Terra de Montanha. Rua 31 de Janeiro 16, Vila Real, +3496 1783911. Nunha céntrica rúa, un clásico dos restaurantes rexionais de Vila Real. Decoración e cociña trasmontanos. Boa relación calidade-prezo.

“Da vaixela negra ás barricas de viño cortadas ao medio e utilizadas como divisorias, todo é estrictamente transmontano. Auténtica cociña local que inclúe especialidades como a posta Barrosã”. A descrición de Lonely Planet, que menciona este Terra de Montaña como restaurante destacado en Vila Real, non pode ser máis certeira. Restaurante que recolle toda a esencia de Tràs-Os-Montes.
Na carta, ampla e variada, pero non exclusiva, mandan as especialidades de montanha.
Non faltan os enchidos e os queixos rexionais (presunto, salpicão, chouriço, alheira…); especial protagonismo para as carnes (destaque para a posta pero tamén Alheira ao forno com broa ou as Favas à “Terra de Montanha”; bacalhau e polbo; tentadora oferta de sobremesas doces: farófias, papos de Anjo, pudim D. Adélia, torta de chocolate e amêndoa, creme queimado, requeijão c/ compota, queijo de ovelha c/ compota, queijo de cabra c/ compota, etc.

Xunto coas olivas (temperadas na casa, fantásticas), e a manteiga, un pan fritido en aceite con allo e pirixel. O pan non está malo, pero non aporta nada á comida; resulta prescindible.

Somos catro e dous piden do bacalhau à Terra de Montanha. Sobre base de ceboliña e aceite, ao forno con maionesa por riba. As postas son absolutamente espectaculares; dun tamaño atípico, escachan nunhas lascas tersas e brancas; malia a altura no centro, perfecto punto de desalgado.
A preparación moi, moi rica; sinxela pero zumenta, saborosa e equilibrada, cedendo o protagonismo ao bacallau.

Polvo grelhado com molho verde. Presentado no espeto, cos seus toques de cor e sabor a través do pemento vermello.
Moi rico pero sen excepcionalidades. Dos tres, quizá é o prato do que menos gustei.

Como non podía ser menos, eu tiro polo Arroz de pato. Está entre as especialidades da casa e, efectivamente, non defrauda. Base elaborada con mestría e paso exacto por forno para que quede sequiño sen pasarse. Moi, moi sabroso e moi bo equilibrio entre o arroz e a ‘chicha’. Pasa a ocupar un lugar preferente entre os meus destaques de arroz de pato.
Somos catro e pagamos 24 euros por cabeza. O viño recomendado (Douro tinto Maria Mansa, da Quinta do Noval), resulta perfecto para acompañar a comida transmontana, está rico, persiste en boca e ten un especial equilibrio.
Coincidimos en valorar a relación calidade-prezo como destacable; local coidado, servizo eficiente e unha cociña para repetir.
Malia as tentacións, decidimos deixar o café e o doce para tomar pastelaria Gomes.

A escapada tiña como epicentro o Douro en tempos de vindima. A paisaxe, coma sempre, espectacular; coa viña en plena efervescencia e a luminosidade e as cores de finais de verán.

Aínda que se trata dun modelo moi turístico, gozamos a tope da vindima na Quinta da Avessada, en Favaios.
Eramos un grupo de sete persoas e deste xeito a experiencia puido ser bastante individualizada. Probas de viños, comida, recollida da uva, pisado…
A experiencia resultoume moi rendible.

Aproveitamos, tamén, para unha nova visita a Foz Côa, nesta ocasión para probar a última experiencia incorporada: desprazamento ás gravuras do Fariseu polo río Côa nun barquiño electrosolar. Diferente e moi recomendable. Durante a travesía (deliciosa) explicacións sobre a historia con referencias permanentes á flora, á fauna e ás repercusións da famosa barragem sobre as gravuras e a propia vida natural do val.
Terra de montanha
- Rua 31 de Janeiro 16
- 5000-603 Vila Real
- +34 96 1 783 911
- GPS: 41.298028N, 7.744347O
- Web
- Cociña: rexional, transmontana
- Prezo: 25-35€
- Peche: domingo noite
- TripAdvisor: lugar 24 en todo distrito de Vila Real
- Lonely Planet: recomendado