torres vila verde

Restaurante Torres. Ponte de São Vicente 280, EM531, Vila Verde. +351253361619. Xenuíno restaurante portugués de interior. Ampla carta de comida miñota tradicional nun local agradable, bo servizo e prezos axustados.

Restaurante Torres

O grupo Torres ten unha sólida implantación nos arredores de Braga.
Conta con locais como o Augusta ou o Pórtico na propia cidade de Braga, e o Torres de Guimarães.
E, claro está, a casa matriz, este Torres de Vilaverde, onde todo comezou xa hai máis de 50 anos.

O grupo aséntase nunha cociña de corte tradicional sen fisuras. O cabrito, bacallau, grellados…, e preparados de tempada como a lamprea (á bordalesa ou con arroz), o cozido, a caza (perdiz, coelho…) ou as papas de sarrabulho com rojões.
Así, a carta do Torres de Vila Verde non ten segredos aínda que si algunha que outra sorpresa.
Entradas. Sopa de legumes (2.50€), Canja de galinha (3€), Salada à chefe (8.5€), Ameijoa à Bulhão Pato (33€), Alheira de perdiz (7.50€), Salteado de cogumelos (8€), Folhado de alheira com legumes (9€), etc.
Peixe. Bacalhau à Torres (34€ para dúas pessoas), Filetes de Polvo (36€ para dúas pessoas), Cabeça de pescada cozida ou assada no forno (18€), Filetes de pescada fresca (16€), Peixe do día para grelhar (55€ o quilogramo), etc.
Carne. Tacos de boi à Torres (16.50€), Nacos de vitela ao alho (16.50€), Vitela D’Avô (16.50€), Bife na caçarola (un dos preparados que perviven desde a inauguración en 1968, 18€), etc.
E, ademais, ofertas especificamente ‘xuvenís’ (Ovos mexidos com salsichas, 10€, Filete de pescada com puré (10€) ou Prego no prato con ovo, batata frita e arroz (10€), ou un prato de corte vexetariano (Gratinado de legumes, com lombarda, cenoura, cogumelos, batata, tomate e pão milho, 20€).

Restaurante Torres Olivas
Restaurante Torres Pataniscas

Despois dunhas riquísimas olivas aliñadas pedimos un par de pataniscas de bacallau para cada un. Veñen perfectas. Cero de graxa, triscantes por fóra e amorosas por dentro, moi sabrosas con toda a esencia do bacallau.

Restaurante Torres Cabrito

E de prato forte, un cabrito.
En realidade anúnciase como Cabritinho Bébé assado no forno (34 euros para dúas persoas, aínda que ben poderían comer tres).
Xa vedes na foto: coas súas pataquiñas asadas co propio cabrito, o arroz de miúdos e esa couve salteada con allo, todo en proporcións case pantagruélicas.

Restaurante Torres Cabrito
Restaurante Torres Cabrito

E que dicir deste cabritiño? Pois, de entrada, que cumpre coa súa palabra: é moi pequeno e tenro coma poucos; e, para seguir, que está simplemente brutal.
Cómpre matizar que se trata dun cabrito moi limpo, asado na propia salsa, apenas sen herbas aromáticas nin condimentos innecesarios; un cabrito que sabe a cabrito.
Dos acompañamentos, case mellor nin falar. Hai bocados en que poden chegar a converterse en protagonistas do prato; as patacas, tenriñas, con todo o sabor do cabrito; o arroz, seco e moi sabroso; a verdura ao dente, húmida pero non aceitosa, etc.

Restaurante Torres Torrada
Restaurante Torres Folhado

A lista de sobremesas resulta diferente e tentadora.
Atopamos clásicos como o Pudim Abade de Priscos (5€), o Leite Creme Torrado (4€) ou a Mousse de chocolate (4€); pero ademais, a Trouxa crocante (creme en massa filo gratinado com caldo de froitos vermellos, 4€), o Travesseiro do abade (massa do pudim abade de Priscos envolvido en massa folhada e gratinado, 6€) ou un especial Doce à Torres (preparación tradicional: souflé de limão com sorvete, 10€ para dúas persoas).
Tiramos pola Rabanada á Dona Augusta (torrada acompañada de redución de viño do Porto e noz), e Crocante de requeijão (requeixo envolvido en massa filo e gratinado acompañado de doce de abóbora).
Final feliz para unha comida toda ela digna de mención. Calquera das dúas sobremesas son produto dunha idea i execución moi destacadas; están realmente moi boas.

Prometémonos volver a probar o bacallau (seica é con puré e ao forno) ou, quen sabe, un cozido de inverno ou a lamprea à bordelesa.
Con café, unha botella de Douro Duas Quintas pequena, e auga, pagamos 32 euros por cabeza, prezo que, para o que comemos, antóllasenos moi axustado.

Torres
  • Ponte de São Vicente 280
  • EM531, Vila Verde
  • 4730  (Braga, Portugal)
  • +35 125 336 1619
  • GPS: 41.682368N, 8.389117O
  • restaurantetorres.pt
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 25-35€
  • Peche: mércores noite; xoves
  • Guía Boa cama, Boa mesa