Preséntase como Restaurante Época, tapería e viñoteca, fusión peruana. Local pequeno, coqueto que contrasta co modelo “racial” da súa cociña. Resultoume algo caro pero, posiblemente, por un erro ao pedir.

Na rúa Paraguai, nunha zona clásica de restauración en Vigo.
O local é pequeno pero traballado con gusto; conserva o granito orixinal complementado con brancos e madeiras claras de clara inspiración nórdica; algúns detalles decorativos con referencias étnicas pero sen excesos nin estridencias.
O servizo é amable pero, quizá, precisa dun baño de realidade no tocante a modas e costumes gastronómicas europeas; a recomendación que fai de cantidades excede, en moito, a normalidade media e a tolerancia dun estómago coma o meu.
A carta é peruana xenuína nun noventa por cento da súa oferta; de cando en vez, un retrinco ao produto galego (como esa Empanada de solombo de boi con tetilla de Arzúa e especias andinas, 12€ ou o Polbo da ría na brasa ao estilo Perú en fusión de oliva e salsas andinas, 17€).
Propostas máis ou menos internacionais (Ensalada de verduriñas e froitas frescas 9.5€ ou a Ensalada César andina 9.5€).
E, por riba de todo, Perú, moito Perú.
Por suposto, o “Ceviche puro Perú”. O Clásico (corvina salvaxe, cebola vermella andina, ají limo, camote glaseado e a súa conchiña andina, 14.5€), o Mixto (corvina salvaxe, marisco da ría, polbo e lagostino tigre, cebola vermella andina, ají limo, choclo tostado e segredo do chef, 15.50€), o o Mixto en crema de ají amarelo (corvina salvaxe, mariscos do día -polbo e lagostino tigre- marinados en crema de ají amarelo sen picante, zume de lima peruana e segredos do chef, acompañados de cebola vermella, camote -boniato- glaseado, millo choclo e canchita chulpi, 19€) ou o Tiradito de lagostino en crema de ají amarelo (lagostino tigre en láminas marinado en crema de ají amarelo sen picante, zume de lima peruana e segredo do chef, acompañado de camote glaseado, millo choclo e canchita chulpi, 17€).
Especialidades da cociña peruana como as brasas ao estilo Perú: 1/4 de polo, patacas, arroz chaufa, ensalada e dúas salsas andinas (17.5€), Chicharrón de porco ao estilo Perú acompañado de camote frito, iuca frita, canchita, chulpu, choclo e salsa crioula (17€); a Causa limeña (pataca andina con especias andinas, ventresca de bonito, aguacate, camote, maionesa e fíos de wantán fritidos, 14,5€); Bacoriño en caixa chinesa (bacoriño de leite fusionado en caixa chinesa con especias andinas, crocante, piña flambeada e verduriñas, 17€); ou os Anticuchos (anticuchos con ajíes sen picante con especias andinas, patacas e salsa de huacatay ou salsa á huacayna, 11€).
E, tamén, os arroces chaufa ao estilo mar e montaña. O arroz chaufa de polo de Mos (14€), o Arroz con lumbrigante con especias andinas e segredos dos chef (50€ para dúas persoas), ou o Arroz negro de sepia con luras, lagostinos e zamburiñas, e especias andinas (17€).
A oferta, como se pode observar, é moi ampla e esixe continuas aclaracións por parte do servizo, que é tal ingrediente, ou en que consiste o arroz Chaufa (un dos máximos representantes da fusión chino-peruana: arroz frito en innumerables versións).
Moi difícil elección. Penso nun ceviche e nun prato tipicamente andino; de entrada, a recomendación da encargada vai polo Ceviche mixto en crema de rocoto (corvina salvaxe, mariscos do día -polbo e lagostino tigre-, mariñados en crema de rocoto sen picante, zume de lima peruana e segredos do chef, acompañado de cebola vermella, boniato glaseado, maíz choclo e canchita chulpi); de segundo recoméndame un arroz, unha brasa ou o bacoriño; ante a incerteza, e por pura asociación de ideas, tiro polo arroz de pato. No último momento, e intuíndo que estou ante un exceso de gula, renuncio ao ceviche e tiro por outra das miñas previsións que imaxino máis lixeira: o leite de tigre.
Todo comeza cun rico bocado sorpresa: dado de queixo brie empanado en panko con redución de framboesa.
A miña previsión de lixeireza para o leite resultou ser un fraude.
Leite de tigre: concentrado de extracto de ingredientes andinos e peixe do día (corvina salvaxe).
