unha experiencia completa

A visita ao Retiro da Costiña é unha sucesión de experiencias gastronómicas desde que entras ata que saes, desde que tomas o vermú na bodega ata o café no reservado.

Retiro da Costinha 147

Xa nos tardaba este regreso a Costiña.
Ir a Santa Comba a comer, no Retiro da Costiña, é unha especie de peregrinación a un templo da gastronomía; dificilmente podes argumentar que ‘pasabas por alí’ ou que aproveitabas a conxuntura. Non. A Santa Comba hai que ir.
E xa choveu (e bastante) desde a última vez.
Atopeino sensacional, coma sempre.
Non, para ser exacto, atopeino mellor ca sempre.

A experiencia comeza nos sotos, arrodeados de auténticas xoias e, no noso caso, acompañados dun vermú galego (Lodeiros). A seguir pasas ao comedor para, nun ambiente moderno e relaxado, gozar da proposta central en forma de menú de degustación, e xa por fin rematas a viaxe en Costa Rica ou Colombia, cun selecto café, a elixir ou tras deixarse recomendar por Manuel Costiña entre os 800 posibles, no recargado salón de sobremesas.

Retiro da Costinha 10
Retiro da Costinha 11Retiro da Costinha 12Retiro da Costinha 13

O vermú vén con tres bocadiños especiais: a Brandada de bacallau, as Anchoas de Santoña e a Empanadilla de picadillo Joselito. Se cadra por morriña, pola lembranza daquelas outras que puñan antes algo mornas para destacar a súa esencia, o sabor máis intenso é o das anchoas.

Menú de desgustación

Consomé de galiña de Mos e verduriñas
Bombón de foie, chocolate branco, crema de arándano negro e améndoa
Vieira curada en auga de mar e emulsión de froita da paixón
Xarda braseada e encurtido de boletus e lima
Cremoso de queixo afumado, ovo escalfado e crocante de allo negro
Espárrago branco, allo branco e crocante de arroz con trufa
Badexo en tempura, pil-pil e crema de codium
Xarrete de leitón asado e crema de cogomelos

Retiro da Costinha 42Retiro da Costinha 53Retiro da Costinha 58Retiro da Costinha 61Retiro da Costinha 74Retiro da Costinha 80Retiro da Costinha 86Retiro da Costinha 96

Xa vedes, unha perfecta sucesión de propostas milimetricamente harmonizadas e equilibradas. Difícil destacar unha nin polo positivo nin polo negativo. Todas alcanzan un nivel moi salientable e calquera mención vai ser cuestión de gusto persoal.
Na mesa hai quen tira polo bombón de foie e quen destaca o bacoriño; algún voto pola vieira ou tamén polo badexo…

Sobremesas

Torta de queixo azul, mel de sésamo e romero con crema de toffee
Torrada de brioche e xeado de fresa
Bombóns de dous chocolates

Aquí si que me mollo e me decanto pola delicadeza e o sabor velado da torta de queixo azul; sen menosprezar a torrada ou os chocolates, un bocado especialmente intenso.

Retiro da Costinha 130Retiro da Costinha 113Retiro da Costinha 105

E, xa por fin, agradable sobremesa no ‘club privado’ (definición e excusa para poder fumar). Para os que non somos militantes anti-tabaco, a experiencia da elección do café, a preparación, a degustación cos petit-fours… neste ambiente distendido e afable fan deste momento un dos álxidos do día.

Retiro da Costinha 140
Retiro da Costinha 141Retiro da Costinha 142Retiro da Costinha 143

O menú de degustación é de 67€ por persoa, prezo que poderiamos ubicar nunha media bastante asequible (ver o noso traballo sobre o prezo dos menús de degustación nas estrelas Michelín de Galicia e norte de Portugal).
Por todos os ‘extras’ fóra do menú (Tilenius de 2004, dúas augas, vermús, cafés, delicatessen) pagamos 15€ cada un. Coincidimos en que se trata dunha cantidade moi, moi axustada para o que é o global da experiencia.

O Retiro da Costiña segue a ser unha opción moi recomendable para ese día no que está disposto a rachar o porquiño dos aforros e darte un satisfacción.

Na nosa última relación de Restaurantes de Galicia segundo as guías, O Retiro ocupa un destacado 8º lugar.
Era xuño de 2016 e naquel momento tiña unha estrela Michelín, dous soles Repsol e ocupaba o posto 42 entre os restaurantes da provincia de A Coruña en TripAdvisor.
A día de hoxe mantería o recoñecemento da Repsol e da Michelín e subiría ata o posto 14º en TripAdvisor.

Retiro da Costiña
Manuel García García

Avda. de Santiago, 12
15840 – Santa Comba (A Coruña)
981 880 244
www.retirodacostina.com
Facebook
GPS: 43.033401N,  8.803980O
Cociña: Mercado, creativa. Menú celíacos e vexetariano.
Peche: Domingo noite; luns.
Prezo: 55€. Degustación: 67€