O Con de Aldán, nunha vella casa rehabilitada polo arquitecto Alfonso Penela, é un fermoso restaurante de mar xusto enriba do mar. Boa comida tradicional (arroces) a prezos bastante contidos.
Disque o éxito dunha boa rehabilitación é que estea presente a impronta do arquitecto… pero sen que se note; que a actuación, dentro da súa enorme complexidade, dea a impresión de sinxela, de obvia, de natural, de que o que alí vemos ‘podería telo feito calquera’. Só algúns elixidos están capacitados para chegar a ese nivel de perfección; e din os entendidos que o mestre indiscutible deste principio en toda a nosa contorna é Álvaro Siza; e, nun radio máis amplo, unha das actuacións máis emblemáticas é a realizada por David Chipperfield na rehabilitación do Neues Museum na illa dos museos de Berlín.
A Casa de Aldán é o proxecto vital de Marisa Barrio. Como decoradora, e sobre a base dunha vella fábrica de salazón no porto de Aldán (Cangas), encargou a parte arquitectónica da rehabilitación a Alfonso Penela. A colaboración deu como resultado un marabilloso conxunto. Mantendo os materiais orixinais (moito granito) e aportando madeiras e texteis nobres, o espazo físico resulta moi agradable, moi cálido, extremadamente acolledor; logo completaron o conxunto con mobles clásicos do deseño actual (Jacobsen, Mackintosh, Scarpa, o propio Siza). O resultado final foi merecedor de numerosos premios e distincións profesionais que paga con creces o desprazamento para unha visita.
Logo, o proxecto turístico ampliouse con dous novos encargos ao propio Penela: un edificio de apartamentos turísticos e a rehabilitación dunha vella casa no porto para restaurante: O Con de Aldán.
Levaba dúas recomendacións de Pepe (que foi quen nos puxo na pista): unha, que reservase mesa na terraza, e, a segunda, que probasemos un dos arroces.
A primeira non puido ser. A segunda si.
O día era moi ventado e non se estaba demasiado ben fóra, pero intuímos que poder gozar das vistas da ría de Aldán mentres disfrutas dun dos seus peixes no forno ten que ser moito máis que unha gozada.
Pero o interior, en calquera dos dous comedores, non queda atrás en atractivos. A rehabilitación de Penela (na liña da casa, revalorización do existente sen engadidos innecesarios) volve ser espectacular. Espazo moderno, simple, límpido, diáfano, moi luminoso, agradable, acolledor. O comedor superior, directamente baixo cuberta, promete aínda máis satisfaccións.
A carta, con nomenclatura náutica e case netamente marítima, é de corte tradicional. Para o momento en que ‘zarpamos’ hai propostas como as diversas ensaladas, a 10€ (de brotes tenros con ventrecha ou de navallas e cítricos), vieiras con cogomelos salteados e parmesán (11€), revolto de ourizos e algas (8€), ou os mexillóns de Aldán en escabeche de laranxa; ademais, algún que outro marisquiño do día ou un suxerente carpaccio de polbo cantados de viva voz . Para o momento da ‘navegación’ están os arroces (negro de choco 13€ ou de lumbrigante 29€), o bacallau á prancha con pisto (16€) ou a pescada á prancha con cachelos (14€) no tocante aos peixes; e carnes como as faceiras ao mencía (14€) ou a croca de tenreira con crema de queixo san Simón (14€).
Comezamos, para entreter os estómagos, cunhas ricas zamburiñas á prancha con aceite de pirixel (6 unidades, 8€)
E, claro, fieis ás suxestións do que máis sabe nestes e noutros menesteres, un arrociño, o de peixe sapo con lagostinos. Chegou un puntiño caldoso pero acabou meloso, no seu punto, moi, moi substancioso e con moitos tropezóns. Para min, que son de gustos selectos no tocante a arroces, estábache ben bo.
Entre as sobremesas (‘arribamos’), unha torta de queixo con froitos vermellos (4.5€) ou a escuma de iogur (4.5€). Tiramos pola filloa recheada de mazá e pasas e polo volcán de chocolate con xeado de mandarina. Boa guinda para o pastel.
Bebimos con Luis Cañas Crianza (botella pequena) e auga; a oferta de viños podería mellorarse pero é suficiente para os gustos máis representativos e populares (os brancos, todos da terra, e os entre os tintos a maioría da Ribeira do Douro). Co café pagamos 31€ cada un. Penso que para o que comimos non está nada mal.
En resumo, este Con de Aldán é un bo local de restauración no Morrazo (ollo ao verán e ás aglomeracións) para comida tradicional nun espazo moderno dentro dese clasicismo que mantén nas regras da rehabilitación.
O Con de Aldán
Paseo Carlos Pérez 12
Porto de Aldán
36945 Aldán (Cangas, Pontevedra)
986 329 229
663 951 854
GPS: 42.280042N, 8.820807O
Web
Facebook
Cociña: tradicional, do mar
Prezo: 35€