o bacelo de mari

Despois duns principios algo dubitativos, O bacelo de Mari acabou por afianzarse como un dos furanchos máis recomendables de Covas. Tortilla, luras, pementos…, pero tamén capón ou cordeiro ao forno.

OBaceloDeMari

O sector dos modernos furanchos (ou furanchos reconvertidos a outra etiqueta legal bastante lonxe do que a día de hoxe a Xunta permite definir como “furancho”) pode ser unha víctima máis do COVID.
Estamos a observar que, por algún motivo para nós descoñecido, a maioría dos furanchos do Salnés adoptaron restriccións horarias; en moitos casos abren unicamente en horario de fin de semana, mantendo o peche de luns a xoves mesmo neste mes de xullo. Hai casos, como O lar de Outeiro, que xa non retomaron a súa actividade despois dos confinamentos.
Unha mágoa.

Entre os que manteñen o tipo esta este Bacelo de Mari, que abre diariamente en horario de mediodía e tardiña e que pecha unicamente os martes para descanso do persoal.

A súa carta poderiamos definila como clásica ampliada: ofrece os produtos típicos dos furanchos completados con opcións bastante máis abertas.

Para picar: Empanada (5€), Orella á feira (7€), Chourizo ao viño (5€), Ensalada (4/6/8€)…
Segundos: Zorza (10€), Richada de tenreira (12€)…
Como propostas salientables que están a dar sona a este Bacelo de Mari destacamos o Capón ao forno (12€), o Cordeiro tamén ao forno (13€) e, por encargo, o Bacallau (18€). Ademais, Pescada, rebozada, en branco ou á galega (12€).

Furancho O bacelo de Mari 1

Somos catro a merendar e, despois dos chouriciños ao viño que acompañan a bebida, pedimos as croquetas caseiras de polo, luras rebozadas, tortilla pequena e pementos de Padrón.

Furancho O bacelo de Mari 2  Furancho O bacelo de Mari 4

As croquetas de polo teñen unha sona que comprobamos que é ben merecida; cremosas e suaves de sabor están á altura das luras, magnificamente fritidas e sen execeso de graxa. Dúas propostas moi interesantes.

Furancho O bacelo de Mari 5  Furancho O bacelo de Mari 3

A tortilla pecaba un chisco de falta de sal pero apuntaba moi boas maneiras na súa consistencia e punto de zume (claro que no tocante á sal sempre é mellor a tacañería que o exceso).

Furancho O bacelo de Mari 6  Furancho O bacelo de Mari 7

Entre as sobremesas (caseiras e todas a 4€) compartimos unha tarta de queixo e tiramisú. Os doces caseiros non son precisamente o forte deste tipo de locais pero estes manteñen o nivel do local coa cabeza moi alta.

Como dicía somos catro; bebemos unha xerra de albariño, auga e cervexa sen alcohol; con cafés pagamos 12 euros por persoa, prezo que se sitúa na media deste tipo de locais (sempre e cando non se caia na tentación das sobremesas).

Gustounos este Furancho; tanto, que entra a formar parte das nosas recomendacións en Cobas xunto co de Juan, o Enrique e o Ángel, e en breve repetiremos visita –ao mediodía– para ver que hai dese capón e o cordeiro.
Por certo, as veces que pasamos, o Ángel entra dentro do grupo dos que fan restriccións horarias.
Na mesma semana visitamos o de Enrique e o de Juan e ambos seguen en magnífica forma (o de Enrique, un martes sobre as nove da tarde tiña un moi alto nivel de ocupación).

Furancho O bacelo de Mari
Aldea de Abaixo 17, Covas
36638, Meaño (Pontevedra)
676 433 426
GPS: 42.480180N,  8.779705O
Facebook
Instagram
Cociña: tracicional, furancho
Prezo: 12 euros
Peche: martes