A visita á Quinta do Portal, foi unha das mellores experiencias globais dos últimos tempos. Menú fixo a base de entrante, sopa, carne/peixe e sobremesa, con maridaxe de viños, 40€.
A adega Quinta do Portal, en pleno Douro vinhateiro (Celeirós, Sabrosa) é unha das máis recoñecidas dentro e fóra da rexión e do país.
Na súa filosofía está a procura dun equilibrio entre a tradición e a experimentación de novos camiños para a elaboración dos viños.
Como moitas bodegas conta cun hotel vínico (a Casa das Pipas) e un restaurante cunha cociña moi coidada pensada para disfrutar do ambiente, da paisaxe e, como non!, tamén da maridaxe con algúns dos viños marca da casa.
O que xa non resulta tan normal, polo de agora, en Portugal, é a harmonización de viño e arquitectura.
Na Quinta do Portal apostaron pola modernidade xa hai arredor de dez anos e fixérono, ademais, apostando polo mellor (co permiso de Souto), por Siza Vieira, que deseñou unha fermosa estrutura que, sen romper co entorno e a natureza, si consegue captar a atención do visitante e facerse dona da paisaxe; sinxeleza e volumes diáfanos típicos nas formas de Siza, e corcho e xisto nos materiais exteriores; interior de formigón armado con fins funcionais e derroche estético (protección da zona de almacenaxe de pipas), e madeiras nobres nos espazos de cata e pequeno auditorio para favorecer a calor e a sensación de acollemento. E, claro, dúas ou tres grandes aberturas nos muros para abrir e interrelacionar interior e paisaxe.
En conxunto, obra mestra dun mestre non exenta dunha certa dose dese exceso que esixe o turismo e o espectáculo enolóxicos.
No tocante aos viños, na Quinta do Portal elaboran case que de todas as posibles interpretacións da uva. Viños tintos do Douro, obviamente, e tamén viños do Porto. Pero, tamén, algún que outro branco Douro de categoría, espumantes, moscatel, viños verdes…
Durante a visita á bodega, André Vilaça, director de enoturismo da empresa, ponnos ao día dalgúns dos proxectos vínicos da bodega. Como ese Porto ao que están tentando potenciar a dozura por medios naturais; ou esoutra gama que bautizaron como Unlocked, un proxecto dentro da liña dos viños que tiran ao biolóxico, á mínima intervención humana posible, aos tratamentos naturais ou mesmo á ausencia de tratamentos innecesarios, filosofía que dá a esta liña de viños un estilo peculiar no que se mantén o carácter e a identidade da uva e o terruño (afrancesado, terroir).
E, claro, a comida.
O comedor, coa cheminea acendida, moi cálido, agradable e acolledor; tanto por dentro como polo entorno; enorme cristaleira; a de arriba é a foto das vistas das que puidemos gozar durante toda a comida: Douro en esencia pura.
O trato é moi amable e servizal, sen renunciar a profesionalidade; ao longo da comida, un par de pases de André para informarse sobre se todo na experiencia esta a ser como era de desexar e esperar.
Pero pasemos ao menú, proxecto e obra do chef Milton Ferreira para completar, con induvidable éxito, o conxunto da experiencia.
Como dicía, trátase dun menú diario pechado consistente nun entrante, unha sopa, un prato de carne ou peixe e a sobremesa, cada un deles servido co viño elixido especialmente para a ocasión; no prezo está todo incluído (mesmo augas, cafés, as cantidades de cada viño que cada quen desexe disfrutar…) e a visita e catas na bodega, total por 40€ por persoa (tendo en conta todas as variables, antollóuseme unha ganga).
Malia a proposta inicial, máis reducida, a experiencia comeza con tres snacks que non estaban marcados no menú: o pratiño de azeite producido na propia casa, unha bóla de alheira rebozada en piñóns e servida sobre un anaco de mazá e crema de pemento vermello (simplemente fantástica) e un unha pequena tosta de queixo sobre pan tostado e compota (tamén un pequeno bocado delicioso).
Os snacks, acompañados do que nos presentaron como drink da bodega; un unlcoked dos que falabamos antes, neste caso rosé. Non son moito dos viños rosados pero este cumpriu cen por cen e con perfección a súa función de conducir da man os bocadiños e abrir boca para o que viña despois.