Traio aprendido que o leite de tigre nace como bebida para aproveitar os sobrantes do ceviche; cando se ve que esas sobras concentran todos os sabores do ceviche comeza a transformarse en prato por si mesmo ao que, sobre a base de zume de lima, se lle suman diversos engadidos entre os que non pode faltar o peixe.
O resultado é espectacular. Este de hoxe leva dados de corvina, pataca doce -boniato-, millo choclo peruano tostado e cantidades inxentes de cebola vermella. Aprendo, en cuestión de segundos, tres tópicos da cociña de Perú. A omnipresenza da cebola vermella: así, en cru, resúltame máis amable que outras variedades de cebola, non tan aceda, algo máis doce e moito menos dominante. En segundo lugar observo o uso reiterado dun condimento do que gostan moito os irmáns portugueses: o coandro (ao que eles chaman culandro). E como terceira base da gastronomía peruana, o picante; en maior ou menor medida -normalmente en maior- está presente en moitas das receitas; o ají -chile- amarelo é outro ingrediente imprescindible da cociña andina; a normalidade é que pique e, polo tanto, o aviso na carta vén cando un prato leva o chile non picante (ou menos picante).
O leite de tigre está moi rico. Gústame o líquido -alegre e refrescante- e os tropezóns; nesta orde gústame o bocado de corvina, o boniato -momentos de lucidez entre tanto picante-, o millo tostado e, en pequenas doses, a cebola.
De entrada, o picante resulta agradable, rico, estimulante; pero, aos poucos, case de xeito traizoeiro, vai collendo forza, saturando as papilas, picando máis e máis ata chegar a adormecer por completo a boca enteira.
Creo que a clave está na cantidade, en que a ración é un mundo, unha copa sen fondo.
Tiras dela, bebes, utilizas o culler, descansas, de cando en vez un barquiño de pan, de novo bebes e suavizas cun tropezón agora de boniato. Chega o momento en que notas que xa abonda por hoxe, que o que comezou como un auténtico festín comeza a se converter primeiro nun esforzo e xa por fin nunha tortura. E xa, daquela, paras, e ollas a copa e descobres que apenas consumiches un terzo da ración, que, basicamente, todo segue alí.
Haberá alguén que sexa quen de dar conta desta copa completa?
Chega o arroz con parrulo ao estilo norte peruano: arroz costeño con sofrito andino verduriñas puro norte coa súa porción de parrulo fresco, a súa pataca á huancaina con catro queixos andinos e salsa crioula.
E, ademais, e aínda que non consta en carta, unha boa ración de cebola vermella con tacos de tomate.
Estou un pouco tocado polo leite de tigre; pasados os efectos do picante, queda unha certa sensación de enchente, pero enfronto o arroz con todas as forzas e o mellor dos ánimos.
Está moi, moi rico. Nada que ver con ese arroz portugués co parrulo esfiañado, as rodelas de chourizo e a costra que se forma co acabado no forno.
O arroz -fritido, salteado con tropezóns de verduriñas- por un lado, e medio parrulo feito á parte ao lado. Ademais, claro, dunha rodela de pataca co mollo de queixos por riba e ensalada de cebola.
Todo moi rico; apenas toco a ensalada, pero do resto acabo con todo; gústame a pataca, gústame -moito- o arroz (de cando en vez arrimo un bocado do arroz á salsa da pataca e o resultado, de delicioso, non se pode concretar).
É unha boa ración (diría que unha moi boa ración, acompañada dun entrante ben planificado, suficiente para dúas persoas).
Con moita mágoa, o corpo non dá para máis, renuncio a probar un doce peruano.
Con auga, copa de viño Ribera e café pago 38.50€
O cualificativo que mellor acae á comida do Época é o de “racial”; comida con fortes raíces tradicionais, forte, contundente, e, sobre todo, moi, moi abundante.
Diría que foi unha comida que resultou relativamente cara. Claro, que ben planificada, poderiamos ter comido dúas persoas polo mesmo prezo, e, daquela, sería un custo bastante máis normal para un día de semana.
Ou, quizá, mellor, podería ter elixido o menú do día de 13 euros. O aperitivo de queixo brie, un primeiro (tartar de atún vermello con crema de aguacate ou sopa á minuta de solombo), e un segundo (picaña de vaca con puré de paca amarela andina e arroz xasmín ao vapor ou roxón de porco estilo Perú con camote, iuca e salsa crioula), acompañados de bebida e pan.
Por un euro máis, sobremesa de alfajores de magallo peruano.
Restaurante peruano Época
R Paraguai 10
36204, Vigo (Pontevedra)
986 953 426
GPS: 42.232753N, 8.716060O
vinotecaepoca.es
Facebook
Instagram
Cociña: peruana, fusión
Prezo: menú 13€; carta 35€
Peche: domingo noite; luns