tapas…, e moito máis

Ocupando o espazo do vello Aquí te espero, en Combarro, Tinta negra soubo facerse un oco propio grazas á polivalencia do local. Importante oferta para comer a prezos moi interesantes.

Combarro-TintaNegra2

Un e outro, Aquí te espero e Tinta negra, aséntanse sobre a base dun vello almacén portuario. E isto, no local actual, percébese en cada detalle da decoración; mantendo a pedra vista e moita madeira, respectan as liñas do antigo almacén (bombillas espidas) e introducen elementos de marcado acento mariñeiro (destaca a lámpada sobre a barra feita a base de plumas de calamar).
Interesante exposición de cadros colgados nas paredes.

No mesmo espazo coexisten, en palabras da propia web do local (Tinta negra), ‘desde as tapas máis saborosas aos mellores cocktails e xenebras premium coa maridaxe que aconsella o fabricante e todo acompañado dos directos máis sorprendentes…
A hora da verdade a oferta vai moito máis alá dun sinxelo bar de tapas, pero o espazo tira máis a esta liña que á estética dun restaurante. De feito podemos situalo máis a cabalo entre bar de tapas e local de copas.

A carta é unha mestura de tapas e racións para picotear (táboa de ibéricos 13€, ensalada de bacallau e verduras escabechadas 10€, empanada do día 4€, polbo á feira 15€, ameixas na tixola 11€, ovos con pan de millo 5€, tortilla grande 10€…) con pratos máis elaborados (bacallau á portuguesa 14€, raia á galega 10.5€, hamburguesa de carne de tenreira de 70gr 4€ ou polo panko con salsa agridoce 8,5€), a selección de arroces (negro con ali-oli 17,5€, a banda con ali-oli 15€, mariñeiro 17,5€, ou o caldoso de peixe sapo e berberechos 17,5€) e unhas atraentes suxestións de tempada (carabineiro salteado con pasta fresca e alfábega 12€, salteado de cogomelos de tempada e ovo poché 11€, ourizo recheado con ovo de paspallás 8.5€, o cuarto de cabrito asado ao aroma de romeu 30€ ou o arroz meloso de caza e setas 17,5€).
Boa e estraña bodega. Pedimos un Castro Candaz Finca El Curvado (Ribeira Sacra 2016), 21.5€, e, cando pedimos unha segunda botella, como non tiñan máis, pasámonos a Las Gudiñas (Bierzo), 25€. Dous moi bos viños que subiron considerablemente a factura. Eramos sete e, ademais das dúas botellas de viño, augas e cervexas.

Tinta Negra 01Tinta Negra 02

Bo comezo. Dúas de croquetas variadas e dúas tostas (familiares) de xamón ibérico e tetilla. Se é certo iso de que detrás dunha boa croqueta sempre hai unha boa cociña, neste caso presaxiaban unha moi boa comida.

Tinta Negra 03
Cocochas de bacalhau con fabas

Tinta Negra 04Tinta Negra 06
Secreto de ibérico e Croca de tenreira

Tinta Negra 08Tinta Negra 10
Arroz de vieiras con lascas de ibérico

Os catro pratos magníficos. Difícil decantarse por un. O arroz, co esixente que eu son, gustoume, moito. As fabas estaban moi ricas e as carnes especialmente saborosas e acabadas no seu punto.

Tinta Negra 11

Catro sobremesas (coulant con xelado, flan de queixo e dúas milfollas de nata e crema pasteleira; a miña, a milfollas, moi, moi boa). Cafés.

Todo o anterior por un prezo arredor dos 27€ por cabeza. Non está mal. Sen os viños tería quedado sobre os 20€.

Local recomendable; está de moda; en días e horarios punta convén reservar para non levar un disgusto.

Tinta negra
Av. Francisco Regalado 44 (Porto deportivo)
36993 Combarro (Pontevedra)
Teléfono: 609 82 67 97
www.tintanegracombarro.com
Facebook
GPS: 42.430243N, 8.705716O
Cociña: tapas, tradicional
Prezo: 20-35€