o lourancho de manolo

Onte inauguramos a tempada de verán do mesmo xeito que a pechamos o ano pasado: na de Manolo en Baión.

Viño tinto Barrantes, mencía, e branco do Salnés. Eu son máis de brancos e mesmo do mencía, pero o Barrantes ten un meritorio segundo premio na feria do Tinto do Salnés (‘Variedade Autóctona’) do ano pasado. (E, ademais, sacrílego de min!, con este caloriño e gasosa fresca entra de medo!).

Lourancho de Manolo 9

Un primeiro distintivo do furancho de Manolo (o ‘lourancho’) é que, co viño, e antes de ‘cantar’ a breve carta, traen unha proba de empanada por conta da casa. A de onte era de bonito e estábache ben boa.

Lourancho de Manolo 10   Lourancho de Manolo 12

A tortilla é un imprescindible dos furanchos e un dos sinais de identidade de Manolo. Ben dourada por fóra e moi xugosa por dentro; no seu punto exacto. Unha auténtica obra de arte que xustifica por si mesma a visita a Baión.

   Lourancho de Manolo 14

Xunto coa tortilla e a empanada, as clásicas zorzas, raxos e demais.
Pedimos raxo, co seu pemento por riba e súas pataquiñas fritas por debaixo, mesturadas co mollo que vai caendo do porco e dos pementos. Mandamos a fonte de volta lista para unha nova utilización sen necesidade de pasar polo lavalouzas.
Café de pota e chupitos.
O licor café é unha xoia e Maribel está en permanente alerta para encher de novo os vasiños apenas metes un grolo no bandullo. Nalgunha das sentadas do verán pasado, e para non facerlle un feo, case acabamos coa botella entre os catro. É outro dos distintivos da casa, a familiaridade, o trato afable con todos.
Mágoa que un ten que conducir e estas estradas son un tanto arrevesadas.
Onte tocoulle a Luis.

Lourancho de Manolo 8    Lourancho de Manolo 2

Dúas botellas de barrantes, unha gasosa, a empanada, a tortilla, o raxo, os cafés e os chupitos, total 36 euros, nove por cada unha das catro cabezas que somos.
Por certo, seica cando foron a Pontevedra a rexistrar o local atoparon que todas as combinacións posibles de furancho-loureiro-Manuel-Manolo xa estaban adxudicadas, así que, dentro da singularidade da que dan constantes mostras, pensaron ‘nós nin loureiro nin furancho’ e así xurdiu este novo ‘lourancho’.
Creo que non me perdonarían se non digo que hoxe o propio Manolo en persoa pasou por todas as mesas informando de que o vindeiro sábado teñen contratada unha orchestra para animar a noite. Para evitar esperas innecesarias e poder participar da festa, o menú será pechado a base de polbo e churrasco.
Se non hai novidade, alí estaremos.
O Lourancho (de Manolo)
Serantes. Baión
36614 Vilanova de Arousa
Teléfono:
GPS: 42º33’12”N  8º44’11”W
Localización en Mapas de Google