De cando o turismo non está reñido coa calidade: restaurante Trasmallo, A Guarda. Moi boa comida tradicional (e moi abundante) a un prezo lixeiramente por debaixo das nosas mellores expectativas.
Houbo un tempo en que A Guarda era o noso pequeno retiro para a celebración gastronómica dos nosos aniversarios. Cando o Gran Sol era o Gran Sol, coas súas luces e sombras pero, sempre, sempre, coas mellores lagostas do mundo.
Isto eran os mediados do 91 e por lagosta, salsas, viño do Rosal da casa, pan e sobremesa pagamos tres mil cincocentas pesetas cada un. Máis, menos, isto viña representando un 2.4% do meu soldo mensual. Trasladado a día de hoxe estariamos a falar dunha comida de 50€ por barba.
Outra de datos: un par de meses despois do Gran Sol, e polo tanto movéndonos nas mesmas coordenadas, pagamos 5.100pts. cada un por unha comida no Síbaris de Toñi Vicente; ou sexa, por unha estrela Michelín (da que xa gozaba desde 1989), pagamos dunha sentada o 3.5% do meu soldo mensual, o que trasladado a día de hoxe viña ser, aproximadamente, unha comida de 77€ por comensal.
Caro? Barato? Hoxe? Onte? Cada un pode sacar as conclusións que queira.
En fin, un sábado normal de novembro, sen celebracións á vista e, malia os reclamos turísticos, deixámonos enganar polas referencias (TripAdvisor, Michelín) e entramos no Trasmallo. E digo ben: a pesar dos reclamos turísticos.
Por fóra (e case me atrevería a dicir por dentro), o restaurante Trasmallo, en pleno porto de A Guarda, é o típico local á caza do turista despistado. Cartelóns con fotos que fan a boca auga, ofertóns irresistibles, camareiro á porta botando o anzó…
Comedor tradicional (pequeno, máis apetecible, pero sen mesa) e anexo prefabricado máis amplo e de batalla pero con soberbias vistas sobre o mar da Guarda.
Servizo e trato exquisitos.
A proposta gastronómica… xa vedes, moi ampla e adaptada a todos os gustos (e petos); con menús pechados (Croquetas, mexillóns, arroz de marisco, sobremesa, pan e viño, 22,5€ por persoa. Mariscada con lagosta para dúas persoas, 85€ e sen lagosta 49). Logo carta tradicional con entrantes tipo caldo (3.5€), polbo (13.5€), zamburiñas (12€), mexillóns (6€), revolto de ourizos con tetilla (9€), ensaladas… De prato: arroces (con lumbrigante 24€ persoa, de marisco 15€ persoa), peixes (pescada –prancha, galega, romana– 14€, espada 14€, grellada de peixes 15€) e tamén bastantes carnes (solombo de porco ibérico –á prancha 15€, con filloas, á pementa ou con tetilla 16€–, de tenreira 17€, grellada de carnes 15€, etc)
Compartimos un salpicón de boi e a empanada de mexillóns con chourizo (por certo que debe estar de moda, non hai moito que –de millo– foi unha das estrelas en Chocolate. Calquera dos dous pratos a un altísimo nivel. O salpicón natural, sen trampa nin cartón: boi e vinagreta; con olivas, ovo e pemento vermello para adornar.
De segundo serias dúbidas entre o espada-coruxo ou a grellada de peixes, para acabar tirando polo arroz de zamburiñas (unha vez que nos confirman que pode ser caldoso ou máis sequiño –eu son de arroces secos e a maioría dos caldosos non me tiran demasiado–). Mesmo co rariño e esixente que son cos arroces, ningunha queixa; ao contrario: gustóucheme ben.
Oferta de sobremesas tradicionais: queixo con marmelo, cañas con crema, torta de queixo, un par de xeados caseiros… Pedimos unha torta de chocolate e galleta e xeado de limón. Manteñen con afouteza o nivel medio da comida.
Bebimos o Rosal da casa (máis que digno), auga e un café e pagamos 39€ por cabeza. Contando co menú (o enorme prato de auténtico salpicón, o arroz cunha ducia de zamburiñas) pareceunos mesmo barato.
Por certo: todos os pratos en racións máis que xenerosas; de feito non fomos quen de dar conta do arroz e levamos máis da metade para seguir a festa pola noite en casa.
Restaurante Trasmallo
Rúa do Porto 59
36780 A Guarda (Pontevedra)
986 610 473
619 725 676
www.trasmallo.es
Facebook
GPS: 41.897838N, 8.875889O
Cociña: Tradicional, peixes e mariscos
Prezo: 15-50€
Peche: Mércores
Michelín: BigGourmand