un número un en a coruña

El de Alberto é o restaurante mellor valorado por TripAdvisor en A Coruña. Escisión do veciño Bebedeiro, naceu coa idea de continuar a súa liña tentando mellorar as súas eivas.

ACoruña-ElDeAlberto 01

A oferta pretendía ser continuísta pero con innovacións e un chisco máis de pretensións. O primeiro que cambia, e sensiblemente, é o local; se no Bebedeiro resultaba escuro e recargado, este é moi máis limpo e claro, máis actual; se aquel estaba sobrecargado de mesas e resultaba bastante incómodo, Alberto decidiu ampliar os espazos entre as mesas e dar un certo desafogo…
E así ata converterse nunha aposta bastante diferente.

A cociña de Alberto non é doada de definir. Ten pratos de, penso que deliberadamente, cociña tradicional, con sabores mesturados, salsas fortes que enmascaran, excesos na cocción, etc. Bastantes composicións dunha cociña máis moderna, con produtos limpos, pouco cocidos, que procuran conxuntar sabores. Nalgúns pratos tamén queda espazo para un certo toque de creatividade e orixinalidade. E, sempre, respecto polo produto.

A carta é bastante ampla e, ademais da oferta fixa, xoga con pratos do mercado do día a maiores, e pratos que caen da carta por non dispor deles no día. Aceptable carta de viños. Servicio amable e rápido con Alberto á cabeza repartindo carisma polas mesas.

ACoruña-ElDeAlberto 05 ACoruña-ElDeAlberto 08 ACoruña-ElDeAlberto 10

Eramos cinco adultos e compartimos tres entrantes: espaguetis de mazá con carabineiros e touciño ibérico sobre mollo de curry; alcachofas con foie con salsa de soia; polvo con fideos de pataca con pemento á galega. Todos moi bos; todos moi contundentes nos sabores. Destacar que adaptaron as cantidades dos tres entrantes aos cinco que eramos e, por exemplo, puxéronnos cinco alcachofas perfectamente empratadas de xeito individual.

ACoruña-ElDeAlberto 12 ACoruña-ElDeAlberto 14 ACoruña-ElDeAlberto 16

ACoruña-ElDeAlberto 18      ACoruña-ElDeAlberto 19

Pratos principais: Pescada do pincho sobre crema de pataca á galega e salmorejo; Lombo de atún vermello; Lombo de bacallau con muselina de allo sobre cama de tomate, pasas e piñóns; Solombo de tenreira galega con foie; Perdiz dúas texturas. En xeral moi ben; dentro da liña de sabores moi marcados (nalgún caso produto do mollo) e, en xeral, bos puntos de cocción. A pescada e o solombo gustáronme especialmente e a perdiz un pouco menos que os demais.

ACoruña-ElDeAlberto 22ACoruña-ElDeAlberto 24ACoruña-ElDeAlberto 25ACoruña-ElDeAlberto 27

Mención especial para as larpeiradas. A semiesfera de chocolate con froita da paixón; os míticos Donnetes de chocolate branco recheados; Xeado de limón e merengue; Café de pota (base de xelatina de café, crema e nata). Todos exquisitos. Sen execpción. Sen poder decantarse por un ou otro.

Foron tres entrantes, cinco pratos principais e cinco sobremesas; unha botella pequena de viño; auga e cinco refrescos; tres cafés. A comida saíu por 32€ persoa, prezo moi axustado para o global da oferta.

Persoalmente son de comidas menos rechamantes, de racións máis comedidas, de preparacións máis limpas. Pero aínda así hei recoñecer que me gustou moito este El de Alberto. Gustáronme en xeral os sabores; gustoume a atención; gustáronme detalles como o meco polo empratado; gustoume o prezo. Non descubro América ao dicir que é un local a ter moi en conta en A Coruña.

El de Alberto
r/ Ángel Rebollo, 18
15002 A Coruña
981 907 411
GPS: 43.376536N,  8.400959O
Facebook
Prezo: menú degustación 32€. Prezo medio 30-35€
Cociña: tradicional; actual; toques creativos
Peche: domingo noite; luns
TripAdvisor: número un de A Coruña
Repsol: mencionado
Michelín: Bib Gourmand