un grande do norte de portugal

Pillounos por sorpresa. E as sorpresas, cando son agradables, valen o dobre.
Andabamos polos arredores de Vila do Conde cando se nos fixo a hora de comer. Botei man das miñas notas e atopei que, tirando para o norte pola estrada vella, hai un nome que ano tras ano asoma a cabeza polo Top da Mesa Marcada. Certo que na edición de 2016 se trata do Romando Sushi Café, pero o restaurante Romando xa se colara nalgunha edición anterior.

Restaurante Romando 01

O Romando está ao sur de Vila do Conde, segundo chegamos de Valença, despois de pasar a ponte do río Ave, nunha zona rural.

Restaurante Romando 03 Restaurante Romando 04Restaurante Romando 05 Restaurante Romando 07

Primeiro aspecto a destacar. Algo afogado pola contorna, o edificio é un auténtico oasis de modernidade no medio da nada.
De ter que mollarme, e sen contar con dato ningún, diría que está na liña da Casa do Cinema ou do edificio de oficinas e tendas na avenida de Boavista de Porto (Aston Martin), os dous de Souto de Moura.
En todo caso, espectacular e merecedor dunha visita por si mesmo. Dignísimo respresentate desa escola de Porto que irradia arquitectura por todo o norte de Portugal (e boa parte do estranxeiro).

Restaurante Romando 09 Restaurante Romando 14
Restaurante Romando 11 Restaurante Romando 16
Restaurante Romando 12

En segundo lugar está a decoración interior. Co selo profesional ás leguas, a ver se aprendemos, é unha axustada mestura de requinte, conforto, beleza e equilibrio.
Cores neutras en tons cálidos, materiais brillantes e reflectantes, bastantes elementos decorativos pero sen estridencias nin excesos, numerosos e variados puntos de luz… O resultado final resulta especialmente agradable para apoiar unha comida no que todo suma.
Comedor moi amplo, con bastantes mesas familiares (redondas) e un espazo acristalado especialmente atractivo.

Restaurante Romando 22 Restaurante Romando 20

E todo, claro está, para unha cociña que, pese ao anterior, resulta ser a protagonista.
Mestura de tradición portuguesa con bastantes elementos de fusión tanto coa gastronomía máis mediterránea como con toques orientais.
Táboas de embutidos selectos, risottos, pastas, tempuras…, sen faltar un par de bacalhaus, a cataplana de peixe e marisco ou unha reducida pero esmerada selección de carnes. E, claro, os peixes de rocha para facer grelhados.

Restaurante Romando 24

Máis que interesante selección de viños que nalgún momento mereceu a distinción de ser a mellor do país no Concurso Nacional de Cartas de Vinhos promocionado pola Revista de Vinhos.
Pedimos unha botella pequena de Quinta do Crasto, Douro, tinto, 2014 (destacada relación calidade-prezo) e un auga.

Restaurante Romando 25 Restaurante Romando 27

Despois das olivas aliñadas, a manteiga e unha crema de atum deliciosa, e non sen serias dúbidas, decidímonos por compartir un risotto de camaron tigre de primeiro e, tamén compartida, unha ración de bacalhau.
O risotto, magnífico. De equilibrio de sabores, de textura, de melosidade, de punto de cocción do arroz… Coincidimos en que se achega moitísimo aos mellores que tomamos en Vicenza.
O bacallao, unha actualización do bacalhau com todos. Cocido pero coa costra crocante; moi branco; perfecta separación en lascas. Ovo, brécol, cebola crúa, torreznos de broa e xenerosa ración dun bo aceite de oliva por riba.

Restaurante Romando 34 Restaurante Romando 32
Restaurante Romando 30

Ampla e tentadora carta de sobremesas. Carmen, o bolo cremoso de chocolate con amorodo e xelado de vainilla, e eu, a torta de merengue con base de limón.
Calquera dos dous, riquísimos, na liña clásica da doçaria portuguesa.

Co café, pagamos 35€ cada un.
Valorando a cualidade da materia prima e a cociña, o servizo –impecable–, o comedor con todos os seus detalles, e o propio edificio, parécenos un prezo moi comedido, na liña de milleiros de locais que hai por aí e que apenas destacan nunha das catro patas do taburete.
Segundo o noso particular baremos, volveremos, seguro.

Resturante Romando
Rúa da Fonte, 222
Areia-Árvore.
4480-088 Vila do Conde
351252641075
info@romando.pt
www.romando.pt
GPS: 41.333321N,  8.722340W