Taberna A Mina. Rúa San Vicente, 8, Vigo. 886312488. Esencia pura de taberna tradicional galega. Tapas e racións. Os mércores serve un fantástico e xa clásico cocido por 16 euros.

Barra de mármore forrada de azulexos; mesas de madeira; sillas metade de formica e metade de skai gretado pegado con cinta americana; un par de toneis cos seus correspondentes taburetes coxos; publicidade de Cinzano; cociña formando unha unidade inseparable de aromas e fumes co bar; en fin, como debía lucir en 1953, ano da súa apertura, no corazón do Casco Vello de Vigo.
A carta, como manda a tradición, escrita en pizarra e visible desde todos os recunchos. Nécora (5€), Berberechos ao vapor (11.5€), Ameixas á mariñeira (15€), Mexillóns ao vapor (7€), en salsa picante (8€), en escabeche caseiro (9€), Croquetas (9€), Lacón (9€), Orella (8€), Ventrecha con piquillo (10€), Antxoas do Cantábrico con tetilla (10€), Xamón Ibérico (11€), asado (9€), Chacina (9€), Táboas, de queixos artesáns (17€), de embutidos (16€), mixta (18€), Tortilla (3.5€), Torta de queixo de ovella (14€), Queixo vello en aceite (8€), etc.
O servizo, todo o amigable que pode ser nun local familiar, primando a proximidade por riba doutros valores, por exemplo, a rapidez.
Tocoume nunha estreita táboa de madeira adosada á parede; non resulta cómoda e moito menos amigable: semella un castigo do colexio dos anos sesenta: “ti, mirando a parede”.
O cocido, por 16 euros a pelo (sen bebida, sen sobremesa —non hai sobremesas doces e ao máis que chegamos é a unha tetilla con marmelo—, sen café —non hai máquina pero tampouco, como sería esperable no local, café de pota—) non é dos baratos e tampouco se axusta ao que podería ser un prato do día nunha taberna das pretensións de A Mina.
Malia todo o cocido dos mércores da Taberna A Mina é case un acto de fe de viguismo.

Comezamos cunha boa sopa; densa, saborosona, graxenta o xusto, sen exceso de sal, pata ao dente. Moi rica.

A fonte coas verduras, a pataca e os garvanzos. Verduras, dúas: repolo e grelo; todo en cantidades familiares.

As carnes: xamón, chourizo, costela salgada, orella, fociño, tenreira (pareceume unha tira de costela mamiña). A tallada de xamón, grande, co óso, no punto exacto de sal; realmente moi, moi rico, o que máis me gustou. O chourizo, tamén de boa calidade, enteiro. De costela, seis táboas. Os anacos de orella fociño e tenreira, suficientes. En xeral todo moi ben e abundante; o que máis me gustou, sen dúbida, o xamón; o que menos, o fociño.

O meu segundo ‘vuelco’ —despois da sopa— no prato; manda o xamón.

A terceira volta, xa algo máis variada.
O cocido, sen dúbida, fantástico; poderiamos ter comido dúas persoas; ao final oferénche levar o que queda nas fontes para casa. Dixen que non e logo arrepentinme.
Mágoa unha filloa…, ou un leite fritido…, ou unha caña…, en fin, un doce que puxese o broche de ouro a tan magnífico cocido. Mágoa, tamén, dun cafeciño (hai licor café, pero non é o mesmo…)
Con unha copa de Mencía son 18.50 euros. O cocido ben o vale. De ter tomado o queixo con marmelo terían sido 3.5€ máis.