un menú do día en o grove

Nunha praza tan complicada coma é esta de O Grove, o restaurante tradicional Viana ofrece, todos os días, domingo incluído, un máis que interesante menú do día por 9 euros.

PON-OGrove-Viana

Para empezar, ídesme desculpar pois non teño fotos deste restaurante. Foi o domingo, no Grove, era tarde, principios de setembro e o restaurante que xa non estaba pechado, ía con xente até a bandeira. Así que pensamos máis nunha comida de circunstancias que enchese os bandullos, que naquelas que deleitan os padales.
Viñamos da excursión á illa de Sálvora e alí quedeime, literalmente, sen baterías. Por certo, foi unha rapaza do barco quen nos recomendou probar neste restaurante.

O Viana está na Beiramar; é un de tantos. Reclamos rechamantes á entrada, moita xente á porta pululando e á procura da mellor opción, interior vulga, cheo até a bandeira, que se mariscos, que se peixes, que sei eu! Oferta puramente turística que non anima moito a entrar.

Centrándonos no menú do día, que é o realmente destacable, dicir que ofrece seis u oito primeiros, outros tantos segundos, bebida e pan, por 9€ (non sobremesa). Todos os días incluídos os domingo.

Entre os primeiros: caldo, sopa, navallas á prancha, lagostinos á prancha, ensaladilla, salpicón de marisco, luras en salsa, e non sei se me quedará algún máis nun recuncho perdido da memoria. Os segundos pasan pola pescada rebozada, as luras rebozadas, o bacallau á prancha, o filete, a tenreira asada, etc.
Pedimos tres salpicóns e unas navallas; o marisco do salpicón, obviamente, practicamente reducido a paliños de cangrexo, pero o resto moi ben: ben aderezado, ben nas proporcións, ben nos puntos de cocción…; resultounos (coincidimos todos) moi, moi rico. Outro tanto dixeron dunhas navallas que eu non cheguei a probar.
De segundo, dúas pescadas e dúas luras rebozadas. Unhas servidas con pataca cocida e ensalada e as outras con pataca fritida e ensalada; malia estar cociñado en serie, non adoece de ningún dos problemas típicos deste tipo de locais (nada de exceso de graxa da fritura, todo ben escurrido, nada de aceites utilizados ata que perden mesmo o seu nome, nada de produtos envellecidos ou mal desconxelados… En fin, unha cociña máis que salientable.
A abundancia pode apreciarse claramente nas bebidas: para quen pide a auga (unha soa persoa), botella de litro e medio; para os que pedimos cervexa de presión, canecas de medio litro.
En definitiva: por nove euros, un menú bastante máis que recomendable.

Illa de Sálvora 54  Illa de Sálvora 64  Illa de Sálvora 98Illa de Sálvora 109  Illa de Sálvora 148 2  Illa de Sálvora 153Illa de Sálvora 160  Illa de Sálvora 173  Illa de Sálvora 71

O obxectivo do día era a visita a Sálvora, unha excursión moito máis que recomendable. Ademais da navegación, as paisaxes ou a gastronomía, é un interesantísimo percorrido pola fauna, flora, arquitectura, etnoloxía, costumes, socioloxía, historia… das nosas illas atlánticas.

Restaurante Viana
Beiramar 90
36980 O Grove (Pontevedra)
986 731 173
GPS: 42.494033N,  8.860036O
Cociña: tradicional
Prezo: menú 9 euros