tantra experience

Tantra, Jim Couture. Praza Martín Gómez Abal 2, Vilagarcía de Arousa, 610445363. “Un xiro ao produto local”, con pinceladas de cociña internacional, coidando os puntos de cocción e as presentacións.

Tantra Grafiti

Nunha típica praciña de Vilagarcía, moi cerca de todo e ao mesmo tempo fóra dos circuítos máis transitados, Tantra ofrece un local rabiosamente actual. Na decoración manda a parede que ofrece un enorme graffiti (con continuidade na zona de lavabos) que revela ás claras a feitura urbana do local; logo, unha acertada conxunción de elementos e cores amosa a versión máis ecléctica de Tantra; dourados en grandes lámpadas e separadores de ambientes, un azul madianoite que completa o elemento máis requintado no mobiliario, gris perla no resto de paredes, grandes ventanais que diferenzan espazos que van dende a transición á terraza ata a zona máis cálida e escura, mobles sinxelos e modernos cun certo toque pop, en fin, unha lograda conxunción de matices que crean un ambiente urbano moi agradable.

Tantra menu

A carta, na liña da decoración: moderna, variada con toques de fusión, divertida e ao mesmo tempo seria, sen disonancias, moi apetecible.
Comeza cos Entrantes e Ensaladas: Vieiras, con salsa albariño e crocante de xamón (2un) 13,50€; Tartar vexetal 12,90€; Ameixas Thai 20,50€; Ovo65º, con cogumelos, alcachofas e bacon crocante, 20,50€; Ensalada de Cebreiro, brotes tenros, queixo do Cebreiro, cherrys, amorodos confeitados, améndoa, cebola crocante y vinagreta dulce) 14,50€; Ensalada de Bacallau afumado, brotes tenros, bacallau afumado, pesto vermello, ovo cocido, Cherrys, cebola encurtida e manzá aceda confeitada), 16,50€; etc.
Sección de Arroces e Pastas: Risotto do momento, 19,80€; Risotto Vexetal, 17,90€; Arroz caldoso de vieira e lagostino, 19,90€; Tallaríns con Ameixas ao coco e curry, 17,90€; etc.
E, xa por fin, os Pratos principais: Entrecosto de vaca vella, con guarnición (35 días de maduración), 28,90€; Chuletón de vaca vella, con guarnición (35 días de maduración), 51,50€/KG; Codelo de porco asado, con guarnición 20,90€; Costelar de cordeiro a baixa temperatura con guarnición, 27,30€; Xarrete de caca lacado no seu zume, 73,80€ mínimo catro persoas; Peixe sapo braseado con bacon, sobre crema de pataca ao wakame, 23,80€.
Contida pero elixida e suficiente selección de viños.

E, claro, de luns a venres ao mediodía, o xa famoso menú do día.
Entrante, principal, bebida, pan e sobremesa ou café, 15 euros; o medio menú (o mesmo sen entrante), 12 euros. Dous pratos a elixir en cada momento e sobremesa pechada.
Hoxe, de primeiros, a Milfollas de berenxena con pesto de coandro e cacahuetes gratinados, ou a Crema de cabaza con flocos de millo de parmesán. E de pratos principais, a Pescada rosada á prancha con arroz meloso de lagostinos, ou Culata de vaca con salsa gravy con patacas baby e cenoria glasada.

Tantra Berenxenas

Pedimos un de cada e compartimos.
O primeiro que chama a atención son as presentacións; a vaixela non é uniforme senón que vén algo adaptada aos pratos; a berenxena en rodelas, sobre cama de leituga, está moi boa; no queda supeditada (como pasa na maioría dos casos) polo queixo relado que se utiliza para gratinar. Ricas.

Tantra Crema de Cabaza

A crema de cabaza está fantástica e aporta un segundo elemento a ter en conta; non se trata dunha crema vexetal sen máis, senón que estamos ante unha crema ben elaborada, rica, suave, moi substanciosa, textura perfecta, á que se lle dá unha volta de actualidade engadindo eses illotes de allada e, sobre todo, as que chaman ‘palomitas’ de parmesán e que eu din en traducir como ‘flocos de millo’. A crema supera en moito os entrantes habituais dos menús do día. Gustoume moitísimo.

Tantra Rosada con Rissoto

Da rosada con rissoto destacar un terceiro aspecto do menú: a utilización de materias primas pouco vistas en restaurantes como é esta pescada rosada; boa estratexia para reducir custos no produto en base ao prezo deste e non afectando á calidade. A pescada rosada, magnificamente traballada na brasa, está moi rica, con sabor e zumenta; o rissoto (incluído o lagostino enteiro e pelado que vén coa ración) antóllaseme espectacular; moi, moi meloso e nun punto de cocción que me gusta moito, ao dente pero cociñado, cocido; moito sabor natural (no debido a un exceso de condimentación), delicioso.

Tantra Carne

Na culata de vaca insisto na elección de cortes menos ‘finos’ que permiten, de novo, reducir custos sen menoscabo da calidade do produto, e, sobre todo, sen enganos; cantas veces atopas cortes de segunda que se presentan como de primeira!
O último aspecto xenérico a destacar do menú, e non precisamente limitado a este prato, é o tamaño das racións; estamos ante doses moi, moi xenerosas e contundentes; enténdese á perfección a opción de medio menú.
Polo que respecta á tenreira, quero comezar polo corte; non son consciente de ter escoitado con anterioridade o termo ‘culata’; busco información e atopo que se trata dun corte do cuarto traseiro do animal, entre a contra e o xarrete, do que é moi parecido; textura un tanto xelatinosa, tenra e zumenta con presenza de tendóns e nervios. Non é novidade que eu gosto das carnes ‘sucias’ tipo xarrete, así que esta de hoxe pareceume perfecta; estaba ben cociñada e saborosa.
Por outra banda, está a ‘salsa gravy’, tampouco sabía dela polo seu nome…, pero si pola súa esencia. Trátase dun xenérico que engloba diferentes variedades; como base trátase dunha salsa que adoita facerse cos zumes naturais que segregan as carnes de forma natural durante a súa cocción; a partir de aí, o que se fai normalmente é espesala con amidón de millo ou outros espesantes para darlle textura adicional; ademais, tamén se pode colorear e aromatizar con sal de salsa ou sal dourada; outra opción moi estendida (a que adoitamos facer en casa, ás veces, co xarrete), é pasar polo batedor os zumes desprendidos pola carne xunto cos vexetais (cebola, cenoria, etc) da cocción; xa por último mencionar a opción consiste en partir dun roux lixeiro ao que se lle engaden os zumes da carne.
En fin, de novo un prato realmente soboroso e contundente.

Tantra Ananás

Na sobremesa non hai opción: ananás asada con noces e un fondo de galleta moída. Moi rica. Sinxela, orixinal, dixestiva e substanciosa. Broche perfecto.

Caña e copa (xenerosa) de Mencía e prezo publicitado: 15 euros por persoa.
Xa para rematar unha mención especial ao servizo. Mantén o ton e o nivel do conxunto do restaurante; moderno, profesional, moi amable, asequible…

Tantra Experience
  • Jim Couture
  • Praza Martín Gómez Abal, 2
  • 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
  • 610 44 53 63
  • GPS: 42.595250N, 8.767093O
  • tantravilagarcia.com
  • Instagram
  • Facebok
  • Cociña: actual
  • Prezo: menú do día 15/12€; arredor de 40€
  • Peche: martes; noites agás venres e sábado