o queixo de arzúa-ulloa

Onte, escoitando o especial Come e Fala da Galega desde a Festa do queixo de Arzúa, ocorríanseme unha chea de temas para un comentario.
Da falta de máis programas radiofónicos, e tamén televisivos, e de calidade, sobre gastronomía, programas que vaian máis alá da simple descrición de receitas do mediático de turno… Das festas gastronómicas galegas, da súa proliferación, do que algunhas están a facer polos produtos de calidade, do que outras están a desfacer a gastronomía galega, ou de como empezar a necesaria separación do gran da palla… Do queixo de Arzúa-Ulloa en concreto e da miña debilidade polo queixo máis en xeral…
Ao final cambio o rumbo e, atendendo á proposta de Rodrigo Varela de elaborar un receitario en base ao queixo de Arzúa-Ulloa, pego un chimpo mortal e sáiome polos cerros de Úbeda.
Souben do Chef Falsarius, precisamente, a través das súas colaboracións radiofónicas no A vivir que son dos días das fins de semana da SER. Debo recoñecer que nun principio me resultou, efectivamente, falso e un tanto pretensioso, logo, aos poucos, foi gañándome para a súa cafalsariustomate usa, para, por fin, abducirme e converterme nun impostor máis da causa. O tal Falsarius non é un pretensioso, pola contra vexo nel un tipo cun fino sentido do humor que acae moi ben co meu xeito de ver a vida, ou sexa cunha boa dose dese vocábulo tan galego que é a retranca; en segundo lugar, non se trata de ningún falso, ao contrario, desde a primeira á última das súas manifestacións deixa diametralmente claro en que consiste a súa cociña para impostores, ‘astutas receitas de cociña con latas, botes e conxelados para quedar coma un puñeteiro chef’. En terceiro lugar, e non por importancia, paréceme que é un home que dalgún xeito soubo adiantarse a un futuro moi próximo, senón xa actual, no tocante á cociña do día a día.
Porque ou botamos o freo, ou o ritmo de vida tennos condenados á cociña rápida, á comida de simple supervivencia, aos pratos preparados, ás latas, aos conxelados… E a filosofía de Falsarius é a de personalizar e facer un pouco máis levadeira esa cociña baseada no produto pre-elaborado, e todo partindo de non renunciar a un mínimo de calidade, a non perder o sentido do cociñar cada día e a coidar dos nosos petos. Tampouco tería moitos máis argumentos para tentan convencer aos puristas que consideran ao Falsarius Chef, en efecto, un ‘falsarius’.
A primeira receita de Falsarius que probamos era para personalizar unha pizza que, para levar o prato ao límite do tolerable, debía ser conxelada; logo aprendemos tamén a dar un toque personal ás pizzas precociñadas ou a facer unha pseudo-pizza con masa brisa. Neste caso era conxelada e xa non lembro os ingredientes da primeira vez; podían ser calquera. A cuestión era preparar unha bechamel lixeira e botarlla á pizza orixinal; logo, por riba da bechamel, ían uns montonciños dun queixo cremoso que fundise ben; e aquí foi onde nós metemos un queixo de Arzúa. Un anaco de forno, e a comer. Podo xurarvos que chuchamos nos dedos.