Os Padróns é unha aposta moderna e valente que está a trunfar en Vigo grazas ao empeño e a paixón dos protagonistas para que todo estea a punto e funcione.
A zona das Travesas de Vigo non é especialmente atractiva pola súa oferta gastronómica; tampouco é, que digamos, moi turística.
O local é pequeno e reconvertido.
Os tempos…, xa se sabe, difíciles, moi difíciles.
Pero había moita ilusión, paixón polo seu traballo, ganas de traballar e de facelo ben.
Ferramentas para facer aflorar o diamante onde apenas existía carbón.
É o mérito de Álvaro, José e Adrián.
O primeiro atractivo é a extraordinaria benvida de Álvaro; coa súa afabilidade, coa proximidade, co saber estar e facer, e tamén transmitir, méteche no seu peto.
Moi próximo e cálido, sen renunciar á profesionalidade, está sempre alerta das túas necesidades e satisfacción.
Logo vén a carta. Unha proposta non moi ampla pero si orixinal e moi divertida.
Os entrantes. Por exemplo. As Gyozas de polo ao curry (con crema de batata, teriyaki de laranxa e anacardios tostados), catro unidades, 5.90€; ou a Ensalada poke de salmón (brotes verdes, salmón, guacamole, anacardios, cebola morada agridoce, mango, alga wakame e sésamo tostado), 11.50€.
Á continuación está a sección de ‘especiais’: o Bombón de rabo de vaca (con aceite de trufa branca, cremoso de pataca Monalisa, mel de caña e anacardios tostados), 13.90€; ou o arroz de polbo e setas (con ourizo de mar e chips vexetais), 13.50€.
E, xa por fin, a que disque é a estrela da casa: as hamburguesas; de Tenreira galega (pan de brioche, hamburguesa de tenreira galega, rulo de cabra, cebola acaramelada, gromos verdes, tomate e maio Os Padróns), 8.90€; de Cochinita pibil de porco ibérico (pan de brioche, cochinita pibil de porco ibérico, guacamole, brotes verdes, tomate, cebola morada agridoce e maio de jalapeños), 8.90€; ou a rompedora Hamburguesa de Polbo á feira (pan de brioche, polbo á feira encebolado, queixo de tetilla e alioli afumado de pemento da Vera), 10.50€.
Durante a mínima espera, é tempo de botar unha ollo ao entorno.
Un local pequeno, adaptado dun anterior, con seis ou oito mesas e unha pequena barra. Decoración informal con toques rurais e sen estridencias, agradábel, domina un enorme espello e as plantas que colgan de caixas de Mahou pintadas de azul, distribuídas por todas as paredes.
Chegamos sobre as dúas con todo reservado e houbemos de conformarnos cunha mesa alta, con taburetes; non é o máis cómodo do mundo, pero pagou a pena.
E, claro, o máis importante: a cociña.
Vista a carta, a concreción podería ser un auténtico caos, unha mestura desordenada sen saber moi ben o que facer cos ingredientes. Pero non. A imaxinación á hora de idear a carta transfórmase en bo criterio e técnicas bastante depuradas no momento de levala á práctica na cociña; tamén axudan a paixón e o namoramento do propio traballo.
Comezamos compartindo as Croquetas de tetilla con marmelada de marmelo. Moi ricas, cremosas, saborosas, co empanado algo gordiño para que manteña a integridade da crema interior. Moi bo comezo.
Seguimos, tamén compartida, coa Ensalada rusa, que de rusa ten ben pouco máis alá da pataca. A base da ensalada está cortada en anacos pequenos; logo, todo arredor, lagostinos, a maionesa é koreana con polvo de aceituna negra, e por riba leva unha tella de pasta wonton fritida. Acertada combinación de ingredientes; ten un lixeiro picantiño que se agradece; é, pero non é ensalada rusa: os extras danlle un plus de sabor e orixinalidade. De novo e un prato que me gusta, moito.
Xa para rematar pedimos o Risotto vexetariano, de parmesano e setas estufadas con aceite de trufa branca.
Un risotto, en xeral calquera arroz, é unha proba de lume para calquera cociñeiro. Neste caso Adrián aproba con nota. Resolve á perfección os puntos críticos: o arroz está no seu punto, ao dente; a crema é a xusta en cantidade, densidade e cremosidade; non peca de parmesano, remedio típico para disfrazar un risotto ao que lle falta sabor ou lle sobra cocción; os tropezóns de cogomelos acáenlle á perfección. En conxunto está rico, sabrosón, é o típico risotto que, en exceso, acaba por empapuzar un pouco o padal facéndose empachoso. Non é o caso. A dose, compartida entre os dous, resúltame perfecta.
Para a sobremesa pedimos unha de cada, das dúas que ofrece a carta.
Mousse de chocolate Lind e Oreo, e Tarta de queixo con marmelada de pera caseira e galleta de manteiga.
As dúas seguen a moda da presentación en tarro. Sen embargo, non perden o toque caseiro da preparación.
Empezo a estar aburrido de todas esas sobremesas que eu chamo de Thermomix e que son repetición ata a extenuación de idénticas receitas, todas con as mesmas texturas e superposición de sabores, por capas, no tarro. O caso máis claro son os Versos de A Ruda, que están empezando a ter bastante difusión no sur da provincia de Pontevedra. Gústanme para un local do tipo da propia Ruda, ou como complemento para furanchos e similares, pero paréceme un tanto ramplón para un restaurante con mínimas pretensións gastronómicas.
A mousse é mousse e está rica, e os anacos de Oreo por riba son iso, anacos, non migas, po ou outras texturas ao uso. Pero a tarta de queixo paréceme excepcional; á parte de que está ben rica, e malia presentación en tarro, é tarta, non a suma de cremas por capas que adoitan ser estas sobremesas.
Un broche de luxo para unha comida moi, moi destacábel.
Bebemos unha caña e un Ribera, tomo café (por certo moi rico) e pagamos 24 euros cada un. Prezo moi, moi axustado para o que comemos. Invita a volver en calquera momento pois, en conxunto, paréceme un gastrobar moito máis que interesante.
Convén reservar e, senón, podes encargar a través das app ao uso ou recoller no local.
Os Padróns Gastrobar
Adrián
Rúa Otero Pedrayo 4
36211 Vigo (Pontevedra)
886 123 699
GPS: 42.221846N, 8.730957
Facebook
Cociña: informal
Prezo: 15€
Peche: martes, domingo