente. Cres ser amigo a compartir pitanza no comedor da familia… pero sen familiaridades vacuas, cunha preocupación permanente pola túa satisfacción, porque todo estea ben, porque ti esteas a gusto. E todo iso con total naturalidade, sen forzar poses, sen remilgos, sen brides ao vento…

Restaurante O Balado 20

A partir dunha carta anunciada en pizarra enriba da cheminea (oito entrantes, oito pratos fortes e dúas sobremesas), atopamos tres menús en progresión crecente de contundencia. Un Paseo polo Balado (tres entrantes, un prato e sobremesa, 22€), unha Viaxe polo Balado (6 entrantes, unha carne a elixir e sobremesa, 30€) e a Travesía polo Balado (seis entradas, dúas carnes e dúas sobremesas, 40€).
Optamos pola proposta intermedia, a Viaxe, non sen antes garantirnos unha proba da segunda sobremesa.
Para acompañar a viaxe, unha Quinta das Bágeiras, bruto nature rosé portugués (Bairrada) que, sen saír de nai nin esnaquizar petos, acompaña á perfección todos os bocados. Adega discreta en números, pero suficiente e apta para acalar a maioría das esixencias.

Restaurante O Balado 10Restaurante O Balado 14Restaurante O Balado 22

A viaxe comeza por un Sashimi de vieira, pasa polo berberecho en zume de grelo de Boqueixón, as croquetas de cacheira e o buñuelo de bacallao, o badexo marinado,o foie con froita e módena e, xa por fin, as fabas de Lourenzá con chourizo e orella.

Restaurante O Balado 37Restaurante O Balado 39
Restaurante O Balado 41Restaurante O Balado 52
Restaurante O Balado 44Restaurante O Balado 45
Restaurante O Balado 49

A vieira, exquisita; o buñuelo, excepcional, as fabas… En fin, a cada bocado, algo mellor que opinar. Sen embargo, e creo que coincidimos os catro da mesa, o punto álxido dos entrantes estivo no badexo. Pola sorpresa, pola novidade, polo sabor, pola textura, porque resultou un bocado realmente único, dos que levas no padal por moito tempo.

Para as carnes compartimos (dous a dous, como manda a anfitriona) o Año de leite galego e o Bacoriño de Ofelia, asados no forno de leña. Persoalmente decántome polo bacoriño, pero é cuestión de gustos. As patacas fritidas que acompañan á carne, o único lunar da comida; estando boas, non alcanzan o nivel do resto da proposta.

Restaurante O Balado 54Restaurante O Balado 56Restaurante O Balado 58

A sobremesa principal, o Coco con maracuiá, e para probar, un chupito de feixoa co Arzúa-Ulloa. Os dous ben cremosos, de alto contraste, moi ben ensamblados.

Restaurante O Balado 61 Restaurante O Balado 62

O prezo, o prometido, nin máis nin menos, 33€ bebidas incluídas (por certo, a relación calidade-prezo do espumante, magnífica).
Resulta unha pequena paliza para os que viaxamos de Vigo –de todas todas hai que deixarse guiar polo GPS– pero compensa con creces todos os esforzos.
Volveremos. Seguro. (E levaremos anotado o tema das anguías).

O Balado (Casa Labrega)
Roberto Filgueira
Ardesende 3, Codesedo.
Boqueixón. 15881 (A Coruña)
639 893 749
657 290 362
Localización en Mapas de Google
GPS: 42º47’52.0”N  08º24’11.0”W
Web
info@obalado.com