boa vista en celeiro

O restaurante do hotel gastronómico Boa Vista, ofrece o mellor marisco e peixe da lonxa de Celeiro. Boa selección, tamén, de carnes lucenses. Cociña moi coidada e prezos bastante equilibrados.

Restaurante Boa Vista 1

A sona é merecida. As vistas sobre a ría de Viveiro son espectaculares.
Pequeno hotel, case familiar, cun dos mellores restaurantes da Mariña lucense.

O comedor, branco e luminoso, e dentro da sinxeleza, ten un certo aire señorial. O servizo é atento e próximo. A carta, cunha importante oferta de viños, é variada e moi atractiva.

Mariscos: Ameixa fina á mariñeira ou na tixola, 25€. Berberechos XXL na tixola, 18€. Nécora, unidade 12-18€. Lumbrigante con ovos e patacas, 45€. Variado de mariscos, 97€.
Entrantes do mar. Cazola de polbo, ameixas e gambas, 19€. Carpacio de gamba vermella, 18€. Salpicón de lumbrigante e boi, 29€. Ensalada de bacallau e zamburiñas, 17€. Cocochas de pescada en salsa verde, 17€. Fabas de Lourenzá con ameixas e berberechos en salsa verde, 18€. Alcachofas con ameixas, 18€.
Outras opcións para empezar. Foi micuit caseiro con marmeladas caseiras, 18€. Ensalada en crocante con queixo de cabra e berenxena, 12€. Grellada de verduras con sal de xamón, 13€. Croquetas de xamón, 12€. Crocante de morcilla con compota de mazá, 13€.
Arroces (mínimo dúas persoas, prezo por persoa). Arroz con lumbrigante, 29€. Meloso de lagostinos e peixe sapo, 23€. Caldoso de peixe de rocha e mariscos, 26€.
Da lonxa de Celeiro. Caldeirada de peixes, 26€. Pescada á galega, 21€. Peixe sapo con fabas de Lourenzá, 25€. Suprema de peixe sapo á prancha con verduriñas, 25€. Bacallau en 2 gustos, pil pil e biscaíña, 21€. Bacallau gratinado ao ali oli, 21€.
Carnes. Entrecosto de vaca galega, 25€. Bacoriño a baixa temperatura crocante, 18€. Rabo de touro estufado, 18€. Polo caseiro guisado con pataquiñas, 18€. Maniñas de porco con foie e setas, 17€. Solombo de tenreira, 22€. Entrecosto, 20€.

Restaurante Boa Vista 3

Comezamos cunha delicadeza da casa: sardiña afumada con crema de queixo. Boa combinación.

Restaurante Boa Vista 4

Compartimos unhas tostas de sardiña afumada con San Simón que están espectaculares. Mágoa que se parezan tanto ao aperitivo.

Restaurante Boa Vista 5Restaurante Boa Vista 6

Pescada en salsa verde con bivalvos e Pescada do pincho con pil pil de lima limón.
Luz e sombra.
Se ningún lugar a dúbidas, leva as de gañar a de pil pil. Trátase dun enorme lombo dunha exepcional pescada de Celeiro; cociñada no punto e cun mollo suave que reforza o sabor da pescada; vén acompañada de pataca cocida e grelos.
Así como na anterior o peixe domina o prato e destaca pola súa presenza, na outra preparación, en salsa verde, pérdese entre a pataca cocida, as ameixas e o propio mollo; é un corte infinitamente peor que o outro, atreveríame a dicir que impropio dun restaurante en Celeiro; eslamiada e absorbida polo mollo, a pescada carece de protagonismo.
Agora, estudando polo miúdo a carta, vexo que unha é “Pescada en mollo verde con bivalvos”, mentres a outra anúnciase como “pescada do pincho”; ambas ao mesmo prezo (21€).
A diferenza é tan abismal que ata en tres ocasións, tantas como persoas distintas nos preguntan se nos gustou a comida, temos que valorar moi negativamente o prato.

Restaurante Boa Vista 7

Retomamos o pulso cun Brownie de chocolate e noces con xeado de mandarina, que volve estar fantástico e quita, un pouco, o mal sabor de boca.

Bebemos un Guímaro, auga e café, e pagamos 41 euros por persoa.

Luces e sombras.
Malia a desafortunada pescada, paréceme un restaurante recomendable no que hai que evitar os preparados máis rebuscados, complicacións superfluas para un produto que debe destacar por si mesmo.
Por outra banda, volve ocorrer que unhas racións esaxeradamente abundantes encarecen innecesariamente unha comida que podería ter sido máis económica. As tres tostas, grandes, resultan ser unha boa cantidade para dúas persoas; o mesmo ocorre coa sobremesa compartida.

A pescada do pincho ao pil pil de lima limón é motivo suficiente para unha visita ao Boa Vista.

Boa Vista
Cam. Casanova 32, Celeiro
27863, Viveiro (Lugo)
982 56 22 90
GPS:
boavistahotel.com
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional
Prezo: 40-50€