tapería o eirado en eiras

Este ano celebramos a comida de fin de curso en O Eirado en Eiras.
Tiña referencias del por diferentes vías e desde xa había moito tempo. Compañeiros e compañeiras que traballan ou viven na zona (O Rosal, A Guarda, Goián, etc.), algúns dos meus amigos gourmets máis achegados, mesmo reiteradas aparicións nalgunha guía gastronómica.
A festa comezou co claustro –aínda que non resultou ser, precisamente, unha festa rachada-. Logo uns poucos elixidos, e aproveitando a proximidade, continuamos cunha achega á adega Santiago Ruíz. Foi unha visita gratificante e moi enriquecedora. Fóra o viño, e digo ben, o viño, pois Santiago Ruíz produce un único viño, gocei do paseo mentres inventaba unha especie de homenaxe interior e seguía o fío dos comentarios que facía a nosa guía, a propia filla de Santiago Ruíz.

Bodegas Santiago Ruiz 1Bodegas Santiago Ruiz 3Bodegas Santiago Ruiz 36Bodegas Santiago Ruiz 21
Santiago Ruíz foi un auténtico adiantado para o seu tempo enolóxico e un dos que sentaron as bases do enorme pulo que hoxe teñen os viños brancos galegos a nivel internacional. Abonda con ver a etiqueta orixinal do viño, o plano para chegar á adega con anotacións manuscritas, para imaxinar ata que punto se trataba dun innovador. En contra do que se estaba a facer en Galicia, Santiago Ruíz coidou e seleccionou as uvas, estudou as técnicas e momentos da vendima, introduciu os depósitos de aceiro inoxidable, mimou o proceso de elaboración procurando uns aromas, uns sabores, unha consistencia, unha identidade propia… e por fin puxo prezo ao seu viño á altura da cualidade que estaba a conseguir. Foi criticado, case tildado de louco, alá polos oitenta non se entendía moi ben cobrar un branco galego a máis de 1000 pesetas a botella. El mantivo a súa filosofía e hoxe, a nivel prezo, o viño de Santiago Ruíz está na media da denominación de orixe e dista moito dos brancos galegos máis caros.
Lagar de Eiras 1Lagar de Eiras 4Lagar de Eiras 10

O Eirado en Eiras é a típica tapería rural, comedor interior escuro para gardar a temperatura nos meses de verán e mesas exteriores á sombra do parral. Perfecta para as tardiñas de verán. Un viño da zona, fresco, e calquera dos bocados que nos ofrecen, ben sexan tradicionais, as croquetas, ou algo máis elaborados como as filloas de legumes.
Variedade de tartas para endulzar a experiencia.
As comidas multitudinarias non son o mellor momento para valorar un local, pero saín do Eirado co ánimo de volver con máis calma e os sentidos preparados para unha análise máis polo miúdo.
Adianto, convencido, que non me decepcionará.

rbrobsantiagoruiz