un agarimo na feria do cocido de lalín

Desde hai uns poucos anos estase a converter nunha agradable tradición. Calquera fin se semana entre san Mauro e san Valentín achegámonos a Lalín a regalarnos un bo cocido. Pero iso si, nunca no odioso día da feira.
Paréceme unha mágoa (pero sobre todo unha vergoña) que o que deberían ser e medrar como auténticas festas populares (dopobo) teñan sido abducidas dun xeito tan escandaloso e cicateiro polos políticos. E como mostra, dous botóns, polo demais, moito máis que significativos: esta do cocido de Lalín e a Festa do albariño de Cambados.

Cartel Feira Cocido de Lalín 2013

Claro que sempre nos queda vivir a festa como (cada vez máis) a sociedade civil estamos a vivir a realidade cotiá: de costas aos (nosos?) políticos.

En anos anteriores pasamos por restaurantes tan paradigmáticos como A Molinera ou Mouriño. Temos recomendacións para visitar A Estación, Taboada e outros varios. Pero este ano tocoulle a quenda a un local de ampla tradición e merecido prestixio, recoñecido con non poucas distincións, sen ir máis lonxe, o de preparar o cocido oficial desta XLV feria.

Falo de Agarimo, na avenida de Montserrat, fronte ao campo de fútbol.
Magnífica sona para unha casa de cocido, agarimo: cariño, mimo, meco, caricia… Un bo cocido deixa no padal a sensación dun número indefinido de sabores diferentes, pero todos eles, sen excepción, apoiados nunha textura sempre suave, delicada, agarimosa. E se a festa remata coa selección de sobremesas deste Agarimo, a evocación ao cariño, ao meco, asoma de xeito espontáneo, natural, case obrigatorio. 

Restaurante Agarimo Lalín

O Agarimo fica fóra do casco urbán, na saída cara a Botos, no baixo dunha casa de dous andares. Accedemos ao restaurante polo bar, adornado con fotos das moitas das visitas ilustres que nos precederon. O comedor asoma amplo, con abundante luz artificial e nun estilo que poderiamos bautizar como estilo Dallas: ampuloso, a base de madeiras, mármores, dourados e moito espello; coas súas lámpadas de lágrimas, coas sillas forradas e o forro atado con enormes lazos, certas reminiscencias neoclásicas, non moi recargado pero, para min, si algo excesivo e cargante.
En fin, disque para gustos se inventaron as cores, o estilo Dallas ten admiradores pero dista un bocado das miñas austeras preferencias estéticas.

Neste Agarimo ofertan o cocido tradicional e un ‘cocido de crise’. A diferenza estriba no prezo (35-25 euros) e na variedade e cantidade dos complementos (o viño, as sobremesas, os chupitos, a queimada final, etc.) Por ser hoxe, homexaneámonos co cocido tradicional. O viño é un Algaira que molla moi decentemente o cocido.

Restaurante Agarimo Cocido de Lalín

Comezamos cunha delicadeza da casa: uns mexillóns escabechados, servidos en lata, que están realmente bos.

Restaurante Agarimo A sopa do cocido

Seguimos coa sopa de pasta. Agradécese coa friaxe que vai na rúa, esa mesma que converte a Lalín nunha das capitais de cura do porquiño. Anuncia, sen ambigüidades, o que vén a continuación.

O cocido

Restaurante Agarimo O cocido de Lalín

A fonte con grelos e patacas
Restaurante Agarimo O cocido de LalínA cunca dos garabanzos (importación de castela, seica definitivamente adoptada polo cocido galego) cun anaco de lingua e os chourizos pingando por todo o vai por debaixo (chourizo de carne e chourizo de cebola)

Restaurante Agarimo O cocido de Lalín

A bandeixa do lacón (con racións ben contundentes de magro pero sen faltar deses bocados que tiran á graxiña e á pel e que para min resultan moito máis saborosas e, xa postos, agarimosas) e os trozos de orella (en realidade moi pouco de orella e bastante de todo o vai ao seu arredor: bos bocados da cacheira)

Restaurante Agarimo O cocido de Lalín

A última fonte: unlla e costela salgada.

Logo, aos poucos, haberá ofertas continuas para repetir de todos os bocados ou para probar algún novo, chámese rabo, galiña da casa ou só deus sabe que.

As sobremesas

Sen menosprezar as bondades do cocido, destaca como elemento que identifica e marca a diferenza (e suaviza o prezo) deste Agarimo.

Restaurante Agarimo Sobremesas do cocido

Queixo con marmelada e Requeixo cunha mini-tella de améndoa

Restaurante Agarimo Sobremesas do cocido

Leite fritido

Restaurante Agarimo Sobremesas do cocido de Lalín

Filloas con mel

Restaurante Agarimo Sobremesas do cocido de Lalín

Rosquillas da avoa

E tamén a Torta de castañas.
Todas en racións de bocado, suficientes e proporcionais á variedade. Todas un alarde de elaboración e de esemerada presentación.
Pero, sobre todo, todas facendo honra á sona do local, bocados de textura morna, deliciosos, todos, un por un, auténticos agarimos na boca.

Concello de Lalín Tuñón y Mansilla

Por certo, xa que estamos en Lalín, visita cada vez máis inexcusable á nova casa do Concello. Comeza a ser unha auténtica icona da cidade. Proxecto de Tuñón e Mansilla, inserida no boom arquitectónico da burbulla, para min, é das obras que mellor agradece e xustifica toda a inversión que se teña feito nela.

Restaurante Agarimo
Avenida Montserrat 2
(36515) Donramiro. Lalín.
Teléfono: 986 780 902
Fax: 986 78 09 02
GPS: 42.651889N    8.124568W
Enderezo-E 
Web
Facebook
Localización en Mapas de Google