pacífico

Restaurante Pacífico. Francisco Domínguez Rey. Pena Trevinca, 37, Ourense, 988614672 . As fins de semana almorzos gastronómicos e brunch; menú pechado (8 pases, 40.5€) de luns a venres ao mediodía.

Pacifico Logo

Pasaron dous anos longos desde que visitamos Pacífico para probar o seu ‘brunch’ (o brunch gourmet de pacífico).
Foi unha moi boa experiencia e tardábame o momento de volver para probar o menú de degustación.
Onte, por fin, alá nos fomos.

Na web de Cociña Ourense, o artífice de Pacífico, Francisco D. Rey, di do seu local: ‘Pacífico é o lugar onde dun xeito concienzudo, disciplinado, detallista e con gusto pola cociña tradicional renovada, actualizada con nuevas técnicas, fago o meu traballo‘.
A continuación, e de si mesmo, fai unha afirmación que define ás claras o proxecto gastronómico do seu local: ‘Encántame disfrutar da miña familia todo o tempo e as escapadas en moto‘; a partir de aquí, o vello mantra da sustentabilidade emocional, o traballar para vivir, aínda que sexa no que che gusta, e non o ser escravo da cociña.
Define a súa cociña como ‘de tempada, cun menú de 8 pasos que varía cada 10/15 días en función do que imos atopando no mercado’.
Afirma que desde fóra o describen como ‘axitador, cambiante, cercano, profesional, cálido‘.
E xa para rematar a ficha, di que os seus produtos predilectos a nivel próximo son o porco e a castaña, e a nivel nacional, a gamba branca de Huelva.
E iso si, sempre, ‘coa paixón como principal ferramenta’.

Pacifico logo

No referido á carta, necesariamente habemos de falar da oferta para os almorzos, a única que existe no Pacífico.
Está dividida en: torradas, pancakes, especiais, pans, tostas, granola bowls e bowls, ademais da carta de cafés, chocolates e zumes.
Torradas: Manteiga 100% e Marmelada (amorodo, froitos vermellos, pexego, laranxa amarga, tomate, mel e canela (1.80€); Tomate natural e aceite virxe extra (1.80€, con xamón ou pavo +1€); Aguacate, Aceite virxe extra e lima (2.50€ con xamón ou pavo +1€); Portuguesa: molde artesán, manteiga salgada e marmelo caseiro (2.50€).
Pancakes (nin filloas nin tortiñas). Froitos silvestres (con Coulis de amorodos, compota de froitos vermellos e xeado artesanal de vainilla, 5.50€), Pacífica (con queixo cheddar, salsa holandesa, cogomelos e espinacas salteados, cebola crocante, tomates cherry, ceboliño e ovo escalfado, 6.50€); doce de leite caseiro; etc.
Especiais: French Toast (compota de froitos vermellos, crema fresca, améndoas tostadas e mel artesán, 5€); Banana Bread, especial sen gluten (plátano flameado, compota de froitos vermellos, bagas e crema fresca, 5€), Croissandwich (pranchado con xamón, queixo e azucre en po, 3€).
Pans: do país con masa nai, de centeo, de molde artesanal, de molde artesanal con sementes.
Tostas: Xamón (Pan do país torrado, tomate, aceite virxe extra, lonchas de xamón, parmesano relado, cogomelos frescos, ceboliño e aceite de albahaca, 5.50€); Benedict (Pan brioche, guacamole light, ovo poché e Hollandaise-Kimchi, 6€); Salmón; Pataca doce.
Granola Bowls, 4 eruos; de Iogur (granola caseira con iogur artesán, plátano e cobertura de froitos vermellos), de Chía (granola caseira con crema de améndoas, coco, chía e froita de tempada), de banana.
Bowls: Polo (polo de corral marinado con tikka masala, trigo brando, cubos de cabaza asada, aguacate, follas verdes e tomate kimchi. Mestura de sementes e salsa tailandesa de coco e curry, 8.50€); Vexetal (Cabaza asada, cogomelos salteados, cous cous, brócoli, alga Nori, anacardos e berenxena ao vapor con salsa de soia, xenxibre e romescu, 8.50€, con opción ovo escalfado +1€); Salmón.

