O San Andrés é un clásico. Na procura dunha tortilla, caímos alí ás cegas; topámonos cun local con luces e sombras e ao que hai que saber ao que vas.
Nós iamos para visitar o Pasatempo e comer a tortilla. Para a tortilla, e case sen referencias, ‘deixámonos enganar’ (con consentimento) por TripAdvisor, onde o San Andrés ocupa o segundo lugar entre a numerosa oferta de Betanzos (o número un, A taberna 1931, seica é máis para pinchos e tapeo que para unha comida formal); ademais, bastantes críticas e bastante boas, en distintos blogs.
A cociña e o local do San Andrés manteñen unha liña coherente, dentro das tendencias da cociña burguesa dos anos sesenta galegos. Ao falar de ‘cociña burguesa’ refírome á utilización de produtos tradicionais galegos (e outros, tamén galegos, pero non tan tradicionais ou, cando menos, populares, do pobo) preparados con receitas do que daquela chegaba da chamada alta cociña, sobre todo, francesa (salsas, manteiga, nata, roux, grandes coccións…).
O local, algo desfasado pero agradable, sinxelo, coidado. O servizo a ton con toda a configuración do restaurante.
A carta comeza coas ofertas ‘de culler’ (crema de verduras de tempada, 4€, sopa de peixe, 6.5€); logo están os mariscos (vieiras ao forno 9.5€, ameixas á mariñeria, 17€, salpicón de lumbrigante, 26€ ou cigalas á prancha, medio quilogramo 37.5€). Entrantes: verduriñas salteadas 11.5€, ensalada mixta 11.5€, ensaladilla rusa 11.5€, anchoa de Santoña con queixo do país 8 pezas 18€, polbo á feira 16.5€, chipiróns da ría 18€, gambas con cachelos 14,5€, etc.
Entre os peixes, pescada de Celeiro á ondarresa 17.5€, medallóns de peixe sapo á cedeiresa 18.5€, linguado á prancha 19€, bacallau ao tío Xan 17.5€. E nas carnes, chuletiñas de cordeiro de leite 17€, tenreira asada 14€, solombo de vaca á prancha 19.5€, etc.
Somos seis e vimos á tortilla; non está na carta pero ofrécense a facela. A tortilla está boa, moi, moi boa, espectacular, sen dúbida na liña das auténticas tortillas de Betanzos que acadaron sona alén as fronteiras. Un único ‘pero’: para os seis que somos, a tortilla resulta escasa; dá apenas para probar. E o caso é que cando chega a conta cobran por tres tortillas, a 7.5€ a unidade, 22.5€, prezo a todas luces excesivo para unha tortilla de pataca. Se a nosa tortilla equivalía a tres, non quero pensar como será a tortilla individual…
Para acompañar, uns pementiños de Padrón. Ben…, algún día haberá que falar dos pementos de Padrón, de Herbón, do Rosal, da propia horta… Non sei se hai produción suficiente para a masificación de vendas co selo de Padrón ou Herbón… En todo caso, estes non están mal, sen grandes espaventos, pero ricos.
De prato, metade e metade: tres de presa de porco ibérico ao cabrales (17€) e tres de bonito ao forno (17.5). Guiámonos polo entusiasmo do camareiro cando explicaba os pratos; a proliferación de diminutivos e a explicación pormenorizada fixeron que elevásemos moito as espectativas. A presa, ben, correcta, típica elaboración do noso comentario inicial: mollo de cabrales con nata que enmascara a carne; claro que para gustos hai cores…
O bonito é un plato extraño, mestura de conceptos, coma se non se soubese moi ben a que se quere xogar. Por unha banda, o bonito (bo, de boa calidade, rico), traballado coas técnicas actuais, apenas marcado por fóra e por dentro practicamente cru; por outra banda a preparación, clásica, a base dun fondo de guiso mariñeiro tradicional (cebola, tomate, lascas de xamón). O resultado, un prato sen ensamblar, o peixe por un lado e o guiso por outro, coma se limitasen a plantar o bonito enriba das patacas e o mollo no último momento. Bocado a bocado, por separado, ben (mellor o bonito), pero como unidade, bastante mellorable.
No tocante ás sobremesas, máis do mesmo. Un flan (5€) e unhas caniñas recheadas de crema (4.5€) boas, e un follado de amorodos e nata (4.5€), regular: unha nata de esprai, inconsistente, sin sabor, sen dozura, que estraga o conxunto.
Como dicía, somos seis, bebemos dúas botellas de Baltos (mencía do Bierzo, de Dominio de Tares, 12.5€ botella, boa relación calidade-prezo), augas, e tres cafés, e pagamos 34€ por persoa. Non está mal, pero pareceunos un pouco excesivo polo que comemos. En todo caso o prezo está na liña de pretensións do local,
Cal e area, tamén, na visita ao parque O Pasatempo. Por unha banda, o parque en si (non o xardín) está pechado ao público e, polo que se pode ver, caendo aos poucos na ruína absoluta; é unha mágoa que ningunha administración se preocupe por manter un patrimonio que pode gustar ou non, pero que está aí, caéndose a pedazos.
No extremo contrario, e na parte do xardín, atopo a agradable sorpresa dunha escultura de O Modulor de Le Corbusier elaborado polo alumnado da escola taller O Pasatempo. O Modulor é unha representación do corpo humano tomado como base para establecer unha gama de dimensións armónicas a escala humana para utilizar en arquitectura. Unha especie de Home de Vitruvio actualizado ao século XX.
San Andrés
Los Ángeles 4
15300 Betanzos (A Coruña)
981 772 044
Facebook
sanandresrestaurante.com
GPS: 43.278846N, 8.208868
Cociña: clásica, burguesa
Prezo: 30-40€
Peche: domingo noite; luns