un exercicio de vocabulario (a imitar)

O menú, Bo menú, ou Vaia menú, é un dos temas míticos da maridaxe entre música e gastronomía. Tema coral dos anos vinte do pasado século, non pasa de moda.

boMenu

Sen menosprezar a rica tradición musical da nosa gastronomía (ou a presenza da gastronomía na nosa tradición musical, que tanto monta), (quen non lembra o arroz con chícharos, os bistéqueles fritidos con as patácolas ou aquel rodaballo, que por non haber aceite houbo que comelo asado… E isto sen contar con que aquí en Galicia pra cantare temos que beber –e comer– primeiro), hoxe traio á palestra unha canción de complicada orixe e indubidable éxito e atractivo.
Disque O menú, hoxe por hoxe politicamente incorrecto polas súas altas doses de colesterol, de azucres, de graxas saturadas…, ou polo feito de que o comensal sexa exclusivamente masculino, disque naceu da man dun compositor alemán (Carlos Federico Zöllner) e que pronto chegou a oídos dun músico de Sestao (Miguel Arregui) que traballaba no café Iruña de Bilbao e, no seu tempo libre, obraba como director da Masa Coral do Ensanche. Mentres amenizaba os faladoiros dos felices bilbaínos dos anos vinte coa música do seu piano, a canción roldaba sen acougo polo maxín do bo de don Miguel para ver de incluíla no repertorio da Coral. E foi así, tomando como base a tradución da partitura orixinal e engadindo as especialidades do menú do café no que traballaba, e coa axuda dun dos seus xefes, Jesús Unzúe, foi tal que pariu a canción que hoxe coñecemos.

Estreouse en 1927 no quiosco do Arenal e a partir de aí popularizouse ata entrar a formar parte do repertorio dunha chea de otxotes e corais de Euskadi.
Nos anos corenta, un grupo guipuscoano de éxito, Los Xey, fixeron unha adaptación (apropiándose dos dereitos e abrindo unha importante polémica e disputa legal) e cantaron O menú por escenarios de todo o mundo.
Unha das versións máis coñecidas na actualidade, e a causa da miña devoción, é dos oitenta; trátase do Menú que popularizaron cantando a cappella os donostiarras do grupo humorístico-teatral The Golden Apple Quartet.
(Datos do artigo de José Garzón aparecidos no número de abril de 2007 do periódico municipal Bilbao, e retomados na versión dixital de El País nesas mesmas datas).

GoldenAppleQuartet
The Golden Apple Quartet

Pasemos, pois, e como simple divertimento e exercicio de tradución (que ben podería imitar máis dun restaurante galego), á miña particular versión do Menú:

Camareiro…
Señor.
Camareiro…
Señor.
Que hai para hoxe?
Señor, un bo menú…

Solombo asado con patacas fritas,
miolos ocos,
fígado,
lebre,
Chateubriand.

Sopa de albondeguiñas
caldo de tartaruga,
sopa húngara,
consomé de ameixas,
gran cocido parisiense,
ovos gratinados.

Temos polo asao, asao, asao, con ensalada.
bo menú, bo menú, señor.

Frescas luras,
rapante,
carioca frita,
barbos,
bacallau á biscaíña,
atún,
ollomol,
ameixas,
troitas,
zamborca,
lagosta á americana.

E faisán recheo,
pavo asao, asao, asao, con ensalada
bo menú, bo menú, señor.

Fritura de espinacas,
berenxenas frixidas,
fabas,
fríjoles,
e tortilla ao ron,
crema pasteleira,
touciño do ceo,
mazapán,
crema de ovo,
follado,
franchispán,
flan de abelás,
froitas,
queixo
roquefort,
e tamén gruyère.

E despois, bo xeado,
e café.

Bo proveito lle faga a vostede.

franchipan
Franchispán

Ás veces non resulta doado pois a contaminación do castelán (en xeral do inglés, en gastronomía, en especial do francés, e, cada vez máis do xaponés, do chinés, do italiano…) fan que perdamos moitas referencias e vocabulario.
Para iso está o noso amigo o dicionario. Para dicirme, por exemplo, que o sábalo español é a zamborca, ou que, malia o que se poida pensar, o de rapante é galego, para designar o peixe que os casteláns chaman gallo, e que, como peixe, non podemos admitir como galo.

dicionarioGalegoAlimentación

Xa comentei noutras ocasións, pero non abondo, que cando sento a escribir as liñas deste blog a miña man dereita é o Dicionario de alimentación e restauración (galego-castelán-inglés), coordinado por Manuel González González, editado pola Xunta de Galicia en 2012.

E cando se trata de préstamos para os que non existe tradución, tampouco hai que romper moito a cabeza: con poñelos no orixinal (franchispán, chateubriand, fríjol) e destacalos con cursiva resulta suficiente.

Bo menú (en galego).