o chino ao que van os chinos

O restaurante chino Yong (Puxeiros, Mos) ofrece a cociña china máis auténtica que se pode comer en bastantes quilómetros á redonda; non esquece algúns pratos occidentais e ten prezos populares.

Restaurante Yong 004

O restaurante Yong colleu certo pulo despois de aparecer na lista de Dez restaurantes chinos con comida china de verdade, de Mikel López Iturriaga, El Comidista de El País.
López Iturriaga falaba do Yong en base aos comentarios de Miguel Guitián (Diario del gourmet de provincias e do can gastrónomo) nun artigo titulado Chinos de verdade, aparecido no Magazine Comida’s.
E como onde hai patrón non manda mariñeiro, deixemos falar ao mestre Guitián: ‘O restaurante Yong combina clásicos dos restaurantes chinos españolizados, coma os roliños primavera ou o arroz tres delicias, con cousas moito máis interesantes coma o fiambre de patas de parrulo, a sopa de sepia seca ou as cabezas de parrulo… Prezos que che vai custar crer … Déixate guiar ou curiosea por eses vexetais cuxo nome é posible que non coñezas e lánzate ás cegas a por calquera prato de fideos. É difícil equivocarse…’

Restaurante Yong 001

Non somos, nin moito menos, expertos en comida china; ao contrario: mínimas experiencias e sempre decepcionantes; pratos requentados, aceites usados, exceso de sabor a conxelado, etc.
As referencias deste  restaurante chino eran óptimas; en especial os comentarios sobre a cantidade de chinos que van a este local na procura dos sabores auténticos do seu país.
Sábado ás dúas da tarde e o enorme comedor –bastante insulso– algo máis que mediado e con afluencia constante de novos comensais; marchamos sobre as dúas e media e ameaza con encher. Máis dunha mesa con xente da China. Bastantes encargos para levar comida para casa. Persoal amable.

Restaurante Yong 005

A carta é amplísima.
Sección de entrantes con diferentes ensaladas arredor dos 3€ (china, con gambas, con pepino…), rolo de primavera (1,25€), verduras fritidas (2,90€), gambas rebozadas (3,5€), empanadillas fritidas (2,5€) etc.
Sopas arredor dos 2,5€: agripicante, de hun-tun, de millo con caranguexo, etc.
Arroces: da casa (4,5€), fritido con curry (3,6€), fritido con verdura seca (3,75€), felicidade arroz fritido (4,5€)… Tallarines fritidos tres ledicias (3,95€), fritido con tenreira (4,15€), rizados especiais (4,5€)… Fideos de arroz fritido con gambas (5€), con tenreira (4,9€)…
Tenreira (entre 5 e 6€ a ración): con verduras variadas, con mollo picante, con salsa shao chao, con bambú e setas, etc.
Carne de porco (entre os 5 e os 5,50€): agridoce, con sal e pementa, con bambú e setas chinas, etc.
Carne de polo (arredor dos 5€): con anacardos, estilo Gong Bao, ao limón, con ananás…
Parrulo: crocante (8,80€), con laranxa (7,50€), asado (12,80€), Pekín (18,50€), con mollo picante, etc.
Marisco: Gambas con verduras variadas (6,30€), gambas con salsa de ostra (6,50€), con allo na cazola (6,40€), con mollo de curry, etc.
Verduras: variadas salteadas (4,20€), Tou fu da casa (4,5€), bambú e setas chinas con salsa de soia (5,10€), Tou fu con salsa Sha Chao, etc.
Pratos especiais: tallaríns rizados sobre bandeixa queimada (5,5€), Prato familia feliz (6,5€), Gambas sobre bandeixa queimada (6,5€), Parrulo sobre bandeixa queimada con salsa (8,30), etc.
Ademais menús para 2, 3 ou 4 persoas. Por exemplo un menú para tres con ensalda de atún, seis roliños especiais, fideos con gambas, gambas agridoces, polo estilo Gong Bao e prato Familia feliz, por 28,90€.

Pedimos un menú completo para dúas persoas. Consta de: ensalada china, dous rolos primavera, arroz tres ledicias, polo con améndoas e tenreira con salsa de ostras.
O seu prezo é de 17,50€, todos os pratos son xenerosos e o servizo rápido, case ininterrompido.

Restaurante Yong 011Restaurante Yong 018Restaurante Yong 016Restaurante Yong 014Restaurante Yong 019Restaurante Yong 020

Como dicía, non podo opinar se a cociña é máis ou menos auténtica. O que si, que todos os pratos están fantásticos; moi diferentes entre eles, pero todos ricos. Da ensalada (leituga, tomate, fíos de xamón de iorque e cenoura…) destaca o seu mollo agridoce que lle dá un toque especial; do rolo de primavera todo (agora entendo a loucura de moita xente por este bocado); o arroz ten ese toque fritido que resulta novo para min pero que me gusta especialmente; o polo ben, coa salsa forte, co bambú, coas améndoas, coas setas… E, o prato máis sorprendente: a tenreira con mollo de ostras; un saboroso contraste terra-mar
Bebemos dúas cañas (a oferta de bebidas é limitada) e un auga, non tomamos nin sobremesa nin café (non queda espazo e iso que mandamos algún prato mediado) e pagamos 22,30€.
11€ por cabeza polo festín que nos acabamos de dar rolda o escándalo.
Sexas ou non sexas fan dos chinos, esteas ou non esteas aberto a novos sabores e comidas, teñas ou non teñas reparos para saír do guión establecido… absolutamente recomendable.

Restaurante Yong
Avenida de Puxeiros 68
36416, Mos (Pontevedra)
986 285 876
693 823 610
Web
Facebook
GPS: 42.209138N, 8.656231O
Cociña: asiática, china.
Peche: luns noite.
Prezo: 10-15€