último peaje

Non son moi asiduo ás saídas de menú pero hai momentos en que a ocasión ben o merece. Como ocorreu na anterior, Por catro perras, estou a falar da presentación dun novo libro de Chiño Barral, o segundo, un Último Peaje que semella vai ser unha novela inevitable.

Último Peaje. Chiño Barral

O veículo dun coñecido político da comarca de Vigo precipítase nunha mañanciña de verán desde a ponte de Rande…

A partir da investigación sobre o que semella accidente, e a través dunha situación de permanente flashback, Chiño reconstrúe a memoria política da trepidante vida galega dos anos que van desde primeiros dos setenta ata a actualidade. O fío condutor vén ser a vida deste político local, Doro Maquieira, que seica ten moito que ver co noso Magis.
Trátase dun personaxe, pseudoliterario, tan golfo como seductor, tan libre como comprometido, magnético, vitalista, incansable, dunha vontade tan inquebrantable como insobornable era a súa conciencia, valiente, leal pero sen ataduras, cunhas capacidade de traballo e tesón que facían que sempre chegase alí a onde se propuña.
En fin, un auténtico encantador de serpes que expremeu todas as súas excepcionais artes literarias en tentar mellorar un mundo para todos ao tempo que procuraba vivilo e bebelo para el mesmo.

Último Peaje. Chiño Barral   Último Peaje. Chiño Barral

Ando polas primeiras páxinas e xa sei que vai ser unha lectura inevitable.
Inevitable porque se trata de Chiño e de Magis.
Inevitable porque estamos ante unha edición do propio autor, e a afouteza e o salto ao baleiro ben merencen unha recompensa.
Inevitable porque sendo ficción acaba por se converter en historia.
Porque sendo historia demasiadas veces queda a só un fío da ficción.

Último Peaje. Chiño Barral

Pero, ademais, inevitable porque narra toda unha vida de claridade, de loita, de compromiso social, algo que cada vez se ve menos e, polos carreiros que avanzamos, cada vez necesitaremos máis.
Sorte, amigo.