A Trouxa de queijo chevre com compota de cebola acompañada de ensalada. Está a ser un habitual en moitas cartas por tratarse dun bocado resultón. Neste caso, o follado perfecto e o queixo no seu ponto exacto de fundido; e como elemento diferenciador o acompañamento dunha ensalada moi acertado.
Sorprendeunos (para ben) a Creme de Couve-flor. Extremadamente delicada, suave, con textura inmellorable… E eses toques de chicória, de amêndoa moída, de redución de balsámico de Módena (en especial o contraste de Módena), transforman un prato que podería resulta OK nunha auténtica ledicia.
Para as entradas, o Portal Unlcoked Viosinho 2015. Falamos dun branco desa liña Unlcoked (desbloqueado, descontraído…) a que xa nos referimos con anterioridade: un viño coa mínima intervención humana e, valga como exemplo, mínima presenza de sulfitos. O resultado, un branco de cor cítrica, aromas a eses mesmos cítricos e ao mineral da terra, boa presenza na boca, fresco, agradable, con boa acidez e unha permanencia aceptable. Un viño no que dominan as características dese 100% da uva viosinho que utiliza.
Perfecto para os entrantes; gustoume especialemente acompañando a crema.
O prato forte, un Peito de pato com arroz cremoso de cogumelos, acompañado de diversos vexetais (espárrago verde, alcachofa, tirabeque..) e unha redución de carne exquisita (‘exquisita’ segundo o noso uso do vocabulario, non o portugués).
Un derroche de prato. O pato, no seu punto exacto, cun tratamento simple, mantendo os seus sabores e características; as verduras todas ao dente, lixeiramente braxeadas e unha textura perfecta; e, por riba de todo, a ledicia absoluta do risotto, moi saboroso coa presenza dos cogumelos variados, cremosiño, no punto exacto de traballo…
Un prato redondo.
De acompañamento, un dos viños importantes da casa, o Portal Reserva tinto 2016. Trátase dun tinto con toques violáceos, aroma a froitos vermellos; na boca resulta moi agradable, ben de acidez e unha persistencia destacable.
Por suposto, encaixa moi ben coa intensidade da carne de parrulo.
E xa a sobremesa; Bolo de banana que vén acompañado de xeado de chocolate, froitos vermellos e laranxa desecada. O bólo é unha especie de coulant recheado coa crema de banana morna. Moitos sabores, moitas texturas, moito contraste, para unha sobremesa moi rica e cunha conxunción destacable.
E, como en todos os casos anteriores, salientar o coidadísimo empratado e a beleza das presentacións (que nalgúns casos non locen nas fotos como deberían).
En resume, unha magnífica comida, nun entorno incomparable e, analizando a experiencia no seu conxunto, a un prezo moi recomendable.
Sen dúbida paga a pena o desprazamento e gozar dela con todos os sentidos.
Para completar o día, visita ao Espaço Miguel Torga, na súa aldea natal, São Martinho de Antas, en Sabrosa, un espazo magnífico de Souto de Moura para honrar e lembrar non só a un dos máis grandes da literatura portuguesa do século XX, senón, e tamén, a un ser humano absolutamente excepcional.
Se aínda non lestes A criação do mundo, por favor, facédeo, xúrovos que non vos arrepentiredes.
Malia todo o contado, a visita, nesta ocasión, ao Douro, non tiña tintes nin gastronómicos, nin enolóxicos nin tampouco de índole arquitectónica.
A cuestión era admirar un deses fenómenos da natureza que ser repiten cada ano ao longo de non máis dun par de semanas e que constitúen unha das paisaxes máis fermosas e fascinantes de todo o noroeste peninsular (dependendo das características climatolóxicas do ano, entre finais de febreiro e principios de marzo).
Falamos, como non podía ser menos, das amendoeiras em flor.
As fotos, a rota que fixemos, pasan por Vila Nova de Foz Côa, por Torre de Moncorvo, por Freixo de Espada à Cinta, por Barca D’Alva, polo miradouro de Penedo Durão…
Algún día, se cadra, falarei máis polo miúdo sobre ese mundo que me apaixoa, do que tanto gosto, e que admiro mesmo neses días de treboada nos que nin os máis afoutos ousan ir por alí: o alto Douro vinhateiro.

Restaurante Quinta do Portal
Milton Ferreira
EN 323, Celeirós
5060-909 Sabrosa
351 259 937 000
www.quintadoportal.com
Facebook
GPS: 41.239030N, 7.598209O
Cociña: portuguesa con toques persoais
Prezo: 40 euros