os mellores restaurantes de galicia. metodoloxía

Na entrada precedente (Os mellores restaurantes de Galicia. Fontes) introducía a miña intención de facer un ranking de restaurantes galegos segundo a valoración das guías e dos usuarios.
Explicaba como, despois dun período de reflexión, acababa decantándome pola análise da Guía Repsol, da Michelín e das webs TripAdvisor e Verema

guia_repsol_iphone

Guía Repsol 2012. A Repsol valora os restaurantes con soles (1, 2 e 3 soles), a continuación destaca unha serie de ‘recomendados’ e, xa por fin, están os que aparecen unicamente mencionados.
Para elaborar a miña lista decidín outorgar 10 puntos aos restaurantes con 2 soles (en Galicia, polo momento, non hai ningún de tres), 8 puntos para os 1 sol, 5 para os recomendados e 3 puntos para os mencionados.
Cómpre salientar que os catro ‘dous soles Repsol’ en Galicia son Casa Solla, Galileo, Marcelo e Pepe Vieira.

Guia-Michelin-400x300

Guía Michelín 2012. Dun xeito semellante a Repsol, Michelín clasifica os restaurantes por estrelas (1, 2 e 3 estrelas); a continuación hai unha serie de recomendados baixo o nome de Bib Gourmand (‘establecemento que ofrece unha cociña de calidade, xeralmente de tipo rexional, a menos de 35€). A cualificación de ‘Agradables’ é para aqueles locais que resultan ‘especialmente agradables tanto polas características del edificio, la decoración orixinal, o emprazamento, o trato e os servizos que ofrece’. Por último temos os restaurantes que simplemente ‘están’, sen maior mención.
Neste caso decidín outorgar 10 puntos aos restaurantes con máxima puntuación en Galicia (1 estrela). Os Bib gourmand reciben 6 puntos, os ‘agradables’ 4, e xa por fin os mencionados 3 puntos.
Reciben a máxima nota en Galicia (1 estrela): Alborada, Casa Solla, Culler de Pau, As Garzas, Marcelo, Maruja Limón, Pepe Vieira, O Retiro da costiña, Silabario e Yayo Daporta.

tripadvisorlogo

TripAdvisor. Salientar que os datos de Tripadvisor tomeinos na segunda semana de outubro de 2012 (as modificación son constantes). A súa listaxe elabórase en base á participación e opinión dos visitantes. Os datos que solicita cada vez que queres opinar sobre un restaurante son:

– Puntuación global do restaurante (de 1 a 5. Excelente, Moi bo, Normal, Malo, Pésimo)
– Tipo de Visita (en familia, en parella, negocios, con amigos…)
– Data da visita (mes e ano)
– Valoración por conceptos (de 1 a 5):
          . Servizo
          . Comida
          . Relación prezo-calidade
          . Ambiente
– Custo. (De 1 a 4 €: 1: Local de comida rápida, autoservizo; 2: Servizo en mesa sen moita pretensión; 3: Cenas formais; 4: Bastante caro, para ocasións especiais).
– Outros servizos (Reservas, Terraza Exterior, Vistas, Entrega a domicilio…)

Cos datos das diferentes valoracións, ponderados co número total de opinións, e a través dunha fórmula propia e ‘secreta’, TripAdvisor outorga a cada restaurante unha ‘porcentaxe de aceptación’ global. Este dato é a clave para logo ordenar os restaurantes ben sexa por localidade, provincia, etc. Así, un restaurante cunha ‘recomendación’ do 96% en base a 35 opinións ocupará un posto máis alto que outro con aceptación do 100% pero unicamente en base a 12 opinións.

Para o noso traballo ordenamos por aceptación os 1807 restaurantes galegos que aparecen en Tripadvisor. Outorgamos 10 puntos aos que ocupan os 5 primeiros lugares; 9 puntos do sexto ao décimo; 8 puntos do 11 ao 20; 7, do 21 ao 30; 6 do 31 ao 40; 5 puntos lugares 41 a 60; 4 puntos de 61 a 80; 3 puntos de 81 a 100, 2 puntos dos postos 101 a 200 e 1 punto a todos os restaurantes que ocupan os postos entre o 201 e o 300.

verema5

Verema. Ao final decidín incluír as puntuacións de Verema daqueles restaurantes que teñen máis de dez opinións. Os usuarios puntúan cada restaurante de 0 a 10, e o resultado da media é a valoración global do restaurante. Esta puntuación é a que contabiliza na suma final.

cabe_sidebar

A listaxe final de Como logo existo é o resultado de ordenar os restaurantes galegos en base á suma das puntuacións anteriores coas seguintes matizacións:

– Na lista definitiva están os restaurantes que aparecen, cando menos, en dúas das catro guías.

– No caso de Tripadvisor e Verema soamente se consideraron aqueles restaurantes cun número total de opinións igual ou superior ás dez.

– Como elemento ‘ponderador’ outorguei a cada restaurante 2 puntos adicionais por cada unha das guías nas que aparece coas condicións xerais establecidas.

– A efectos de desempate para o lugar na lista definitiva utilicei os datos de Verema e TripAdvisor de restaurantes por debaixo dos dez votos.

– Unha vez realizada a listaxe anterior (79 restaurantes), e para chegar aos 100, utilicei, por orde, os seguintes criterios:

          . Incluír os restaurantes con presenza nunha única guía pero en lugar destacado nesa guía (TripAdvisor postos 1 ao 10: 5 restaurantes; Repsol: 1 sol ou ‘recomendados: 3 restaurantes; Michelín: BGourmand: 5 restaurantes; Verema: por riba dos 8 puntos sobre dez: 1 restaurante.
          . Incluír os restaurantes que aparecen en TripAdvisor en postos ata o 100 pero cun número de votos-opinións moi alto, por riba dos setenta.
          . Así estabamos nos 95 restaurantes, así que por último, e como aposta persoal, decidín incluír cinco locais que non estaban por razóns obxectiva do estudo pero polos que sinto unha especial debilidade (e calquera deles, e desde o meu punto de vista, con méritos suficientes para estar).

Na próxima entrega (Os mellores restaurantes de Galicia. Resultados), veremos a onde nos conduciu toda esta historia. 
Xa vos adianto que non hai moita sorpresa aínda que si bastantes curiosidades.