o grove, capital da gastronomía galega?

A aposta de Álvaro Fuentes en Porto Meloxo (en O Grove, capital da gastronomía galega?) suma referencias e piropos cada día e estase a converter nun indispensable da cociña actual.

Taberna Meloxeira 4

Ademais do boca-orella, a Taberna Meloxeira asomaba o fociño nunha reportaxe de 2019 na que 13 dos grandes cociñeiros galegos elixían os seus locais de preferencia.
O traballo, asinado por Jorge Guitián en Condé Nast Traveler, levaba por título, precisamente, ¿Dónde comen los cocineros gallegos?, y como entradilla adiantaba: ‘Estes son os restaurantes de Galicia que conseguiron conquistar os padais máis exquisitos’.
Os, posiblemente, máis grandes do actual panorama galego, Pepe Solla e Javier Olleros, apostaban nas súas referencias pola Taberna Meloxeira.
Solla, en concreto, apuntaba que ‘se buscamos algo diferente, Taberna Meloxeira, en O Grove, cociña moi rico’.
E Javier Olleros matizaba que se trata de ‘un curruncho privilexiado onde se guisa moi ben, divertido e con ganas sempre de seguir mellorando’.

CondeNastTraveler

Na reportaxe, e como resumo inicial, Guitián escribía: ‘Se algo queda claro é que O Grove (Pontevedra) é unha das localidades que calquera afeccionado á gastronomía ten que subliñar en vermello no seu caderno de imprescindibles’.
E é que o local con máis adhesións entre os propios cociñeiros é D’Berto; a maioría coinciden en que se o produto é a bandeira da cociña galega, D’Berto é o número un; son desta opinión mestres como Solla, Olleros ou Dani López, de O Camiño do inglés.
Cos mesmos votos sitúase Culler de Pau, o único –polo momento– dúas estrelas de Galicia. Pepe Solla vota por el: ‘Se falamos dun perfil máis gastronómico, Javi ten que estar aí’. Miguel González, última incorporación ao estrelado galego, di que a súa elección é ‘pola paixón, polo produto, polo meco e pola dedicación que son capaces de transmitir ao cliente; é un imprescindible’. E Adrián Felípez (Miga) tampouco aforra afagos: ‘Transmite calidade, honestidade, elegancia, emocións a flor de pel’.

Festa do marisco

Xa con dous votos, e ademais de A Curva (no veciño Portonovo), os santiagueses Marcelo e Abastos 2.0, e o cocido de Lalín de A Molinera, estaba a nosa estrela de hoxe: a Taberna Meloxeira.
Cunha única referencia sitúanse O Beiramar (referente no marisco meco), a Brasería Sansíbar (de todo na brasa), e, recomendado por Javi Olleros, O Muiño, una casa de comidas da aldea de San Vicente da que destaca as súas caldeiradas de polbo.

Pero, ademais, e sen saír do termo municipal de O Grove, cómpre salientar nomes como Misturas, O Náutico de O Grove, A Solaina, Arrocería & Sunset, o Sens da Finca Atlántica, Pan de Millo, Aldara, El Rincón, os chiringuitos de praia (Seixeliño, O Chiringuito ou Moisés), en fin, e con maior ou menor sorte, toda a oferta gastronómica de a Illa de A Toxa.

Claro que nun radio dunha ducia de quilómetros está Sanxenxo (con Rotilio ou Sabino, por poñer só dous exemplos), e Cambados (Yayo Daporta, Ribadomar, Posta do sol, Taberna do Trasno, Rosita, A fonte do viño, etc.), Vilagarcía (Loxe Mareiro, Bóveda, Altamira, O fogón da ría, El Acebo…), Meaño (con todos os seus furanchos de Cobas, a Quinta de san Amaro, ou o Lar de Pereiras –considerado, xa, en moitos foros, coma o mellor restaurante sen glute de España–).

Xa para rematar, e sen entrar en Pontevedra capital, onde tamén nos espera a súa estrela no Eirado, podemos considerar que Pepe Solla e Pepe Vieira están case no Salnés.

Hai algún outro municipio galego que en tan pouco espazo ofreza tanta calidade?
Tanto ten situar o epicentro da comarca en O Grove ou Cambados pero O Salnés, e en xeral a área das Rías Baixas, están na punta de lanza da gastronomía galega.

Taberna Meloxeira 3

Pero, lembremos, todo comezaba coa nosa visita á Taberna Meloxeira.

Pequena terraza con vistas ao molle, e moderno comedor interior, moi coqueto e acolledor.
Para aproveitar as últimas boqueadas de setembro optamos polo exterior.

O servizo está nesa mestura perfecta de profesionalidade e proximidade ao cliente que serven para acompañar con máximo goce a experiencia culinaria.

