revisitando o balado

A estas alturas pouco queda por escribir sobre O Balado de Marta e Roberto.
A gastronómica é unha vertente máis de todo un ideal de vida en contacto coa natureza.

O Balado 2

Familia, rural, ecoloxía, tranquilidade, produto, cociña contemporánea e tradicional, son algunhas das claves para comprender a filosofía da Casa Labrega O Balado.
Despois de coñecer a cociña de Roberto Filgueira (e Iñaki Bretal) no Eirado da Leña, en Pontevedra, e tras a súa ruptura radical co mundo urbano, visitamos O Balado por primeira vez alá por novembro de 2015.
Despois volvemos en varias ocasións.
Diría que, a día de hoxe, e sopesando todas as variábeis, é unha das mesas máis recomendábeis de toda Galicia.
Como adoita ser normal, quedou rexistrada a nosa primeira visita (Vivir o rural), pero como foi previa á remodelación do blog, na migración perdemos a fotos. Así que, como outras moitas entradas, podedes lela, pero non vela.
O xoves, eramos catro, fixemos unha nova comida no Balado.
Hoxe quero deixar constancia das fotos, e, un pouco menos, e para abreviar, do texto.

IMG_20200806_165606 2

Para os novos, a O Balado está no lugar de Ardesende, en Boqueixón.
Ten, por tempada, unha pizarra, sobre a lareira, na que podemos ler os pratos do día así como os tres xeitos de configurar un menú.
A proposta consta de sete entrantes, seis pratos principais e dúas sobremesas.
Hai un menú curto, Paseo polo balado, con cinco dos entrantes, un prato a elixir (cada dúas persoas un prato) e unha sobremesa; o seu prezo é de 30€. Logo está o menú longo, Viaxe polo Balado, cos sete entrantes, o prato a elixir (cada dúas persoas un prato) e as dúas sobremesas; prezo, 35€. E, xa por fin, o menú especial, a Travesía polo Balado, que vén sendo a Viaxe, engadíndolle un entrante de anguía e unha copa de Riesling para acompañar o foie.
Como se trataba dunha ocasión especial optamos pola Travesía.
Para acompañar, e ademais da auga Km 0 que forma parte do menú, puxémonos en mans de Marta, que nos recomenda un A torna dos Pasás de 2016, Ribeiro, tinto, de Luís Anxo Rodríguez (Arnoia). Magnífica elección. É un viño mestura de catro castes entre as que destaca o brencellao, con seis meses en barrica de carballo. Gustoume moito. A destacar, o equilibrio, a redondez, as sensacións en boca; un viño fresco que se deixa beber moi ben (non pasa dos 12 grados). O prezo de 24€ en restaurante antóllaseme xusto e anima a repetir.

E agora, xa, sen máis literatura, pasemos á comida.

O Balado 10
Gaspacho con xeado de pemento de Herbón

O Balado 12
Anchoa ‘San Filipo’

O Balado 13
Sardiña afumada

O Balado 15
Foie, queixo e remolacha (con Riesling)

O Balado 16
Tartar de solombo

O Balado 19
Croquetas de choco

O Balado 21
Rabo de touro (alternativa sen glute)

O Balado 23
Anguía afumada

O Balado 24
Bonito de Burela

O Balado 26 O Balado 28
Bacoriño de Piñeiro de Ofelia (coas súas patacas)

O Balado 29 O Balado 30
Año de leite de Lugo (co tomate, alternativa sen glute)

O Balado 31 O Balado 32
Maracuiá e xeado

O Balado 33 O Balado 34
Chocolate e abelá

Como podedes observar, variedade de argumentos e técnicas.
Todos os pratos a un gran nivel. E moi ricos, todos, sen excepción.
Se da primeira visita lembro con excepcional intensidade un badexo marinado e unhas fabas de Lourenzá con orella e chourizo, nesta ocasión a memoria vai gardar, destacado, o gaspacho con xeado de pemento de Herbón; os pementos catados e escollidos cun aire picantiño (sen prender lume a boca), en xeado, harmonizan de xeito espectacular co gaspacho; a posteriori, a adaptación do gaspacho á idiosincrasia galega a través do pemento de Herbón é, case, case, de pura lóxica…, pero ás veces hai que ser un xenio para caer na conta do máis sinxelo e, sobre todo, para imaxinar a conxunción en forma de xeado, textura e temperatura perfectas para destacar, potenciando, o propio gaspacho. Marabilloso.

O Balado de Marta e Roberto segue a ser un dos grandes restaurantes galegos, un templo da cociña rural, unha exquisitez de ambiente, trato e cociña, un lugar que, cando lle engades o suplemento do prezo do menú de degustación (cos 35€ da Viaxe é máis que suficiente) hai que revisitar periodicamente.
Por certo, un veciño de mesa, bo comedor el, chívase de que noutra ocasión o que hai que pedir de prato forte é o solombo: seica Roberto ten unha das mellores mans galegas para traballalo con exquisito meco.
Xa temos unha escusa para repetir en non moito tempo.

O Balado. Casa Labrega
Roberto Filgueira, Marta Fernández

Ardesende 3, Codesedo
15881 Boqueixón (A Coruña)
639 89 37 49 – 657 29 03 62
GPS: 42.797759N,  8.402934O
www.obalado.com
Facebook
Cociña: rural, actual
Prezo: 30-40€
Peche: martes; noites domingo, luns, martes, mércores e xoves