soul, braga

Soul, alimentação saudável e do Bem, avenida Central 162, local 6, Braga. 351253068730. Cociña vegana e sen glute. Moi bo brunch dominical, no epicentro de Braga, por 17 euros persoa.

Vaia por diante o meu rexeitamento á sinonimia establecida entre comida saludábel, comida vegana e comida sen glute-sen lactosa ou sen calquera outro ingrediente ante o que determinadas persoas presentan intolerancia e/ou alerxia.
En primeiro lugar, a comida pode ser perfectamente sana sen necesidade da redución ás normas veganas.
E, para continuar, o veganismo é unha opción persoal, a alimentación sen glute, para moitas persoas, é unha necesidade vital. Hai quen entra na dieta sen glute como opción persoal, para os celíacos é unha cuestión de saúde, e non precisamente dunha saúde marcada polas crenzas da cabeza -e insisto, ideas, opinións, crenzas, que ás veces raian no fanatismo- senón polas esixencias do corpo.
Existe unha tendencia na restauración, que non comparto, en equiparar veganismo con dieta sen glute, sen lactosa, etc. Os autochamados locais saudábeis ofrecen veganismo acompañado de non-glute e non-lactosa; quen manda no concepto é a opción, non a intolerancia; dalgún xeito obrigan ás persoas con intolerancia á lactosa e ao glute a que reduzan as súas opcións alimentarias ás normas do veganismo.
Comer sen glute fóra da casa xa é suficientemente complicado como para aínda complicalo máis limitando as opcións ao mundo vegano.
E falo por experiencia dunha filla e dous netos celíacos. Limitar a educación en sabores a dous rapaces de dez e oito anos por mor dunha crenza paréceme excesivo.

Aclarado o anterior, dicir que estivemos toda a familia en Braga e, na procura dun brunch apto para os celíacos, atopamos este Soul que nos ofrecía opcións sen glute.
Co pequeno reparo adiantado na introdución, o brunch vegano era a única opción, gustounos a experiencia.
O local é pequeno, coqueto, moderno, en cores vivas acordes á filosofía: comida saudábel. O persoal, moi amábel, e dentro das limitacións da propia idiosincrasia, procurou satisfacer os nosos desexos en todo momento.
Importante oferta salgada e doce dentro dos canons do veganismo (e, de rebote, do mundo sen glute).
Tendes a carta integra na foto anterior.

Iamos, con reserva previa -eramos once- ao bruch.
Tosta, salada, queique salgado, pastel salgado de forno, zume do día, pancakes e bebida quente (a elixir entre café, chocolate ou infusión).

Dicir que todo estaba rico e que celíacos e non celíacos comemos exactamente o mesmo.
Claro que, podería ter estado bastante máis rico, por exemplo, cun queixo saboroso na tosta (e non sucedáneo vegano), cun salmón no medio do queique ou co pastel salgado de carne picada e non só de verduras.

O doce, pola contra, non podía estar mellor. As tortiñas sen glute, moi logradas; acompañadas de morangos e nata non podían ter mellor opción.

O prezo, para a oferta, ben. É sabido que os ingredientes sen glute teñen un sobrecusto considerábel respecto aos preparados con trigo e teño para min que este brunch por 17 euros sufre un pequeno contaxio desta tendencia.

Soul

Avenida Central 162, local 6
4710-229 Braga
35 125 306 8730
GPS: 41.551443N, 8.418588O
Facebook
Instagram
Cociña: saudábel
Prezo: brunch 17€
Peche: domingo tarde; luns; a partir das 19h