restaurante faro punta cabalo

Por fin chegou o verán.
Xa estamos na Illa.
Espero ser un pouco máis constante que nestas últimas semanas nas que, polo si ou polo non, teño o meu rexistro de papatorias algo abandonad0.

Cons na Illa 04 Faro da Illa 02 P1000326

E, que mellor xeito de recobrar o ritmo que cunha boa comida no restaurante do faro de Punta do Cabalo?
Por unha banda tratábase dunha vella débeda (ver entrada sobre Comer na Illa de Arousa) pero por riba disto, xa ían sendo horas, apetecíanos…
A Illa de Arousa é o paraíso.
Pero mellor que non se saiba demasiado por aí, non vaia ser o demo e nola convertan no desastre dun santuario turístico máis. A xente de sempre de aquí, os isleños, non queren dar moita publicidade ás marabillas das que son propietarios; para moitos deles, a construción da ponte, en teoría unha ponte de progreso, supuxo unicamente o principio dun modelo de illa que non queren para si. Restaurante Punta Cabalo 1
Por exemplo, hoxe, nunha comida absolutamente deliciosa, soubemos un segredo  que poucos saben e que revelo aquí só por que sei que neste meu blog seguirá a salvo de olladas inoportunas. A Punta do Cabalo, pequeno promontorio ao norte da Illa, cun faro hoxe reconvertido a restaurante, debe a súa sona a que nestes mares arredor dos cons, e desde tempos sen memoria, hai toda unhaRestaurante Punta Cabalo 2 colonia de cabaliños de mar. Si, amiguiñas,  cabaliños de mar! Eses pequenos seres case mitolóxicos propios de mares e illas máis cercanos a unha afundida Atlántida que á praia de Area Secada. Hainos. Durante a comida, Manolo, propietario do bar, fotógrafo submarino e defensor a ultranza da natureza dunha Illa que por culpa da ponte xa non é illa, amosounos unhas poucas das fotos feitas por el mesmo, aquí abaixo, a uns poucos metros, falounos das repoboacións periódicas de cabaliños que el mesmo se ve obrigado a facer para que non desaparezan comidos pola contaminación, de como contrata amigos mergulladores para que, a cambio da comida, limpen o fondo deste mar micro-ecosistema onde viven os cabaliños de mar.

Restaurante Punta Cabalo 3 Restaurante Punta Cabalo 4 Restaurante Punta Cabalo 6 Restaurante Punta Cabalo 8


Consonte ao contorno externo, o interior do local é unha pequena ledicia. Unha mínima superficie, o baixo do vello faro, distribuída en cociña, comedor e unha mínima barra. Logo, fóra, unhas mesas entre as rochas da parte de atrás, unha terraza oientada ao oeste, un par de tumbonas e mar, por todas partes mar. O infindo mar de Arousa.
O comedor non pasa dos 15 lugares, polo que é conveniente a visita en tempos de pouco estrés turístico ou ben reservar. Decoración baseada na pedra orixinal do faro salpementada con detalles minimalistas made in Ikea.  Destacan uns grandes paneis reflexivos, en vermello e negro, que amplían os espazos, dan profundidade e sobre todo reflicten as cores do mar e o ceo.
A carta é ampla, centrada nos produtos dese mesmo mar que aquí no Faro é Deus (e os cabaliños, os seus anxiños).  Oferta de viños limitada pero equilibrada e ben seleccionada. Pola calor e o ambiente informal comemos cunha cervexa de barril que resulta perfecta para a ocasión. 
Restaurante Punta Cabalo 12Restaurante Punta Cabalo 13Restaurante Punta Cabalo 14

Punta Cabalo é un local familiar que respecta ao máximo as normas que fixeron grande a cociña popular: cociña correcta sen grandes pretensións, non máis, pero tampouco menos. Comemos un salpicón de marisco propio da nosa veciña Rosita (algún día haberá que falar de Casa Rosita), un polbo á Punta Cabalo (prensado e logo guisado con predominio para as herbas aromáticas) e un xurelo nun escabeche ao tempo saboroso e moi suave. Por certo, veño de informarme polo Xerais, que xurelo é outra daquelas palabras que tamén debemos á influenza árabe.
Restaurante Punta Cabalo 16Restaurante Punta Cabalo 17
Mais se teño que decidirme por unha proposta creo que me quedo coas sobremesas. A torta de tres chocolates e a de queixo con mamelo resultaron, simplemente, magníficas. Todo o anterior, máis un café, cincuenta e dous euros. Coido que o prezo é razoable.
Mais se tes que valorar o local, o contorno, o mar, as historias de Manolo, a música, sempre orixinal, que acompaña a cada bocado… Prezo moito máis que razoable.
O Faro. Punta Cabalo
Enderezo: Punta Cabalo
Localidade: A Illa de Arousa (36626)
Teléfono: 661 122 987
E-e:  
Web:
XPS:  42º34’21″N / 8º53’02″W
Localización en Maps de Google