un cocido montañés

Bodega Fuente De, rúa Peña Herbosa, 5, Santander, 942213058. Local típico nunha das rúas de viños de Santander; a cabalo entre turístico e xente local; boa cociña e bo prezo.

A idea era probar os cocidos montañés e lebaniego.
Decidímonos pola bodega Fuente De porque tiña boas referencias para os cocidos.
Tamén para táboas, racións e, en xeral, cociña tradicional.

Mesas altas na rúa, zona de bar e pequeno comedor; tocounos a única mesa libre cando reservamos, no bar, a unha hora na que as xentes locais tomando o viño de antes de comer provocan un balbordo considerable. O local é a típica bodega; non resulta moi cómodo pero ao final a comida resultou agradable.
Persoal correcto e extraordinariamente amable.

Na carta, ensaladas, embutidos (xamón serrano 7.5/4.5€, xamón cocido caseiro 7.5/4.5€, lombo ibérico, chourizo, cecina de León… ou táboa 13/8€).
Os queixos: cabra (6/4€), ovella (5.50/3.50€), afumado, picón, manchego… ou a táboa (10/7€)
Racións: morcilla (6€), chourizo frito (6€), croquetas caseiras (6€), callos (6.5€), albóndigas, carne estufada, maniñas de porco, ovos con patacas…
Pratos de culler: os luns, mércores e sábados, o cocido lebaniego (13€), a sopa do cocido (4€) ou os garvanzos con compango (9€); os martes, xoves e venres, o cocido montañés e as fabas brancas.
Peixe, bacallau (con tomate ou encebolado, 11.50€), bocartes fritidos ou rebozados, cachón en tinta.
Carnes, a costeleta de novelo (35€ o quilogramo), filete de tenreira, chuletiñas de bacoriño, lombo de Potes.

Cocido montañés na pota

Estamos para o que estamos, así que, sen preámbulos, tiramos polo cocido dos venres, o montañés.
Non teño referencias para cualificalo ou comparalo, pero a min gustoume. Ten moi pouco que ver co noso cocido galego; achégase máis a unha potaxe.
O noso levaba fabas e berza como base, e chourizo, touciño, touciño de febra e morcilla de arroz; ademais, os ingredientes de fondo para o preparado do guiso, cebola, pemento, sal, e imaxino que algo de aceite. Comémolo en prato fondo e con culler. Se teño que decidirme por unha comparación, diría que se achega máis á fabada (coa verdura polo medio) que ao típico cocido. Leo algunha receita na que a principal diferencia é que lle bota pataca; tamén hai casos con costela de porco adobada, etc. De feito, vexo por aí que hai quen usa para o cocido montañés os preparados que se venden para a fabada.
Malia todo, e polo que teño visto, diría que este cocido montañés se achega máis ás orixes do que pode ser o cocido rural que as modernas versións doutros cocidos máis evolucionados (a maioría). En moitos casos aparece como ‘pucheiro’ e, na carta de hoxe, no apartado de ‘pratos de culler’.

De sobremesa, unha quesada e unha tarta milfollas.
Con viño da casa, auga e cafés, pagamos 19 euros por cabeza.
Tería preferido o cocido lebaniego, pero a comida non estivo nada mal e o prezo foi máis que razonable.

O cocido lebaniego

Disque o cocido lebaniego pode achegarse máis ao modelo de cocido que coñecemos, quizá, ao cocido madrileño.
Como todo cocido que se prece, non existe unha única receita: cada quen acaba por botarlle o que lle gusta ou ten a man.
Son varios os elementos que diferenzan o cocido lebaniego do montañés.
— En primeiro lugar, o lebaniego sérvese en seco, non como potaxe.
— Para continuar, é un típico cocido de “vuelcos”, en concreto, de tres vuelcos.
— Un elemento propio, como en moitos cocidos -non o galego- é a pelota ou recheo a base de miga de pan, chourizo e touciño do propio cocido, ovo e perejil.
— A bóla sérvese coa sopa.
— Como legume utilízase o garvanzo.

Respecto ao ingredientes, como en todos os cocidos actuais, van depender moito dos costumes da cociñeira.
Disque son imprescindíbeis os garavanzos, a verdura (repolo ou berza asa de cántaro), a pataca, o zancarrón (morcillo ou xarrete), as costelas adobadas, chourizos frescos, touciño, orella e a morcilla de arroz.
Outros ingredientes poden ser a chacina de ovella ou de vaca, óso de xamón, óso do xeonllo de tenreira, etc.