o rexurdir de o croque

Celia Cabrera e Mallo acadaron certa sona en Vigo desde o seu Croque do Museo do Mar. Cando rematou a concesión, centraron o seu empeño no Croquetas (casco vello)e agora veñen de retomar a marca ’Croque’ no novo local da avenida da Hispanidade.

Vigo-OCroqueVigo-OCroquetas

Hai uns días reunímonos un puño de amigos para unha celebración especial e o organizador (grazas Chiño polo traballo) pensou no Croque; eramos perto dos corenta e a decisión foi por un menú de prezo medio-baixo (25€).

O Croque Xubilación Magis 02
Empanada de pescada, grelos e piñóns en pan de millo

O Croque Xubilación Magis 07
Surtido de Croquetas de xamón e ovo, centolo e cogumelos

O Croque Xubilación Magis 05
Mexillóns en escabeche caseiro

O Croque Xubilación Magis 08
Tosta de cebola caramelizada e queixo rulo de cabra

O Croque Xubilación Magis 11
Arroz mariñeiro con mexillóns, zamburiñas, luras e lagostinos

O Croque Xubilación Magis 13
Torta de queixo ao forno con noces e redución de Porto

O Croque Xubilación Magis 14

No tocante ás bebidas, un branco (Torre la Moreira, albariño de Arbo), un tinto (Araco crianza 2012, Rioxa Alavesa), augas, refrescos, cervexas… Cafés e chupitos.

De entrada, trátase dun menú pouco habitual para grupos numerosos e que eu, personalmente, agradezo. Acorde coa oferta propia de O Croque estamos ante a opción de primar a calidade por riba da cantidade á hora de tentar manter uns prezos contidos. 25€ é un número moi razoable para unha comida de grupos e antóllaseme especialmente axustado ao que realmente ofrece.
Obviamente non se trata de croquetas conxeladas a rachar, senón de pequenas delicatessen que forman bocados únicos (unha de cada variedade por persoa); os mexillóns son grandes, fermosos, deses que realmente enchen a boca (dous ou tres por comensal)… A ración de arroz é comprida, abundante (mais sen opción a repetir).
En xeral, e dacordo coas coordenadas anteriores, gustoume a comida. Os bocados estaban todos a un bo nivel; quizá o máis ‘normal’ foron os mexillóns (por unha banda non son moito de mexillóns e, por outra, ao escabeche faltáballe un chisco de vida en forma de vinagre –ou quizá é que un son un pouco avinagrado de máis–). No extremo contrario, e tendo en conta as dificultades, o arroz gustoume especialmente; no seu punto de cocción, meloso, saboroso, con moitos tropezóns…. En fin, pareceume unha experiencia moi recomendable.

emilio

A escusa da reunión era compartir co profesor emérito Emilio Fernández Zunzunegui (Magis), e dun xeito desdramatizado, o seu salto sen rede da vida laboral activa á mal chamada das clases pasivas (a deserción da tiza, que dirían outros).
O acto converteuse nunha homenaxe a un puño de homes e mulleres que de xeito teimudo construíron o sindicalismo do sector educativo galego desde unha perspectiva de clase ata levalo ata o edificio que hoxe é a Federación de Ensino das CCOO de Galicia (Pepe Paraños, Ricardo Gurriarán, Lola Baltar, Benxa…).
E para moitos dos que estabamos alí, para min en concreto, Magis é especial.
Por Magis cheguei eu ao mundo sindical; é, polo tanto, non o meu pai (que estamos demasiado próximos) pero si o meu irmán maior. Alguén a quen admiro e aprezo… a quen quero. Podería encher ducias de folios con eloxios e cualificativos, pero nin é o momento nin o lugar. Soamente dúas notas.
Unha: todo o que puidese escribir resúmese no que soño cada noite (e procuro cada día) puidese chegar a converterse no meu propio epitafio. Emilio é unha boa persoa
E a segunda: grazas, Magis.

O Croque
Avenida da Hispanidade 83
36203 Vigo
986 094 125 / 633 294 747
Web
info@apiques.com
Facebook
GPS: 42º13’36.7”N   08º43’38.3”W
Localización en Mapas de Google