prato do día en o’cortixo

Sen pasar de ser un ‘bar’, O Cortixo é un dos locais máis populares entre as xentes da Arousa. Para unhas tapas, un bocata ou, ultimamente, o prato do día.

O Cortixo 1

O Cortixo (haberá que ir pensando en serio isto de unificar e coidar a escrita do galego e evitar, mesmo nos nomes propios, licenzas que feren a vista), dicía que O Cortixo ou Consulta, é un dos bares máis frecuentados por moita da xente da Arousa cando se trata de tomar un bocata ou unhas tapas (tamén para os callos dos domingos, que, previo encargo, moitos van buscar coa propia cazola para levar e comer na casa).
En momentos cume, é normal atopar o bar e o comedor superior cheos até a bandeira e ter que armarse de paciencia para conseguir unha mesa.
Os motivos? Claramente son tres: o trato familiar, o bo que está todo e os prezos, que ás veces chegan a causar un certo rubor.

Ten dúas cartas, unha dedicada a tapas e pratos e a outra para os bocadillos. Entre as racións para tapear están as navallas (10€), os lagostinos (14€), o polbo (13€), as luras (6€, ou a tapa por 3.5), unha táboa de embutidos (10€), orella (6/3.5€), croquetas (5€), ou o famoso pincho moruno (2€). Se falamos de pratos máis convencionais, para unha comida formal, e como para crear ti o teu propio prato combinado, están, por separado, a peituga de polo (4€), o lombo adobado (4€), o beicon (4€), o filete de tenreira (5.5€), as costela de porco (5€), tortilla francesa (2.5€), ovo fritido 0.6€), patacas fritidas (1.5€), ensalada (3€), etc. Logo combina ti como queiras.
Pasando aos bocadillos, destaca o bocadillo de polbo do Cortixo (4.5€), pero tamén o clásico de luras (3.5€), un vexetal (de atún, queixo e vexetais, 3.5€), o de tortilla francesa 2.5€), de xamón asado (2.5€), de lombo ou de bacon (2.5€), de chourizo caseiro (3€), ou o pepito de porco (3€) ou de tenreira (4€). Calquera dos bocatas pode ampliarse até o ‘completo’ (a base elixida engadíndolle queixo e vexetais, por 0.6€ máis), ou ‘especial’ (a base máis queixo, vexetais e ovo, 0.9€ máis). Teñen sona (pola calidade das carnes picadas) as hamburguesas, que poden ser simple (2€), con queixo (2.2€), completa (queixo e vexetais, 2.4€), especial (a completa máis ovo, 2.7€, ou a súper, que, ademais da hamburguesa leva lombo, xamón cocido, beicon, queixo, ovo e vexetais… por 3€.
E, xa por fin, para fin de semana ou por encargo, o churrasco de porco (6.5€), de tenreira (8€) ou picantón (6.5€).

A novidade, dende hai unha tempada, é a oferta do ‘prato do día’ que serven ao mediodía. Diariamente hai tres diferentes para elixir e normalmente están nos 3.5€ o prato; hai racións especiais (unha tenreira estufada, por exemplo) que poden subir até os 4€; o prezo do prato inclúe o pan.

O Cortixo 5  O Cortixo 6

Nesta pasada semana fomos dúas veces ao prato do día. O primeiro, había unhas peitugas de polo en salsa de améndoas, san xacobos e xoubiñas fritidas; nos tres casos coa súa boa leituga e tomate, e as patacas (coas xoubas cocidas e coas carnes fritidas). O prato, como vedes, é moi, moi abundante (e rico!); fomos os dous, bebimos caña e copa de Ribera, e entre os dous pagamos 10€ (a isto referíame cando falaba dun certo ‘rubor’ á hora de pagar: 10€ por unha comida para dous!)

O Cortixo 7  O Cortixo 10  O Cortixo 12

O segundo día eramos seis. A oferta: fabada, rapante e tenreira estufada (os dous primeiros ao prezo normal de 3.5€ e a tenreira 4€).
Compartimos dúas racións da fabada e logo uns tiraron polo rapante e outros pola tenreira. Todos moi dignos pero o mellor, quizá, o rapante; para os non afeitos, a fabada tiraba un pouco das especies (máis cara aos callos que á fabada tradicional) e a tenreira, sendo de boa calidade e tenra, estaba un chisco fibrosa.
Este día houbo tres cafés, as bebidas correspondentes, e pagamos 7€ por persoa.

Obviamente non é un restaurante de pretensións, pero tampouco enganan a ninguén. O Cortixo é… O Cortixo!! Un local fantástico para o día a día na Illa de Arousa.

O Cortixo (A Consulta)
r/ do Cruceiro 2
36626 Arousa (Pontevedra)
986 55 15 97
GPS: 42.562489N,   8.870648O
Cociña: tradicional, tapas, bocadillos
Prezo: Desde 4€
Peche: martes