taberna o fiolato

Taberna O Fiolato. Rúa Santa Lucía 51, Dena (Meaño). 649506684. Herdeira do modelo furancho. Carta reducida pero rica. Viño Albariño especialmente bo. Trato amable e familiar. Prezos comedidos. Moito éxito.

Carta O Fiolato

Chegamos por recomendación duns amigos e non nos defraudou.
Fomos un venres á noitiña, con reserva, e ben que fixo falta!; ás oito e media non había unha mesa libre.
Varios comedores incluíndo un exterior, óptimo para os días de verán.
Negocio familiar e isto nótase no trato.
Aí tendes a carta para botarlle un ollo.
Por exemplo. Polbo, 18 euros; mexillóns ao vapor, 6 euros; ensalada, 5 euros; zorza 9 euros; richada, 11 euros; croca, 13 euros; xamón asado, 9 euros; etc.
Seica merecen unha mención especial os chocos da ría (16 euros), e os mexillóns en escabeche (11 euros). Prometémonos volver un día a por eles.
Viño branco Albariño; para o meu gusto, dos mellores do Salnés en locais deste tipo. Acompañamos dun auga.

Taberna O Fiolato Tortilla

Nós tiramos pola tortilla, os pementos de Padrón e as luriñas.
A tortilla é das mellores da zona. Zumenta e moi saborosa, cun destacable fondo a tortilla caseira.

Taberna O Fiolato Pementos

Os pementos ben, pero sen sorpresas.
Disque no propio Herbón empezan a cultivar pementos ‘traballados’ para que non piquen (non máis dun 5% da produción).
Non saíu ningún picante, pero a cousa perde algo de emoción; ademais da chispa, fáltalles un puntiño de sabor.

Taberna O Fiolato Luras

As luriñas, espectaculares. Simplemente enfariñadas e fritidas.
Desde o meu lugar no comedor podo ver a cociña; vexo como secan as luras cun pano; vexo como as botan coa fariña nun taper, como o tapan e como lle dan uns bos meneos; ollo como lle dan uns golpes secos ao recipiente e como, un por un, van botándoos na tixola ben quente; calculo que pasan moi pouquiño tempo nun aceite de oliva acabado de botar da botella de cinco litros, ben quentiño; vexo como os pasan a un prato con abundante papel de cociña, vexo como se elimina o exceso de graxa, como pasan á fonte e como nos chegan inmediatamente á mesa. O resultado é óptimo. A ración sábenos a pouco.

Taberna O Fiolato Flan de café
Taberna O Fiolato Crema de Limón
Taberna O Fiolato Tarta de queixo

Variedade de sobremesas caseiras, a 4 euros.
Pedimos o flan de café, a crema de limón e a tarta de queixo (de forno). Os tres moi, moi ricos; manteñen con folgura o nivel amosado nos pratos salgados.

Somos catro, tomamos unha botella de Albariño, auga e cafés, e pagamos 13 euros por cabeza.
Xorde unha interesante conversa sobre o prezo dos ‘furanchos’. Os catro que somos temos unha longa traxectoria por estes locais especialmente na zona do Salnés. Lembramos con rexouba os tempos cando unha cea como a de hoxe (máis-menos) roldaba os 35 euros; houbo un tempo en que a media por persoa estaba polos oito euros. Xa choveu. Algo así como quince anos. Daquela era raro o ‘furancho’ que ofrecía sobremesas máis alá do queixo con marmelo ou a tarta xeada.
Pasaron moitas cousas polo camiño.
Atopo un tique do ano 2016 dun furancho da milla de ouro en Covas. Eramos cinco (2 deles nenos) e pedimos croquetas, richada, polbo á feira e tortilla, ademais das bebidas e de 3 xeados; total 43,60 euros.
Coincidimos en que os prezos están a subir dun xeito esaxerado -tamén nos furanchos- e que a inflacción que se fai máis perceptible a partir da pandemia.
Valoramos que, a día de hoxe, o prezo que pagamos neste Fiolato non é en absoluto excesivo; tamén nos parece que, nese proceso de subida de prezos, moitos furanchos aínda manteñen prezos máis populares que locais doutras características.
Este Fiolato pareceunos moi recomendable.

Taberna O Fiolato
  • Rúa Santa Lucía 51, Dena
  • 36967 Meaño (Pontevedra)
  • 649 506 684
  • GPS: 42.448738N, 8.806206O
  • Facebook
  • Cociña: furancho, tapas
  • Prezo: 12-15 euros
  • Peche: martes; luns e mércores mediodía