o torrão

Restaurante O Torrão, Lugar do Torrão, Peso da Régua, 5100-836, Lamego; +351254313850. Cociña tradicional portuguesa nun comedor amplo e luminoso con marabillosas vistas ao Douro; prezo medio tirando a baixo.

Restaurante Torrao Regua Logo

Coñecín O Torrão alá por agosto de 2001, na miña primeira aventura no Douro vinhateiro.
Lembro que chegamos a el grazas ao modelo infalible comunmente chamado de Vicente, ou sexa, deixarse aconsellar e ir a onde vai comer a xente do lugar.
A recomendación estaba clara: había que probar o bacallau e o cabritinho.
Chegamos tarde, sen reserva, e o local estaba ata os topes; cabrito xa non quedaba, así que houbemos de conformarnos co bacallau, queixo da Serra e o bólo da casa (xa non lembro como era). Eran tempos en que viñamos de estrear o euro e as facturas compartían o prezo en escudos (3660) e en euros (18,26). Lembro que nos pareceu unha comida opípara a un prezo moi, moi axustado.
Houberon de pasar dez anos para recuncarmos no Torrão; esta vez si, con reserva previa e o cabrito encargado; aprendemos que tanto monta, bacallau ou cabrito, pois ambos están fantásticos.

Nesta ocasión recaemos en vellos males: foi decisión do último momento e de novo presentámonos tarde, mal…, e sen reserva. Hoxe é luns, en plena dixestión de Noiteboa e o cocido de Nadal, somos catro, e, imprevisiblemente (ou non tanto), o Torrão está petado. Houbemos de esperar un bocadiño pero fíxose curto gozando das vistas sobre o Douro.

No nosso restaurante serve-se Douro a saber a Douro, no coração do Douro Vinhateiro, um espaço cheio de tradição que serve o melhor que a Portugal tem para oferecer. Acertada declaración de intencións que non defrauda en absoluto. A carta é ampla con numerosas especialidades especialmente no mundo das carnes. No tocante ao peixe, os bacallaus, o polbo en mollo verde ou os filetes de pescada. Entre as carnes, o cabrito grellado ou asado no forno de leña (este por encargo), picaña, bife à cortador, posta de porco à labrador, posta na tábua, vitela, rojões, nacos de lombo de porco grellados, etc.

Restaurante Torrao Regua

Para non perder o costume, xa non queda cabrito e decidimos comezar por un pratiño de queixo e presunto e seguir polo bacallau. O bacallau, das dúas preparacións que ofrecen: á Torrão e à Zè do Pipo.

Restaurante Torrao Regua Bacallau
Bacalhau à Torrão

O bacallau da casa é o clásico fritido, con moita ceboliña, olivas e moitas, moitísimas patacas fritidas. Está boísimo. Ben desalgado, no seu punto de cocción, coa chispa que dá a cebola e unhas pataquiñas caserias tipo chip que alegran o prato.

Restaurante Torrao Regua Bacallau
Bacalhau à Zé do Pipo

Pero, se me teño que mollar, a miña elección clara vai por este bacallau à Zé do Pipo. Vai acabado no forno, vén acompañado de puré de patacas e salteado por riba cuns deliciosos pikles, as omnipresentes verduriñas picadas e curtidas en vinagre que dan unha especial frescura aos pratos que acompañan; para completar, uns aires de maionesa polo medio.
En conxunto, o prato está enorme; un dos máis saborosos e mellor preparados dos últimos anos; unha desas receitas que pagan con creces un desprazamento de máis de dous centos quilómetros.
Tomamos tres sobremesas, cafés, viño do Douro e auga e o que pagamos por cabeza non pasou dos 20 euros.

Despois de comer, agradable paseo pola ponte de ferro de Régua, agora convertida en peatonal.
A ponte Miguel Torga.
Na súa Criação do mundo, e no primeiro día da creación, Torga, forzado polas circunstancias a estudar no seminario de Lamego para poder estudar en algueres, escribe: “acabei por jurar que me atirava ao Doiro da ponte de Régua se me fizessem voltar para o seminário“. Por sorte para a literatura, e con apenas trece anos, colgou os hábitos e desprazouse ao Brasil, a traballar co tío, que acabaría por pagarlle os estudos medios e logo os de medicina en Coimbra.

Espaço Miguel Torga
Espaço Miguel Torga

Un dos obxectivos do paseo era, precisamente, revisitar o Espaço Torga, o edificio cultural que proxectou Eduardo Souto de Moura en São Martinho de Antas.
A sinxeleza de liñas, a utilización do xisto e as viñas que arrodean o edificio dan carácter a este fermoso espazo.

Espaço Miguel Torga Interior
Espaço Miguel Torga Busto do escritor
O Torrão
  • Lugar do Torrão
  • 5100-836, Peso da Régua (Lamego)
  • +351 254 313 850
  • GPS: 41.152987N, 7.7816222O
  • restaurante-torrao.com
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 20-25€
  • Peche: luns noite; martes.