por fin… paprica

Álvaro Villasante, desde o seu Paprica (Lugo), practica cen por cen a fiosofía ‘Nove’; a dunha “cociña de vangarda, de produto e tempada, creativa, de despensa, sinxela… quen de emocionar”.

Restaurante Paprica Lugo 01

Paprica está no Lugo intramuros, no paso do Camiño  polo casco vello, case porta con porta co albergue de peregrinos.
A entrada é polo pequeno bar; nacido como espazo de espera previo ao restaurante, acabou por ter consistencia e protagonismo propios. O bar ábrese a un corredor que, deixando a cociña e a bodega a un lado, conduce ao restaurante; este, á súa vez, ábrese á terraza. O comedor tamén conta cun balcón que permite ver os traballos de cociña.
O comedor é de feitura moderna, moi clara e limpa, minimalista. Non é raro atopar as paredes adornadas con exposicións de artistas locais.
O servizo é, tamén, de corte moderno; sen perder a profesionalidade, resulta próximo e amigable, pendente en todo momento polo devir da comida e do teu benestar.

Restaurante Paprica Lugo 08

A proposta gastronómica de Paprica diferencia claramente o bar do restaurante.
O bar ten chiscadelas máis informais, de tapas e picoteo, para compartir entre amigos normalmente pola noite (Mexillóns de Lorbé, 6€; Carpaccio de gambón con mazá e cítricos, 8€; Tataki de atún clásico, 11€; Pizza do día, 12€; Minihamburguesa de rubia galega, tomate escabechado e queixo de cabra, 6€; Degustación de queixos do día, 12 €; Pera e queixo sabe a beso, 6€; etc.).

Restaurante Paprica Lugo 20

O restaurante conta con dous Menús express (de luns a venres ao mediodía). O menú propiamente dito (dous pratos, bebida, pan, sobremesa e café: 24€) e a Degustación express (tres pratos, bebida, pan, sobremesa e café: 37€). En ambos casos proposta de tempada con cambio de oferta cada tres semanas.
Por outra banda está o Menú de degustación: 1 snack-aperitivo, 2 entrantes, peixe, carne, degustación de queixos, sobremesa, auga, pan e café; este menú está máis centrado no mercado do día.
E, xa por fin, está a carta que, como toda a proposta de Paprica, varía coa tempada. Ademais dalgunas das tapas do bar transformadas en prato (o Carpaccio de gambón con cítricos, 17€), a día de hoxe ofrece entrantes como as Navallas con glasado de polo de curral, loureiro e eucalipto, 17€, ou a Minestra de verduras ao dente con escuma de Grana Padano, 16€. Os peixes: Pescada do pincho con crema de améndoas e toques suaves de allo, 22€ ou Bonito do norte con ensalada de verán, 22€. As carnes: Lombo baixo de tenreira arranxado coma un pastrami, logo grellado, 22€; Leitón asado ó momento con mango, allo e romeu, 21€; O noso arroz negro, 17€ ou a Paleta de año cun glasado de chalotas e nabiños, 29€. Entre as sobremesas, o Flan de ovo xeado, galleta, laranxa e limón, 8€, ou a Mousse de améndoas cremosas, amaretto e pera, 8€.

Restaurante Paprica Lugo 11 Restaurante Paprica Lugo 07
Empezamos cun vermú galego (Petroni albariño) acompañado de olivas.

Restaurante Paprica Lugo 09
Snack: Tacos de lagostino e morro de porco.

Restaurante Paprica Lugo 13 
Entrante: Tartar de vaca vella e de ollomol.

Restaurante Paprica Lugo 14
Entrante: Berberecho extra de Mugardos con emulsión de salsa verde.

Restaurante Paprica Lugo 15
Peixe: Pescada con crema de améndoas e toques suaves de allo.

Restaurante Paprica Lugo 18
Carne: Luriña, lume, coello e vermú

Restaurante Paprica Lugo 19 Restaurante Paprica Lugo 23
Queixos e a Torrada con xeado de chococafé e caramelo salgado

Momentos estelares: os berbechos (sensacionais e sensacionalmente traballados) e a pescada (que máis dicir?, outro tanto). O resto tamén a un nivel moi alto pero, quizá polo arriscado das propostas unido ao provincialismo do nosos gustos, un chanziño por debaixo. Tal vez por ese chisco de abuso das ‘galeguizacións’ daquel ‘mar-montaña’ que puxera enriba da mesa o xenial Adrià nun menú tan curto en momentos e longo en cantidades. Á hora de elixir tiraría claramente pola mestura de tartar vaca-ollomol. O coello e a luriña trunfaron no seu momento no concurso de tapas de Lugo; talvez como tapa; en prato, a intensidade de sabores acaba saturando o padal.
Un pequeno detalle que, desde a miña humilde opinión, habería que mellorar: hai un par de momentos durante a degustación nos que se perde o ritmo da comida; os tempos de espera son excesivos e te sacan de situación.

Por último cómpre destacar o prezo. Un menú de degustación desta altura, coa complexidade previa das concrecións, coa mestura de produtos e técnicas, co equilibrio de momentos e cantidades… por 45€ persoa (no noso caso incluídas as bebidas, a auga, unha caña, a copa de Ribera) paréceme moi ben.
Sen dúbida unha das mellores opcións para unha cidade que se preza dalque dito de que ‘e para comer, Lugo’.

Portomarín 21Portomarín 57

O motivo da excursión a Lugo era visitar Portomarín co embalse de Belesar en mínimos históricos e coas ruínas do pobo orixinal ao aire.
Somos moitos os miróns que nos achegamos ata aquí en tarde de sábado.
A atmosfera resulta estarrecedora. Unha mestura de opresión, tristura, incomprensión, carraxe… Algo xamais antes sentido e de difícil descrición.
Son moitas as persoas maiores que vagan por aquí coa vista perdida alén as ruínas e as augas do río…
Abeirando o Miño cos seus vapores de nostalxia, as notas do vello himno de Fuxan que acompañan as palabras de Manuel María non deixar de zumbar nos oídos. ‘Primeiro Portomarín, logo Castrelo do Miño. Dispois tocoulle As Encrobas, sufrir parello destiño!
Exactamente cincuenta anos despois da Cantiga, aínda non aprendemos que existen outros xeitos de acadar enerxía fóra desta espiral que está a acabar con nós mesmos?

Río Oitavén
Pois… seica non.

Paprica
Álvaro Villasante

R/ Nóreas 10
Lugo (27001)
982 255 824
Web
Facebook
GPS: 43.011052N, 7.553938O
Cociña: Mercado, tempada, creativa
Peche: Domingo noite; luns
Prezo: Menús 24, 37, 45€
Repsol: Recomendado
Guía Michelín: Si