un brunch no porto

Ademais doutras moitas lindezas, de Porto podemos dicir que é unha cidade cosmopolita; moito máis que calquera outra das que pode ter ao seu arredor a un tiro de pedra de cincocentos ou seiscentos quilómetros.

Porto Panorámica dende Gaia2

O brunch (breakfast + lunch) é unha moda de orixe anglo-saxona que leva uns anos a rebulir dun xeito inusual nas grandes cidades do mundo.
Naqueles lugares nos que o estrés do día a día non deixa o mínimo oco para un respiro durante a semana, nace este costume asociado ao relax, ao lecer, á boa vida.
Erguerse tarde, un pouco de exercicio, un baño relaxante, a mellor compaña, a prensa de fin de semana… un almorzo-xantar rico e variado.

Así, non resulta estraño atopar en cada vez máis medios de comunicación (Os sete mellores bruch de Madrid ABC.es) ou en páxinas de viaxes (Os 6 mellores bruch de Barcelona viajandopor.com) distintas seleccións de locais para regalarse un bo brunch nas principais cidades.

plano porto brunch

No meu afán por saber o que se coce a nivel gastronómico na cidade de Porto, xa levo tempo topándome con cada vez máis locais que ofertan este brunch de fin de semana; tamén son numerosas as seleccións que podemos atopar en internet (Nem pequeno nem almoço, vamos ao bruch?-Fugas-Público, Nem é breakfast nem é lunch, é brunch, e está na moda Praça-Porto24, No meio está a virtude Vogue.pt, ou a selección do noso vello coñecido O Porto Cool).

Desde o The Yeatman, co seu requintado bruch de estrela Michelín a 45 euros, ata o café máis antigo de Porto, O Progresso, con diferentes opcións de escolla a partir de 1,50 €, a variedade é enorme, tanto en pequenos locais que naceron como casas de té ou de café (Verde Tília, Tea Point, Rota do Chá) como en clásicos co seu nome propio dentro da gastronomía portuense (Bull&Bear, Shis, Vip-Lounge do Porto Palácio hotel).

 Taberna do Bonjardim 18

Existen tantos xeitos de entender o que é un brunch como locais que o ofertan.
Menú pechado con diferentes custos segundo a cantidade e variedade de bocados, á carta, buffet, mixto…
O que nunca debería faltar nun brunch son produtos típicos do almorzo (zume, bebidas quentes, froita, algún bolo, etc.; se o almorzo tira máis ao continental  dominarán os pans, doces, marmelos, manteigas…, mentres que se a tradición é máis británica, a base xirará arredor dos ovos revoltos, as salchichas, o embutido, queixo…) e os máis propios do xantar (como mínimo, unha sopa quente e un prato forte).
Como xantares que non deberían faltar nun brunch completo están os zumes e as froitas, as bebidas quentes, os ovos revoltos con touciño ou salchichas (non perdamos de vista que a idea vén dos países anglosaxóns), cerais, algunha variedade de pan salgado e doce, un bolo de tipo inglés como o muffin, waffles, cakes, ou scones coa súa manteiga, mel ou marmelada, prato de embutidos con queixos, e o salmón afumado, que é moi típico, así como as quiches. A partir de aí queda aberto á imaxinación e ó gusto de cada quen.

E como o peor do mundo é falar de oídas (hoxe moi fácil grazas a Internet), nunha próxima entrega contareivos como nos foi o sábado pasado no brunch da Taberna do Bonjardim.