o furancho ilustrado

Con antecedentes de furancho, Lagüiña Lieux-Dit é un local de difícil definición. A oferta, de cociña tradicional con produtos de proximidade, foi deseñada para resaltar o auténtico protagonista: o viño.

CamScanner 08-09-2021 19.11

A conxuntura obriga e nós seguimos a dar voltas polos furanchos do Salnés reflexionando sobre este atractivo, e complicado, modelo de restauración.
Creo que a día de hoxe xa poucos dubidan (ver a entrada anterior) de que iso de ‘furancho’ acabou por se converter nun reclamo publicitario para nomear un tipo de locais aos que á maioría pouco lles queda da auténtica esencia do que en tempos foi un furancho.

No Salnés (na maioría da xeografía galega) apenas quedan furanchos. Sen embargo, e como quen di, cada día aparece un novo.
Disque cada lei, cada orde, cada norma que se publica no DOG (no BOE, no DOUE, no BOPV, no DOGC) é un fracaso da sociedade e dos seus gobernantes; que, sempre e cando non existan outras motivacións espurias, as leis obrigan, marcan territorio, matizan…, limitan liberdades.
Os intereses arredor do mundo da gastronomía son múltiples, variados e de difícil conciliación. Quizabes, se cadra, no universo dos furanchos non abonda co sentido común, individual e colectivo, e a regulación facíase imprescindible para definir, máis que o que si é, o que non é un furancho. A partir de aí, a polémica –e a picaresca– están servidas.

DOG

Para este obxecto (Decreto 215/2012, de 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia) considéranse furanchos os locais utilizados principalmente como vivenda privada pero onde os seus propietarios/as venden o excedente do viño da colleita propia, elaborado en casa para o seu consumo particular, xunto coas tapas que, como produtos alimenticios preparados regularmente por eles/elas, sirvan de acompañamento. A estes efectos, terá a consideración de excedente do consumo propio unha cantidade de viño que no exceda da que se obteña de aplicar á superficie do seu viñedo un rendemento máximo de 0,65 litros por metro cadrado.

Laguinha-lieux-dit

O Lagüiña lieux-Dit é un dos epicentros da moda gastronómica do Salnés deste verán de 2021.
O de ‘furancho ilustrado’ é a definición que se lle ocorreu á propietaria do local despois de que o seu fillo Eduardo, sumiller en diversos restaurante de pedigree, decidise dar unha volta ao vello negocio familiar que nacera como furancho.
Eduardo Camiña, pola súa banda, prefire falar dunha taberna tradicional vinculada ao viño.
No facebook utilizan a palabra ‘cantina’, pero tamén se escoitan ecos de ‘casa de comidas’.

20210821_142620

A carta de sólidos, como vedes, bastante típica: pementos, tortilla, croca, empanada, croquetas…
A de líquidos é a que, sen dúbida, marca o carácter do local. Ademais de viños especiais por copa, teñen unha oferta ampla e variada que se renova semanalmente.
Partindo do enclave, Meaño e a súa riqueza vinícola, o círculo ábrese ata o infinito con viños de todos os continentes e para todos os gustos e petos.

Somos 5, vimos de tomar o vermú noutro local de moda (Casa Samuel, en Vilanoviña) e conformámonos co albariño da casa (10€).

20210821_144023

A empanada de millo do día (zamburiñas, 7€) é o máis frouxo de todo o que probamos; tanto a masa coma o compango resultan un pouco secos.

20210821_145220

A ración de mexillóns en escabeche é abundante e están realmente bos, un escabeche moi ao meu gusto, alegre, coa dose equilibrada de vinagre.

20210821_14523620210821_145553

Os ovos con chourizo e pan de millo están moi bos; bastante máis cerca dos mexillóns que da empanada.

IMG_20210821_151357606.MP

A croca con patacas é o momento do día; no seu punto, tenra, saborosa, e cunhas patacas fritidas espectaculares (mágoa que, fronte a unha dose de carne realmente salientable, as patacas fosen tan poucas).

Como dicía, somos cinco e pagamos 13€ por cabeza (eran dúas racións de empanada, dúas de ovos, e unha de mexillóns e outra de croca). Pareceunos un bo prezo, axustado.

Como valoración global diría que a Lagüiña lieux-dit hai que ir a beber viño; a deixarse recomendar por Eduardo e, a ser posible, probar varios diferentes. As tapas e racións para acompañar o viño non desentoan… Pero tampouco son o eixo que define o local; están na media do que son os ‘furanchos’ da zona (moi cerca está todo un clásico como é A de Pastora, e a tiro de pedra toda a oferta de Cobas) e, como tal, teño outros preferidos.

Lagüiña lieux-dit
Lugar da Igrexa 16, Simes
36969 Meaño (Pontevedra)
609 07 31 54
GPS: 42.436841N, 8.762034O
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional
Peche: luns; de martes a venres ao mediodía
Prezo: 15-30€