Había tempo que non iamos a Casa Solla. Notei un cambio moi perceptible que achega a Solla, agora si, á que debería ser a primeira segunda estrela Michelín para Galicia.
Son detalles nimios e algún que outro de maior peso.
Percibín, por exemplo, máis persoal no comedor, persoal máis profesionalizado, con ese equilibrio achegamento-profesionalidade que tanto me gusta.
Certa renovación na carta sen perder (ou talvez destacando aínda máis) as raíces galegas do produto e a cociña.
O paso pola cociña, a táboa de queixos, o sentido do humor…
Se nalgún momento puiden ter algunha dúbida, hoxe reivindico de forma clara a segunda estrela Michelín para Pepe Solla.
Pedimos o Menú gastronómico (85€ por persoa) e unha botella de Górgola (Rías Baixas, Cabana das Bolboretas); un espumoso galego, de barro, 100% albariño, que me gustou moito: perfecta ensamblaxe do método tradicional coa uva albariña que dá como resultado un espumoso clásico cunha gran presenza da froita; quizá o mellor espumoso galego dos que probei ata hoxe (32€).
Despois da brincadeira de saúdo (Bloody Mary ou non?) pasamos, primeiro aos snacks, e logo a unha sucesión de momentos moi especiais.
Paliños, ostra lima-limón, mochi de marisco, oliva negra recheada de queixo…
A cacheira san choi bao e a sopa de grelos
Repolo, nabo encurtido, camarón e fumo
Coliflor e anguía de dúas maneiras
A pescada e a pataca da súa caldeirada
Este é o momento no que, se queres, pasas á cociña para ver a elaboración da Ensalada de polo, allobranco e mole; tamén para degustala acompañada dunha fina sidra de pera (Poire Granit, de Enric Bordelet, Normandía).
Ensalada de polo, allobranco e mole con sidra de pera
Lumbrigante, morro de porco e capuchina
Filloa-‘fajita’ de raxo afumado
Leite callado de cabra, cabaza e aceda
Os chocolates:
Muesli, Ferrero de Santiago, améndoas con chocolate branco, piruletas con pistacho, trufas, avelá crocante
Foi unha comida realmente especial.
Momentos? Moitos. Por non dicir practicamente todos; cada segundo, cada bocado teñen algo especial. A destacar a variedade dos produtos e as elaboracións e ese pouso galego sempre presente, mesmo cando se trata de preparacións, digamos, chinesas ou mexicanas.
Realmente especial a filloa de raxo afumada no momento, a navalla, a base da colifror cos petiscos de anguía, a pescada ‘a pelo’ (sen disfraces nin acompañamentos)…
Destacar, tamén, o bo humor e a distensión que reina ao longo de toda a comida.
O anel que pecha o menú impreso resume ás mil marabillas o espírito de Solla: todo o que vedes arriba comino eu soíño.Para repetir periodicamente (sempre e cando o peto o permita!).
Casa Solla
Pepe Solla
Avda Sineiro 7
San Salvador de Poio
36005 Pontevedra
986 872 884
Web
Facebook
Cociña: creativa, actual, galega, tempada, produto
Prezo: menús: 85 e 110€
Peche: luns; domingo e xoves noite
Repsol: 3 soles
Michelín: 1 estrela
Tripadvisor: número 1 en Poio