os cachivaches

Arrocería Os Cachivaches. Rúa Campos Novos 26, Lugo. 982220099. Arrocería pero non só arroces; ampla carta de entrantes internacionais e boa selección de sobremesas. O prezo, proporcional á materia prima.

Os Cachivaches Logo

Había tempo que lle tiña ganas. Desde que vexo que, invariablemente, e dende hai un tempo, asoma por guías e opinións particulares.
Os Cachivaches, na miña última clasificación de restaurantes galegos ocupa un máis que meritorio 36 lugar entre os mellores de Galicia; terceiro se temos en conta unicamente a provincia de Lugo, só por detrás de Nito (Viveiro, posto 23), e de Paprica (Lugo, 26). (Guía C,LE).

Son un apaixonado do arroz. Gústanme todos (se están ben feitos; en caso contrario, o rexeitamento é case tan forte como a querenza). Certo que os máis caldosos non están entre as miñas preferencias, pero pago un potosí por unha boa paella, ou por un arrociño ben seco, tamén polos máis melosos… Por algún motivo deses que resultan inescrutables, tampouco podo co arroz doce.
Creo que todo vén dende que meus pais me levaron por primeira vez a La Barraca, un auténtico templo dos arroces de Levante en Madrid. Daquela era un referente (eu debía ter sete ou oito anos, falo polo tanto de principios dos anos sesenta), e aí segue; hai sete ou oito anos que non vou, pero a última vez seguía en plena forma.

Máis alá da comida, debo dicir que me gusta moito a estética de Os Cachivaches. Malia a ubicación, que é horrible (zona de expansión moderna, sen moito criterio urbanístico, nacida a carón da vella saída de Madrid e onde atopamos moitas das facultades do campus de Lugo), unha vez dentro a cousa cambia.
Gustoume, desde o principio, o logo, esa mestura de ingredientes e utensilios, reunidos con moito criterio. Gustoume, tamén, a idea de deixar pegada do paso polo restaurante neses pratos que locen no estante que percorre a parte superior de todo o local, e tamén esa sección de ‘mensaxes na botella”.

O servizo é correcto, moderno, próximo, falangueiro, co seu toque profesional.
A carta é moi ampla e está dividida entre a sección ‘comedor’ e a ‘tapería’. A tapería ofrece hamburguesas (mexicana, polo, “O Almacén” e Ibérica), “enrollados” (polo, bacon e parmesano (alioli suave, ketchup caseiro e cebola crocante), guacamole e lagostinos (leituga en xuliana e parmesano), etc., e tostas (bonito con tomate, boqueróns ao aceite de alfábega, xamón Ibérico con queixo Zolle).
Carta de entrantes. Tartar de bonito semi-picante, pack choi, ovo e bao (18.50€), Ensalada Os Cachivaches (tulipa de milfollas, queixo de cabra, mazá, touciño, noces e a nosa vinagreta (13.50€), Lura da ría á andaluza (17.50€), Lagostino Kataifi con mollo agridoce (14.90€), Croquetas de chipirón na súa tinta ou de boletus (10,50€), etc. Ademais, para compartir, Saam de papo de porco ibérico (14.50€), Polbo á prancha con crema de pataca trufada (16.50€), Carpaccio de espárrago branco con xeado de tomate (18.50€).
Mariscos. Zamburiñas negra (17.50€), Lumbrigante á prancha (60€/kg.), Ameixas á tixola (26.50€), Nécora (13€), etc.
Carnes. Solombo de tenreira (23.50€), Pluma ibérica (20€), Paleta de cordeiro de leite en cocción lenta (27.50€).
Peixes. Rodaballo salvaxe (65€/kg.9, Pescada de anzó (22.50€), Linguado (62€/kg.), San Martiño (63€(kg.).

