viaxe a italia

A Viaxe a Italia, de Goethe, é un clásico entre os clásicos da literatura de viaxes. Vivencias da súa estadía, por dous anos, na Italia de finais do século XVIII.

Libro Viaxe a Italia de Goethe

Coma sempre, empezo a escribir sobre unha comida especial e acabo perdido entre oliveiras nos cerros de Úbeda.
Pretendía centrarme nun prato tradicional italiano, o Bollito mixto, pero, entre contextualizar o tema e a miña mítica propensión ás divagacións, houben de dividir a escrita en dúas entradas diferentes.

Goethe foi un gran escritor que, entre outras moitas, escribiu unha grandísima novela de viaxes: Viaxe a Italia. Foi, tamén, un home do seu tempo, un ilustrado á súa maneira. Máis alá do Fausto, Goethe escribiu teatro, novela, poesía…, e, ademais, foi zoólogo, botánico, xeólogo e estudoso de todo o que ten que ver coa natureza. En Padova, no Orto Botánico, puidemos ver unha fermosa montaxe audiovisual que conta parte de esta historia ao tempo que lembra o paso de Goethe por este fermoso xardín botánico.

Padova está á carreiriña dun can do que foi o epicentro -familiar- da nosa viaxe ao norte de Italia: Vicenza.

Vicenza Villa Rotonda
Villa Capra (Rotonda). Vicenza. 1567-69. Andrea Palladio

Vicenza. Cidade do Véneto, entre Venecia e Verona, coñecida por ser o terceiro núcleo industrial de Italia (ouro, textil, cerámica, metal, etc.), pero especialmente por ser a cidade de Andrea Palladio, o arquitecto que tal vez mellor soubo actualizar a herdanza das formas clásicas á realidade do momento estelar do cinquecento; arquitecto, en esencia, do Renacemento, sentou moitas das bases da evolución ao Barroco e foi fonte de inspiración en todos os movementos da arquitectura neoclásica. Moitas das súas obras, e algunhas das máis paradigmáticas (a Basílica, o Teatro, vila Rotonda, palacio Valmarana, etc.) están en Vicenza. Na súa revolución arquitectónica mandan a proporción, a simetría, a expresión textual de elementos romanos -os frontóns, loggias, pórticos-…, e a súa aplicación a obra civil e non só á arquitectura relixiosa.
Vicenza é a típica cidade media italiana, cun núcleo histórico moi rico e agradable, con todos os atractivos para unha visita demorada e, por agora, sen exceso de invasión turística.

Fegato di Vitello alla veneziana
Fogato di vitello alla veneziana con polenta
Ostaria dal Capo, Padova

Restaurante, Trattoria, Osteria, etc. Pasa como en toda casa de veciños. Inicialmente eran locais cunha configuración propia, pero, co paso do tempo, as diferenzas están cada vez máis diluídas e a maioría das realidades son variacións do típico restaurante. A ostería, por exemplo, podería ser un equivalente á nosa taberna: especialidade en viños e algunha que outra tapa para empurralos (agora, ao local centrado en viños, dinlle vinoteca, vinacoteca ou sonas polo estilo; e a osteria, cada vez máis, achégase ao modelo trattoria: espazos pequenos, comida típica do lugar, sen grandes espaventos e prezos que a converten nunha das mellores opcións onde comer barato e auténtico). A trattoria, grosso modo, sería o equivalente ao antigo mesón castelán: local de xestión familiar, con receitas caseiras -locais e rexionais- transmitidas durante xeracións; simplicidade no servizo e prezos populares. Ou sexa, case o mesmo. Para complicar a situación, e dado que o máis turista dos turistas -eu, por exemplo- xa coñece as reviravoltas destes nomes e matices, os locais manipulan as sonas para captar clientela incauta, e non sempre, ou case nunca, atopas dentro o que se anuncia fóra.

Vitello tonnato
Vitello tonnato
Al Pestelo. Vicenza

En Italia é moi fácil comer ben e non demasiado caro. Todo é cuestión de informarse, de preguntar moito, e de ir alí a onde vai Vicente (os vicentes e as vicentas do lugar).
A gastronomía italiana vai moito (moitísimo) máis alá das pastas e as masas. En moitos dos locais modelo restaurante (trattorias e osterias) na carta non figura a pizza e, de pasta, unicamente un par de receitas máis locais. Os que non poden faltar son os rissottos. E, sobre todo, as comidas máis ‘normais’ preparadas ao xeito local. A tenreira, o bacallau, o fígado, o atún, os peixes…
No caso de intolerancia ao gluten, a cousa complícase. Italia é o paraíso do sen-gluten; a maioría das fábricas de preparados ‘senza glutine‘ son italianas; nos supermercados a oferta de pans (tradicional, de molde, precocido, tostas), grissinis, pastas (secas e frescas), galletas, doces, etc., é inmensa e dunha altísima calidade (en moitos casos descoñecida aquí en España). En estacións de tren, por exemplo, hai expositores con produtos sen gluten empaquetados individualmente para snack de calquera momento.
En restaurantes a cousa cambia; mesmo buscando en Internet, non conseguín comer unha pasta sen gluten en ningún sitio; pizza, si; e por certo, moi moi boa, nada que ver coas conxeladas e moi cerca da memoria que teño das tradicionais. Nos restaurantes, moitos si que contan con pan sen gluten (incluso na cesta traen un par de variedades e grissinis) pero na carta hai que ir aos platos que, por si mesmos, non teñen gluten.

Risotto alla milanese
Risotto alla milanese
Stendhal, Milano

En xeral comemos de luxo. Dá igual a categoría. Un fígado á veneciana con polenta na Antiga Ostaria dal Capo (Padua); Scampi al forno en Julien (local de moda para xente guapa e no que eu daba un pouco o cante), o imprescindible Maccalà Mantecato en Al Pestello (Bottega Historica en Vicenza), o Risotto al funghi de Pan e Vino e San Daniele (Ristorante, no precisoso pobo de Asolo, nas primeiras estribacións dos Alpes), as táboas de formaggi e affettati de Bella Capri (Restaurante-Pizzeria Bassano del Grappa), o brutal Risotto alla Milanese de Stendhal (Ristorante, Milán), o Bollito Misto de Oca Bianca (Trattoria, Vicenza), Panineria del Centro (Vicenza), Orus (Pizzeria, Toscolano Maderno).

Herzog e De Meuron Milán

Na viaxe houbo tempo para boa arquitectura actual: Edificio Fratinelli, Herzog & De Meuron, Milán…

Arte Urbana Padua

… Para bastante arte urbana, especialmente en Padua…

Foto de Dorothea Lange

… Para unha excelente exposición de fotografía de Dorothea Lange (Centro Cívico de Bassano del Grappa)

Campo Marzio Vicenza

E para moito máis…