Para a comida (só de luns a vernes, os sábados e domingos céntranse nos almorzos e bruch), non hai opción, unicamente un menú de degustación ideado polo cociñeiro e que cambia cada dez ou quince días; o menú ten oito pases: 2 aperitivos, 2 entrantes, 1 peixe, 1 carne e 2 sobremesas; a día de hoxe ten un prezo de 41.50€ por persoa (sen bebidas); nós bebemos senllas copas de Mencía Ruxe; tomamos café, servido con petit-fours, que non cobran; en total pagamos 44.40 euros por cabeza.

Pacifico caldo
Pacifico buñuelo
Pacifico centolo

Os aperitivos, en realidade, eran tres. En primeiro lugar chegou un caldo xunto cun buñuelo. O caldo, de verdura, con anacos moi pequenos de orella e uns grelos semicrús por riba; sabroso e divertido; un éxito. O buñuelo recheado con polo pica masala, co seu puntiño de picante, rico e estimulante. A continuación estaba a sopa de centola servida cun fondo de coral da propia centola; contundente; moi identificable; estando todos a boa altura, para min, o máis rico dos tres.

Pacifico Ceviche
Pacifico Brandada

Os entrantes son o punto álxido da comida. Un ceviche de robaliza e a brandada de bacallau. O ceviche, sensacional, acompañado dun mollo de allobranco de coco; moi equilibrado na suma de ingredientes; a robaliza traballada á perfección; o punto de acedume xusto; unha incrible man para o ceviche.
A brandada de bacallau vén cun ovo a baixa temperatura, morcilla tostada, pemento, boniato e anacos de lagostino. Son dos que valora moi positivamente a presenza do ovo nun menú de degustación; neste caso podería semellar complemento con respecto á brandada de bacallau, pero eu doulle idéntica importancia; combinación moi acertada; por outra banda, os toques contrastados da morcilla e o lagostino apoian con decisión a presenza do prato.

Pacifico Pescada

O peixe é unha pescada cocida (pouco) a baixa temperatura, acompañada dun mollo-crema de códium e con follas de col fritidas por riba. O eixo, a pescada, está perfecto; o mollo de códium, suave e cremoso, non resta en absoluto protagonismo; as follas de col fritidas son unha sorpresa; destaca a textura, triscante e divertida, e un sabor contundente que, nalgún caso, non o meu, podería molestar e resultar demasiado dominante fronte á pescada.

Pacifico Tenreira

Tenreira glaseada sobre compota de mazá acompañada de nabo encurtido ao anís, tella de cebola doce por riba. Prato dun altísimo nivel. A carne, saborosa, tenra e moi zumenta, ao estar desfiañada, entra á perfección; a compota aporta docura e frescura; o contraste do nabo encurtido é o que dá maior personalidade á composición; incide na frescura e destaca o toque acedo e tamén esa textura que se complementa coa da tella. Un prato dez.

Pacifico Arzua
Pacifico xeado

E con estas, chegamos ás sobremesas. Aparecen, por esta orde, umha crema de cabaza e un xeado de cítricos con crema de arzúa. Destaco o da orde porque eu tería quedado mellor coa presentación contraria, o frescor do xeado primeiro, e maior presenza doce para o último momento.
En calquera caso, as dúas sobremesas están moi ricas. A crema de cabaza leva, tamén, fava tonka, escuma de iogur, tropezóns de pebidas de cabaza e a folla de galleta por riba.
Crema de arzúa con amorodo guisado por riba, xeado de cítricos e hortalizas, e améndoa garapiñada.

Pacifico PetitFours

Petit fours que acompañan o café (moi rico) e que se agradecen como broche de excelencia a unha comida que resultou especialmente gratificante. Nalgún medio leo que estamos ante un menú de degustación cunha magnífica ‘RCP’, e confirmo que efectivamente, a relación calidade-prezo paréceme espectacular, das mellores coñecidas.

Pacífico
Francisco Domínguez