tolerancia cero

Como o prometido é débeda, e sen máis preámbulos, paso a completar a entrada destes días atrás (Un mundo machista) na que analizaba as consecuencias para dous grandísimos cociñeiros galegos (Toñi Vicente e Marcelo Tejedor) dos erros onde eles mesmos se meteron.

Se daquela escribía que as consecuencias para Toñi Vicente foron moito máis demoledoras que para Marcelo, e se opinaba que detrás desta situación podía haber evidentes pousos de machismo (poida que por omisión máis que por comisión, pero a fin de contas machismo, tolerancia ante unha sentenza por malos tratos de xénero), agora trataríase de tentar demostrar a miña hipótese de trato desigual a través do estudo dos resultados de introducir en Google o nome dos dous e analizar as quince primeiras referencias que nos devolve o buscador.

Para empezar, no caso de Toñi Vicente, das 15 primeiras referencias en Google, 3 son anteriores á crise das vieiras (un blog alabando a Toñi, unha páxina de empresa coa biografía e receitas da cociñeira e a ligazón ao local en Compostela a través de Google Maps).
Outras 9 entradas son de datas arredor do 7 de setembro de 2008, día en que saltou aos medios o asunto das vieiras. Destas, 8 son páxinas de medios de comunicación (4 con imaxes e vídeos sobre a detención, 3 información da detención e a cuarta información-opinión sobre a ‘comida de desagravio dos intelectuais’); a novena daqueles días é un blog cunha entrada na que, co pretexto da comida dos intelectuais, realiza unha crítica de Toñi Vicente polo tema das vieiras.
As tres referencias posteriores son dúas de medios de comunicación que informan unha do peche do restaurante de Santiago e a outra do seu regreso ao seu actual proxecto en Revolta. A última é unha referencia nun blog na que, coa desculpa do peche en Santiago, lembra a Toñi de xeito agarimoso.
No tocante a Marcelo Tejedor atopamos os seguinte 15 primeiros resultados.
Tres son anteriores á condena: dous de medios de comunicación (un información do nomeamento como ‘galego do mes’ e outro unha entrevista con Marcelo) e o terceiro a crónica dunha comida en casa Marcelo por parte dun portal gastronómico.
Catro (fronte a nove) das páxinas teñen data arredor do 16 de maio de 2009 e todos son medios de comunicación que informan, en tres casos da condena e no cuarto da retirada dun galardón a Marcelo por mor da condena.
O resto das referencias (oito, fronte a tres) son posteriores á sentenza.
Unha (a primeira) é  a ligazón á páxina de Marcelo no portal de Os Nove; na ligazón ás imaxes de Google a primeira é unha foto de Marcelo con Adrià; cinco son medios de comunicación ou os propios organizadores que informan da participación de Marcelo Tejedor en distintos eventos gastronómicos mundiais (Madrid Fusión, Salón Internacional de Hostelería e Restauración de Lyon, Saboreart millesime de Sao Paulo, etc.).
A última é a entrada dun blog no que considera a perda da estrela por parte de Marcelo como ‘danos colaterais’.

SQD.
Obviamente, algo falla.
O trato en Internet non é o mesmo.
Pero, que é o que falla?

Comín en Casa Marcelo cinco ou seis veces. Sinto unha especial debilidade pola proposta de funcionamento e pola cociña que elabora, por aquel xeito de cociñar cara ao público, polo local en si…
Nunca fixen a entrada de Casa Marcelo neste blog porque desde que empecei a escribir non volvín por alí.
Agora podo dicilo: tampouco volverei.
E, salvo accidente, a anterior foi a última vez que escribín o seu nome no meu blog.
Eu non xulgo.
E moito menos condeno.
Para iso está a xustiza. E neste caso xa o fixo.
Eu actúo dentro das miñas limitadas posibilidades.
Coa miña particular vara de medir (nin boa nin mala pero miña), a violencia de xénero, ademais dunha lacra difícil de erradicar que está a producir resultados devastadores, é unha das peores barbaridades que un home pode cometer.
O único xeito de acabar con ela é non calar.

Aplicar ata as últimas consecuencias a máxima de tolerancia cero.
Todo o que non sexa tolerancia cero é complicidade.