o sabor da caducidade ben conservada

A comida no salón rexio do Náutico de Vigo, coa súa caducidade en perfecto estado de conservación, coa ría rendida aos teus pés, é unha experiencia que merece ser disfrutada.

Restaurante Nautico 03

Para eses que nos dicimos de Vigo de toda a vida, a mención ao Real Club Náutico (así, con maiúsculas, co rango de realeza) representa unha evocación clara aos felices 50 e 60 na cidade.
Felices…, para o puño de afortunados (?) que vivían en e da súa propia elite.
O Náutico, para eles, eran bailes, smókings , orquestras en vivo, vestidos ata os pés, ceas de gala, iates, festas de disfraces, en fin, un mundo de aparencias e formas e case sempre baleiras de fondo.
Para os mortais, no pasaba dun paseo dominical polas Avenidas para ver, desde a barreira, aqueles barcos e xentes que se nos antollaban doutro mundo.

Restaurante Nautico 13

Coa migración dos barquiños (cos seu donos dentro) a clubs náuticos que comezaban a destacar pola nobreza de sangue dos seus asociados (o Monterreal de Baiona ou o Náutico de Sanxenxo), o de Vigo empezou unha triste camiñada cara a ningunha parte.
Non hai moito que, na procura de solucións de emerxencia para unha simple supervivencia da sede social do club no centro de Vigo, xurdiu esta idea de transformar o antigo salón rexio en café-bar-restaurante aberto ao público cun menú semanal.

Restaurante Nautico 04

A experiencia paga a pena, en primeira instancia, por disfrutar do entorno, tanto interior como exterior.
O espazo é espectacular. Un salón rexio en toda regra, como mandan os canons. Coas súas madeiras nobres e as molduras, co chan impoluto, brillante ata a extenuación, coas columnas forradas de madeira, en fin, malia o paso dos anos, e sendo este evidente, o coidado na conservación é exquisito.
O espazo é enorme e ocupa esa parte semicircular que tenta imitar a ponte dos barcos e que resulta tan típica e tópica na concreción do racionalismo arquitectónico nos clubs náuticos (e que ten como paradigma o de San Sebastián, inaugurado en 1929 con proxecto dos arquitectos José Manuel Aizpurua e Joaquín Labayen).
O semicírculo é unha cristaleira que se abre, dun extremo a outro, a toda a ría de Vigo.

PostalNautico
(RCN de Vigo, postal da época)

O Náutico de Vigo, posterior a outros moitos, tamén ten o seu valor arquitectónico.
O proxecto é de Castro e Alonso e foi inaugurado en 1944.

Carta Nautico

Pero como non só de arquitectura se alimenta a especie humana, e aínda que non acada o cualificativo de espectacular, a comida acompaña sen disonancias a beleza do espazo.
Trátase dun menú que cambia semanalmente, especial durante a fin de semana, e con opción infantil. Semanalmente hai catro primeiros a elixir un, tres segundos, sobremesa, café e bebida (15€ para os non socios); o sábado e o domingo cambia a calidade da oferta e o prezo sube aos 20€ para as persoas que non son socias.
Esta semana os primeiros a elixir son: Bocatín de tinga de polo con maionesa chipote, Ensalada de garavanzo con atún e ovo, Revolto de tetilla con grelos e Salmorexo cordobés.
Os segundos: Peixe do día (dourada), Fricandó de tenreira ou Arroz meloso de froitos do mar.

Restaurante Nautico 07Restaurante Nautico 08

Pedimos o bocatín e o revolto.
Os dous pasan sobrados a proba, máis ou menos ao mesmo nivel.

Restaurante Nautico 09Restaurante Nautico 10

Arroz meloso e dourada. Ben os dous.
Sen grandes espaventos, pero dan a talla con moitísima dignidade neste menú do día.

Restaurante Nautico 11Restaurante Nautico 12

Torta de cenoria e mousse de chocolate.
Na liña de toda a comida. O produto é o esperado nun menú do día (non vaias esperando unha dourada de rocha ou froitos do mar de Vigo), e todos os pratos están traballados con profesionalidade e meco.

O resultado é un menú do día que para min compensa. Os quince euros semellan xustos para pagar o espazo e un menú que se mantén nunha liña homoxénea algo máis que aceptable. Pódese repetir.

Restaurante Vigo, Náutico
As Avenidas s/n
36202, Vigo (Pontevedra)
986 447 441 / 607 853 576
GPS: 42.241167N,  8.724663O
Web
Cociña: menú do día
Prezo: 15€ (20€ en fin de semana)