un menú executivo en the othilio bar

Un menú executivo en The Otilio Bar paga realmente a pena. Local moderno, divertido, actual… rabiosamente de moda. Cociña na mesma liña de singularidade e a un prezo asequible.
E non había outra. Despois da nosa recente mergulla polo que está a pasar en Vigo a nivel gastronómico (Comer en Vigo), a primeira saída tiña que ser, necesariamente, a este The Otilio Bar.

Othilio5

As primeiras sensacións son de nostalxia. Othilio ocupa o lugar (ampliado) no que nun tempo viviu Arantxa Costas no seu Don Chiringo, un dos meus recunchos favoritos da historia gastronómica de Vigo.

TheOthilioWeb
Imaxe da propia Web do local

Logo, un cambio radical: barra e algunhas mesas no que era o espazo tradicional, comedor interior e ‘terraza’, ou sexa, cinco mesas pequenas directamente na rúa Luís Taboada. Ás 12 da mañá dun luns de xullo, hora na que reservamos, xa non había outra que a terraza. Non se estaba nada mal. Temperatura moi agradable, tráfico escaso (case inexistente, a rúa é peatonal) e un persoal que se esforza para que todo resulte do teu agrado.

The Otilio Bar 02

The Othilio Bar conta cunha carta tradicional e un menú diario que chaman de ‘executivo’. Un eufemismo. Un xeito de falar do menú do día de toda a vida pero cun chisco máis de pretensións e prezo. Neste caso, entrante e prato (con dúas opcións de cada para elixir), bebida e café por 12,5€.
A carta poderiamos definila como de produtos clásicos galegos elaborados e presentados con técnicas da cociña actual.
Entrantes fríos: Carpaccio de vaca vella con aceite de trufa (10,90€), Carpaccio de polbo, mazá, alioli e parmesán (10,75€) ou Ensalada de bacallao confeitado, caviar de ourizo e oliva negra (12,5€).
Entrantes quentes: Lagostinos quentes con dip de mexillóns (10,5€), Navallas á espalda, mollo ponzu e brotes (11,5€) ou Ovo, calabizo e escuma de queixo san Simón (7,90€).
Pratos: Vieira, papada de cocho e alcachofa (13,90€), Polvo con arroz de alga codium (12,90€), Bocadillo de churrasco de cocho ibérico e parmesán (9,50€), Steak de tartar de tenreira galega (15,90€).

The Otilio Bar 04

Comemos co menú executivo, un xeito interesante de saber o que realmente se coce nunha cociña como a deste Othilio.

The Otilio Bar 08 The Otilio Bar 10
Entrantes: Ensalada de uvas e parmesán con mostaza e mel,
Carpaccio de atún vermello con tarta de tomate.

The Otilio Bar 12bThe Otilio Bar 14
Pratos: Pescada á portuguesa,
Guiso de xarrete e setas con arroz Pilaf

A verdade é que moi ben. Os pratos ben pensados, ben exectuados e ben presentados. Moi lonxe de menús do día tópicos e típicos polos que pagas, tal vez, un par de euros menos, pero que están a anos luz en moitos dos sentidos (que non, necesariamente, no imprescindible: comer ben cada día, fóra de casa e a bo prezo).
Os meus (o carpaccio e o xarrete) a un nivel moi, moi alto; gustáronme de verdade. Probei dos pratos de Carmen, e tamén ben; para min, mellor os meus, pero, claro, estamos ante unha cuestión de gustos persoais.
Con caña, vaso de Ribera e os cafés, o anunciado: 25€.
Está claro que para alguén que ten que comer cada día da semana fóra de casa para chegar a un soldo ridículo, tres euros arriba ou abaixo, ao longo do mes, poden chegar a ser un mundo.
Para un día, para un local co pulo que está a coller The Othilio, a comida resultou moi satisfactoria e pagamos coa sensación de que estabamos a facer un bo negocio.

The Othilio Bar
Carlos Rodal

R Luis Taboada 9
36001 (Vigo)
986 190 017
GPS: 42.239986N, 8.722994O
www.othilio.es
Facebook
Cociña: actual
Peche: domingo; luns noite.