O restaurante Lemos, en Redondela, é unha moi boa opción para tomar ese marisquiño, ou o peixe, ou calquera das súas opcións de cociña tradicional galega, sen perder a cabeza.
Situado nesa inesgotable fonte de sorpresas que é a estrada que baixa de Peinador a Redondela, a nós chéganos, unha vez máis, grazas aos bos amigos-comedores de Vulcano.
Falamos de locais coma o Merendeiro Casa Pozas coas súas empanadas inigualables, La Cueva, na mesma liña que o Lemos pero un chanzo máis abaixo no tocante a luxos e prezos, ou a tristemente desaparecida Casa Consejo.
O Lemos está acabado de reformar e, sen grandes espaventos nin escolas de deseño, presenta un ambiente agradable para degustar a cociña que ofrece. Ademais, para o verán, goza da que se intúe coma unha agradable terraza. Servizo amable e atento sen especiais pretensións.
O aspecto no que indubidablemente dá a cara o Lemos é a materia prima e a cociña.
A carta é ampla e variada. Entrantes clásicos como as luras (7€), as croquetas (5,50€), os chipiróns á prancha ou en cebola (7,50)…; e tamén algo máis sorprendentes, como as setas rebozadas ao ovo (9,50€) ou as Gambas Orly (5€)…; e, claro, variedade e calidade de mariscos ao prezo do mercado do día.
A continuación está a sección de arroces, co de lumbrigante (38€), de vieiras con ameixas (38), ou a paella (24€, como nos casos anteriores, para dúas persoas).
O peixe, tamén, dependendo un pouco do mercado, pero sempre van estar aí o pixín (na prancha, con amiexas, á galega, 15€), a pescada, o coruxo, o linguado, o rodaballo ou o bacallau. Tamén unha selección de peixes na grella (42€ para tres persoas).
E, xa para rematar, unha máis que interesante sección de carnes que inclúe solombo (14€), entrecosto (15€), picaña (7,50€), tenreira asada (9€), o variado de carnes na grella (38€ para tres persoas), as faceiras de ibérico (12€) ou a caza en tempada.
No tocante aos viños, esmerada selección de galegos e aceptable doutras DO españolas.
Abrimos boca cunha proba de empanada de zamburiñas especialmente boa.
Seguimos cun marisquiño: unha ducia de cigalas (a trinta euros a ducia) e un par de bruños (15 euros unidade). Os bruños, pequenos e moi bos, pero as cigalas… excepcionais. Había tempo que non as comía tan boas; nin deste tamaño (tirando a grandiñas), nin desta frescura e calidade, nin con estes perfectos puntos de cocción e sal.
Seguimos, como non podía ser menos, cuns choquiños (realmente ‘choquiños’, dun tamaño mínimo; dúas racións para compartir). Moi ricos; acompañados de patacas fritidas e arroz branco.
Continuamos cun arroz de mariscos. Para min, un pouco ‘húmido’ de máis (xa se sabe a miña cadencia polos arroces secos), pero esta é unha cuestión de gustos. De substancia tiña toda a que debe ter un bo arroz de marisco. De arroz foron tres racións.
As sobremesas, a 4€, son tradicionais e variadas. Mousse de limón, de mango ou de chocolate; torta de queixo con framboesa; torta de queixo ao forno; torta de Santiago; filloas; arroz con leite; etc. Pedimos un pouco de todo; no meu caso o xeado de mandarina, e Carmen a torta de framboesa.
Somos seis e comemos con augas, tres botellas de albariño da casa, cafés e licores.
A conta vén por un total de 201,50€, o que dá 33,5 por cabeza.
Creo que non se pode pedir máis: boa comida, abundante, moi ben elaborada, co exceso dun par de marisquiños… por pouco máis dos 30€ persoa paréceme unha opción moito máis que tentadora para repetir calquera día destes.
Por certo, e para os incondicionais de Internet; o sábado da nosa visita, o Lemos ocupaba o número 1 de todos os restaurantes de Redondela en TripAdvisor. E ben sabido é que Redondela, no referido aos temas da pitanza, non é praza nada, nada fácil.
Restaurante Marisquería Lemos
Estrada Fortóns 79
Redondela
36812 Pontevedra
986 403 202 / 616 062 347
GPS: 42.269872N, 8.614623O
www.restaurantelemos.com
Cociña: tradicional galega
Prezo: (moi variable segundo o menú) 25€