unha taberna portuense

A Taberna de Santo António é un local icónico en Porto. Un espazo sen miramentos entre o turístico e o popular, trato simpático, comida caseira e prezos que dan risa.

Taberna Sto Antonio 02

O primeiro que chama a atención é o espazo (na zona de Clérigos): moi pequeno, en forma de tubo, con catro mesiñas na aceira e unha ambientación rústica e sinxela adornada con instrumentos musicais.
O segundo, o público. Podes coincidir á mesa, mesmo literalmente, co velhote de toda a vida de Miragaia, co grupo de profesoras da universidade, coa parella de turistas ingleses de avanzada idade, con ese grupo de mozas rabiosamente modernas representantes da movida portuense que xa empeza a facer historia, con estes dous espanholinhos á procura de sensacións auténticas.
E o terceiro: non é anormal atopar unha longa cola de pacientes bebedores de aperitivos á espera dunha mesa na que gozar das excelencias deste local.

Os motivos? Todos.
O primeiro, a atención, que é coma o propio local: directa, amable, sinxela, rápida, dependo da sorte, con fortes doses de acollemento.
O segundo (ou talvez o primeiro?) a comida: boa, popular, simple, típica, caseira, saborosa, en fin, os cualificativos, máis alá da orixinalidade, quedan curtos e non acaban de definir de xeito claro a esencia da comida da Taberna Santo Antonio.
O terceiro, e como sobremesa, o prezo. É fácil facer unha moi boa comida sen sobrepasar os 8-10 € por persoa.

Taberna Sto Antonio 06Taberna Sto Antonio 07

Comezamos cun pratiño de entradas típicas: un riquísimo percorrido pola tradición con algún que outro chisco ás excolonias de ultramar: rissóis, bolo de bacalhau, empadinha e un folhado de carne ao curry (4€)

Taberna Sto Antonio 09 Taberna Sto Antonio 13

Hoxe, despois dos bolinhos ou da sopa de legumes do día (1,5€), e como prato principal, había para escoller entre o frango asado, as almondegas con puré, o panado con arroz de feijão ou a posta de pescada tamén com arroz de feijão (calquera deles a 5€ a dose).
Carmen quere probar as albóndigas e eu tiro pola pescada rebozada co arroz. En calquera caso, dúas eleccións perfectas. O máis salientable, esa sensación de estar comendo na casa.

Taberna Sto Antonio 12

Noutra ocasión haberá que probar as bochechas estufadas, o arroz de pato, o salmão grelhado, o arroz de tentáculos… todos eles a 8.5€.
Disque os domingos alternos hai un cozido à portuguesa por 7€ que ben paga a interminable espera por unha mesa.

Taberna Sto Antonio 15 Taberna Sto Antonio 14

A mousse de chocolate é a estrela das sobremesas e eu non dubido en pedila para confirmar que, efectivamente, é realmente espectacular, moi, moi recomendable, das mellores que probei. Carmen coa súa inevitable torta de bolacha (non tan especial como a mousse).

Bebimos a xerra pequena de viño da casa (prescindible) e auga.
Co meu café saímos a 11 euros cada un.
Unha típica taberna portuense algo máis que recomendable, case diría que inevitable para todo amante da cidade de Porto en particular, ou de todo Portugal.
Autenticidade e sabor a prezos de saldo.

Taberna Santo António
Rúa das Virtudes 32
4050-630 Porto
351 22 205 5306
Cociña: tradicional, caseira
Prezo: 10-12€.
Peche: segunda-feira