A carta é especial. Comeza cos entrantes: Porro de Adelina con vichyssoise e améndoa tostada (9.5€ para dúas persoas), Berberechos fritos con allo e chile (23.5€), Zamburiñas negras Thai ao wok (18.5€), Polbo á brasa estilo feira e crema de pataca (16.80€), Foie que lagostino! (12.8€), Carabineiro macerado, xema tostada e a súa cabeza á brasa (21€) ou Steak Tartar de solombo de vaca rubia galega (19.80).
Apartado específico para os ceviches: de Carabineiro coa súa cabeza á brasa (18.80€), Tradicional de mero (26€), de Robaliza con mango (25€) ou de San Martiño con allo e xenxibre (25€).
Os peixes. Mero á brasa con crema de pataca (27€), San Martiño á brasa con verduras ao wok (26€) ou a Fideuá de peixe con alioli de mar e tendóns (28.50€).
As carnes. Presa de porco ibérico de landra con arroz seco de setas e medula (25€), Solombo de vaca rubia galega de Bandeira con foie e o seu zume (26€) ou o Magret de parrulo á brasa con nooddles e verduras ao Wok (19.50€)
Dispón, ademais, e previo encargo na reserva, dun menú de degustación.

Taberna Meloxeira 6

A carta de viños está ateigada de referencias que, para un profano coma min, resultan descoñecidas e provocadoras.
Optamos por este A Capitana, 100% espadeiro; un tinto de color viva, olor a froitas non moi marcado e, en boca, fresco e agradable. Se cadra, e para min, un pouco falto de corpo e cun chisco de exceso de agulla que apenas remite unha vez aberto. Ben, pero sen botar os foguetes que merecían os 20 euros que pagamos.

Taberna Meloxeira 7Taberna Meloxeira 8

Do que non hai a mínima queixa é da comida. Ao contrario, sensacións moi, moi satisfactorias.
Para abrir boca, dous aperitivos: unha empanada de polbo e os mexillóns en escabeche caseiros. O comezo non podía ser máis espectacular. Empanada das boas, ribeirá, masa extra-fina e zaragallada zumarenta e sabrosa, co polbo cortado en dadiños moi pequenos. Grazas a bocados coma o de hoxe, cada vez son máis fanático dun bo mexillón en escabeche elaborado na casa.

Taberna Meloxeira 11

De primeiro, para compartir, as Vieiras á brasa con foie gras e froitos vermellos.
Moi ricas. Perfectas en cada un dos seus compoñentes; no conxunto, se cadra, a acidez da marmelada enmascara un pouco a sutileza da vieira; agradoume máis a fusión da vieira co foie que co mollo de froitos vermellos. En todo caso, o bocado é orixinal e está a moita altura.

Taberna Meloxeira 15     Taberna Meloxeira 14

Fóra de carta está este Mollapán, unha reinterpretación do clásico arroz de lumbrigante que nos explican coma un lumbrigante feito na brasa e cortado en anacos, e acompañado de arroz branco; en ambos casos cun caldiño elaborado tomando como base os zumes do propio lumbrigante, mollo de ostras e soia.
Fantástico. Exactamente para o que promete a sona, para empezar a mollar pan e non parar; e, de cando en vez, un bocado dun lumbrigante de primeira co sabor potenciado pola salsa, e outro de arroz, máis seco e nítido o de arriba, e forte, sabrosón, engaiolante, o que vén embebido no mollo.
Un gran prato.

Taberna Meloxeira 17

Da carta de sobremesas disque o clásico da casa é a Torrada quente con xeado de vainilla; ademais está a Nosa tarta de mazá e unha terceira opción que é pola que nos decidimos para compartir: a Paixón polos chocolates.
Un peche de festa sensacional. O conxunción dun riquísimo chocolate coas súas propias texturas animaba a rabuñar o prato ata dar conta da derradeira migalla.

Xunto co café pagamos 52 euros por persoa.
Coincidimos en valoralo coma un prezo xusto que paga a pena asumir de cando en vez. Por todo; pola entorno, pola atención, e, moi especialmente, por unha cociña diferente elaborada con paixón, fundamento e meco.
Creo que en breve volveremos para probar o menú de degustación.

Taberna Meloxeira
Álvaro Fuentes

Porto Meloxo, 100
36980 O Grove (Pontevedra)
886 161 389
GPS: 42.492689N  8.885896O
Facebook
Instagram
Cociña: creativa, mercado
Prezo: 35-55€
Peche: de luns a mércores
Guía Repsol: recomendado
Prato Michelín
Posto 29 da lista de restaurantes galegos de C,LE 2021