E, claro, os arroces. Hainos a banda, melosos ou en caldeiro.
Os que son a banda poden ser con arroz ou en fideuá. Temos o da horta (13€); tres tomates con boletus e ovo 65º (16.50€); polo e verduras (13.90€); cigalas e lagostinos (21.50€); negro con chipiróns (17.50€); bacallau afumado e polbo (24.50€); burrata, rúcula e salsa pesto (17.50€); pescada, tres tomates e boletus (23.50€), etc.
Arroces melosos. Ibérico, zamburiñas e crema suave de allo (24.50€); pluma ibérica améndoas e mazá (22.50€); setas e parmesano (16.50€); Senyoret/peixe, lagostinos, mexillóns, chipiróns e polbo (25.50€); confit de parrulo, cebola acaramelada e setas silvestres (16.50€); pala de cordero de leite e verduriñas (19.50€), etc.
Arroces en caldeiro. De marisco (23.50€); Polbo e ameixas (22.50€); lumbrigante (30.50€).
Os prezos dos arroces son por persoa. Cada mesa pode pedir un máximo de 1 ración individual de arroz; máximo tres variedades de arroz por mesa; hai arroces que esixen un mínimo de dúas racións (lumbrigante) e outros que teñen que ser en racións pares (pala de cordeiro).

Os Cachivaches Tempura

Empezamos compartindo unha tempura de verduras. Pemento verde e vermello, espárrago verde, seta… Bo rebozado, triscante e sen exceso de aceite, e as verduriñas no seu punto de cocción, ao dente. Vén con salsa de soia e un wasabi que non probamos. Moi bo comezo.

Os Cachivaches Arroz
Os Cachivaches Arroz

E chegou o arroz.
Meloso de carabineiros e plancto mariño.
Absolutamente sensacional. Perfecto desde todos os puntos de vista. Un deses arroces que che deixan sen palabras.
Moi, moi meloso na boca; o arroz nun punto inmellorable; perfecto de sal; con moitos tropezóns, case imperceptibles, de carabineiro polo medio; ese engadido de sabor que proporciona o planco; os carabineiros enteiros, de primeira calidade; o mollo que soltan as cabezas dos carabineiros ao separalas do corpo e que se mestura co arroz; en fin; un arroz sen fisuras, perfecto, dos mellores (senón o mellor) en moito, moitísimo tempo.

Os Cachivaches Tarta
Tarta de queixo
Os Cachivaches Torrija
Torrada

A carta de sobremesas non desmerece en nada os momentos anteriores. Tarta da avoa, Coulant de chocolate, Sopa de amorodo con xeado de mojito, Esencia de pistacho con xelado de té e piña frita, etc. Pedimos unha torta de queixo (seica é un clásico que leva na carta de Os Cachivaches desde o principio da súa historia) e a Torrada de pan brioche con xeado de vainilla.
Os doces están á algura dunha comida toda ela de altísimo nivel, co momento excepcional do arroz.

A comida ben vale os 46 euros que pagamos por persoa (con auga, refresco, copa de viño e cafés).
Certo que na media de locais de tipo medio pode semellar algo caro, pero, vista a factura punto por punto, e valorada en proporción á calidade da comida, paréceme que o prezo é moi xusto; desas veces que entre dous persoas pagas case 100 euros pero coa sensación de que pagou a pena.
Unha boa parte do prezo total está no arroz: 29.50€ por persoa; sen ningunha dúbida, compensounos.

Grafiti Crise Enerxética PrimoBanksy

Frutífera viaxe pola arte urbana da cidade de Lugo.
Praza especialmente rica con vida moito máis alá do laureado Diego As e o seu mundialmente famoso e premiado Xulio César.
Moitos estilos e nome propios.
Persoalmente fago unha mención especial a PrimoBanksy e a súa interpretación tan persoal (e próxima ao Banksy orixinal) do mundo que nos toca vivir.
E, para mostra, este botón pintado no Nadal do pero momento da crise enerxética.

Arrocería Os Cachivaches