tsuki

Tsuki, restaurante xaponés. Rua Enrique Xabier Macías, 7. Vigo. 886118886. Restaurante especializado en sushi e noutras receitas xaponesas. Local agradable, bo produto, boa elaboración e prezos asequibles. Servizo a domicilio.

Tsuky Horario

Moito choveu desde que algúns tivemos o privilexio da achegarnos á cociña xaponesa da man de Andrés Médici no seu Oh!Sushi. Pasará á historia local como o primeiro xaponés gourmet de Galicia; por moitos anos, o mellor xaponés de Galicia.
Logon chegarían outros, moitos, moitísimos, case unha praga; entre eles hainos moi bos, mediocres e -moitos- temendamente malos.

Moito cambiou o mundo nestes escasos dez anos. E todo pola xente máis nova que vén empurrando por atrás.
Entre eles, Carmen e Hugo, que foron os que me invitaron hoxe.
Agora xa non está de moda Kurosawa. Falan de ‘anime’ e de ‘manga’, veneran a personaxes como Son Goku, Monkey D. Luffy ou Naruto, viaxan de vacacións a Xapón e aprenden xaponés de xeito autodidacta.
E comen moita comida ‘japo’, e saben diferenciar mil e unha especialidades, e apreciar os bocados máis exquisitos. Dominan a arte dos palillos e non se enrugan ante o wasabi.

Tsuky Cadro

Entre os iniciados, este Tsuki goza de moi boa sona. Disque conxuga un produto excepcional cunhas elaboracións que alternan entre moi boas e exquisitas.
O local é tradicional, sen ‘mesas’ a res do chan, pero ateigado de chiscadelas á cultura xaponesa; á cultura de verdade, non á anécdota; homenaxe ao peixe e a esas fermosísimas láminas xaponesas que, desde a sinxeleza, son unha ledicia.

A carta é moi ampla e abarca a maioría das especialidades xaponesas. Un profano coma min debe ir ben provisto de dicionario ou, coma no meu caso, acompañado de xente entendida.
Edamame, gyoza, tempura, takoyaki, torikatsu, kaisen, yaki, samosa, teeka maki, sake maki, chirashi poke, tori poke, nigiri, etc.
Ademais, ofrecen menús para dúas persoas (Maki de salmón -6p-, Empandillas de carne e verduras á prancha -5p-, tallaríns ou arroz -1 ración-, Uramaki -salmón e aguacate 6p e California 6p- por 25.95€), ou para tres (38.45€), ou un menú Fórmula1 de 27€ e o Fórmula2 -tamén para levar- a base de salmón maki (6p), atún maki (6p), mango maki (6p), salmón aguacate uramaki (4p), California uramaki (4p), Tamago uramaki (8p), salmón cheese uramaki (8p) e salmón nigiri (4p), por un prezo de 39.95€.
Servizo dilixente sen moitas concesións.
Somos tres, bebemos refrescos e caña, e comemos o que vedes a continuación:

Tsuky Tempura lagostinos
Tempura de lagostinos

Son 5 unidades e pouco hai que dicir. Trsicantes e saborosos.

Tsuky Takoyaki
Takoyaki

5 unidades destes boliños de fariña con tropezóns de polbo. Bocado novo, diferente a todo, que me gusta moito.

Tsuky Gyoza
Gyoza de carne e verduras

5 unidades. Son bastante fan destas mini-empanadillas xaponesas, neste caso, de carne e verduriñas.

Tsuky Torikatsu
Torikatsu

Aliñas de polo rebozadas en kara-age e acompañadas de arroz e mollo xaponés. Outra novidade para o padal. Gústame, tamén.

Tsuky Unagi Maki
Unagui Maki

Maki de anguía, 6 pezas. É quizá, a especialidade xaponesa que máis se me resiste (cando menos entre as que coñezo). Non acabo de entrar polo intenso sabor da alga nori; a cousa complícase se vén por fóra; a cousa vai algo mellor cando se trata do uramaki e a alga vai por dentro do arroz.

Tsuky Nigiri No Moriawase
Nigiri de salmón e atún
Tsuky Lubina Nigiri
Robaliza Nigiri

Os nigiris son, sen dúbida, os meus bocados favoritos. Hoxe eran de salmón, atún e robaliza, un de cada para cada un. Especial, o de robaliza. Nos tres casos destaca a frescura e o corte do peixe. Moi, moi ricos.

Tsuky Trufas
Tsuky Mochi

De sobremesa, unhas trufas realmente deliciosas, e dous mochi, ben, pero tampouco entran nas miñas preferencias.

Pagamos 64€, ou sexa, uns céntimos máis dos 21 euros por persoa. Paréceme un prezo moi axustado para o que comemos.

Tsuki
  • Rua Enrique Xabier Macías, 7
  • 36203, Vigo (Pontevedra)
  • 886 118 886
  • GPS: 42.227154N, 8.726363O
  • tsukisushi.com
  • Facebook
  • Cociña: xaponesa
  • Prezo: 15-20€
  • Peche: martes
  • Presente na maioría das plataformas de servizo a domicilio