Na última entrada, e a raíz dos múltiples comentarios que cada vez se escoitan máis e máis sobre os brunch (Un brunch no Porto), facía o meu particular achegamento ao cosmopolitismo de Porto.
É certo. Porto é unha cidade moi cosmopolita. Pero se algo hai que de verdade a caracterice, mesmo por riba da modernidade, son os contrastes.
As casas de Miragaia fronte as de Sobreiras. A roupa tendida fronte á fachada da Casa da Música. São Francisco fronte a Serralves. O Bolhão e Vía Catarina. A Baixa e o Parque da Cidade. Nasoni e Souto de Moura, as tripas e o sashimi, São Bento e Saa Carneiro, o mar e o río, o Escondidinho e o Shis.
En fin, para o visitante novel, a clave para entender unha cidade que non sempre entra á primeira, está en saber ver, en valorar, en aprezar o contraste. Porque, por definición, o contraste existe grazas aos dous extremos e a cada un deles, e un sen o outro, perde a metade da propia esencia.
Equidistantes da Cámara Municipal de Porto están a nova estación de metro de Trindade, de Siza Vieira, e a rúa do Bonjardim, máis que rúa, típica ruela portuense, estreita, de casas pechadas e destartaladas, algún que outro cadáver de comercio de barrio, roupa nas ventás, empedrado de adoquíns incompatible con tacóns altos…
Por certo, para pasar da rúa da Trindade á do Bonjardim podemos facelo a través da rúa Estêvão, e alí, no centro, saquei a fotografía de ‘Vigo no Porto…’.
No caso de seguir o camiño indicado, imos caer á rúa do Bonjardim xusto á altura do noso destino: a Taberna do Bonjardim. Un oasis na vulgaridade desta céntrica rúa que nalgún momento houbo de ter o seu certo esplendor.
Unha sorpresa. Un contraste máis…
A fachada, reformada, destaca do contorno polo seu estado de conservación; rehabilitada en branco e verde, anuncia desde unha pizarra un tanto emborranchada que si, que efectivamente, que hoje há bruch, e máis concretamente entre as 13.oo e as 16.oo horas e 15 euros persoa).
Pero a esencia pura do contraste atopámola no interior. Local pequeno, en tres andares (barra, sala e aseos), empapelado todo el a base de madeiras de caixas de viño de Porto, destaca polo bo gusto na decoración.
O aspecto é moi coidado, fermoso, estraordinariamente acolledor.
Soamente se aceptamos a orixe do bristot francés nas tascas populares e tradicionais do París de principios do século XX, transformadas logo á estética da modernidade dos anos sesenta, podemos pasar polo de taberna para esta do Bonjardim.
Porque o primeiro andar, co seu aire informal, un tanto ecléctico, sen disonancias, con cada detalle no seu lugar, con moita cor e madeira e sen desprezasr o branco… é un espazo que te transporta ao París do 68.
Paga a pena vir á Taberna do Bonjardim só por comer (no podo nin imaxinar o glamour dunha cea romántica) neste pequeno comedor.
O brunch, motivo que nos trouxo aquí, case quedaría nun segundo lugar.
Mais non. Sen saírse do guión, a comida é boa. Todo o boa que pode ser nun buffet de quince euros para un máximo de, máis ou menos, vinte comensais.
De bebidas quentes temos café, leite e infusións, e frías, auga, zume de limón e zume de grosellas (artificial), e viños branco e tinto.
Crema de allo porro (alho francés), ovos revoltos, salchichas, empadão de peixe (dúas capas de puré de pataca recheadas cun peixe guisado e un chisco gratinado ao forno), ensalada, tomate con queixo fresco, pizza vexetal, queixo, paio de lombo.
Froita laminada (kiwi, laranxa e ananás), torta de limón, bólo doce e panquecas (‘tortitas‘, ‘crêpes‘, con moitas variantes, e en esencia, as nosas filloas pero un pouco máis grosas e de menos diámetro) co seu mel e a marmelada para rechear.
(A sopa e as panquecas, para que estean quentiñas, hai que pedilas, veñen directamente da cociña sen pasar polo buffet.
Gustoume a experiencia. Non teño criterio para valorar obxectivamente a calidade do brunch (teremos que probar algún outro) pero globalmente, a mestura local-comida-prezo, paréceme absolutamente recomendable.
Taberna do Bonjardim
Rúa do Bonjardim 450
Porto 4000-117
Tfno: (351) 222 013 560
E-Electrónico
Facebook
GPS: +41° 9′ 1.27"N 8° 36′ 33.76"W
Localización en Mapas de Google