comer en bueu

Chegamos ao Nordés recomendados por Mero: non nos defraudou en absoluto. Xuventude e modernidade para uns magníficos e clásicos peixes ao forno. Ollo ás sobremesas. Prezo normal tirando a baixo.

ConcelloBueu

Bueu é boa praza para comer (e para comprar!).
Ademais do Nordés (con recomendación especial para o sargo no forno, e do que logo falaremos), Mero comentounos a visita ao Estrella (sobre todo para os arroces, en especial o de mariscos; pronto o probaremos e xa vos falarei del). Logo están os dous da Illa (para alguén de Ons non pode haber outra, a illa é a Illa, a súa e non outra), a Casa Acuña e o Checho, por suposto, para o polbo e, se cae, algún que outro marisco.
En plan tapas recoméndanos o Noite tapas (casiña con pequeno xardín óptima para unha tardiña de verán, carta bastante curta con tapas atípicas, elaboradas fóra do sota, cabalo, rei, moi recomendable; adaptan o menú a dietas sen glútem), e, por último, en plan batalla, O Farol (local amplo que sempre está ata a bandeira pola calidade da súas pizzas –pero non só por elas–; tamén traballan pizzas sen glútem).
Nun artigo publicado en Traveler que leva por título 10 templos da cociña tradicional en Galicia, Jorge Guitián (o noso vello referente, o gourmet de provincias co seu perro gastrónomo) inclúe na lista Casa Quintela, con case cen anos de vida, en especial para o polbo, as empanadas e os guisos mariñeiros tradicionais; na lista está tamén, en Beluso, a Centoleira –as célebres cestas de marisco!–, (ambos cóanse na lista de Guitián entre nomes da talla de Casa Isolina, en Taragoña, o Tira do cordel de Fisterra, O Refugio de Oleiros ou o Ribadomar de Cambados).
Eu, pola miña banda, podo aportar unha recomendación propia para tres dos mencionados (Centoleira -memorable un arroz de polbo de hai uns anos, e por suposto o marisco-, e Checho e Acuña, os dous na Illa e sen unha preferencia clara por ningún deles sobre o outro).
Ademais podo engadir, pois comimos máis dunha vez (entre elas unha voda) o Loureiro: un valor sempre seguro para un marisquiño e un peixe.
Dúas propostas para menú do día: o xa mencionado Quintela (menú completo 10€) e La Perfecta (menú completo 11€; cervecería e moito máis)
Por certo, para os excépticos de TripAdvisor, e sen ser dogma de fe, pode servir de orientación. A coincidencia cos datos que me chegan a través de xente de confianza é significativa: consulto os restaurantes de Bueu e aparecen, por esta orde, e nos catro primeiros lugares, o Loureiro, O Farol, Noite tapas e La Perfecta; ademais, nun listado de corenta locais en Bueu, todos os mencionados nesta entrada están entre os quince mellor puntuados polos usuarios de TripAdvisor.
E para as fans das guías dicir que Repsol recomenda o Nordés e menciona a Centoleira e o Estrella. Michelín recomenda a Centoleira e o Loureiro. E, xa para rematar, a guía de turismo Lonely Planet recomenda o Loureiro.

Restaurante A Centoleira 04 Restaurante A Centoleira 11 Restaurante A Centoleira 17
Mariscada da Centoleira

Acuña. Curro 11-12, Illa de Ons. 986 44 16 78
Centoleira. Praia de Beluso 28. 986 32 34 81
Checho. Curro 10, Illa de Ons. 986 68 76 98
Estrella. Xoán Carballeira 6. 986 32 06 75
O Farol. Montero Ríos 207. 986 32 19 21
Loureiro. Loureiro 13. 986 320 719
Noite tapas. Santán 18. 605 98 39 41
La Perfecta. Ibis 4. 986 19 85 50
Quintela. Eduardo Vicenti 24. 986 32 00 10

NuevoDocumento 2019-04-22 16.13.42

Nordés está na rúa Xoán Carballeira, en pleno centro de Bueu. O local é pequeno pero moi coqueto, moi claro, con grandes fotografías da mar local e gran ventá cara á cociña; conta con outro comedor no piso inferior (máis escuro) e unha apetecible terraza. Comemos na terraza cun tempo moi agradable. Servicio especialmente amable e dilixente.
A carta, en esencia, é tradicional de cociña galega. Entre os entrantes, as Croquetas mar-terra (7€), Verduras á prancha (9), Tartaleta de vieira (12€), Zamburiñas (12.5€), Navallas (13€)… Tamén ensaladas (simple 6€, de queixo e froitos secos, 11 ou de vieiras 12€).
No apartado de peixes están a Pescada con ameixas (15.5€), o Bacalhau confeitado (18€) ou o Linguado (17.5€) ou o o Rodaballo (19€), calquera dos dous, ben á prancha ou ben ao forno.
Temos arroces tradicionais (o de chocos, 11€, ou o de marisco, 34€ para dúas persoas, entre outros) e rissotos (como o de verduras, 11€).
Tamén unha significativa proposta de carnes co Entrescosto de boi (17€), as Faceiras de vaca (16€) ou o Cordeiro de leite (18€).

20190420_144005_HDR20190420_14415220190420_144523_HDR20190420_144527_HDR

Somos catro e comezamos compartindo a empanada do día (berberechos) e o revolto de boletus con lagostinos). Moi ben os dous; o meu voto, non son de berberechos, é para o delicioso revolto, especialmente saboroso; pero sen menosprezar a empanada: estaba, tamén, moi, moi rica.

20190420_15063820190420_15095520190420_15142620190420_152034

A idea, por recomendación de Mero, era un sargo grandeciño, para os catro, ao forno. Pero só queda un de tamaño mediano-pequeno, así que compartimos o sargo cunha robaliza un chisco máis grande. Aquí, o único que entra son as preferencias persoais; os dous boísimos, no seu punto de forno, con todo o sabor que levan dentro, coas pataquiñas ben embebidas no aroma do peixe. Eu inclínome polo sabor máis destacado do sargo, pero Carmen, por exemplo, quédase coa robaliza, máis suave, máis delicada, máis fina.

20190420_155029  20190420_15505020190420_155226  20190420_155239

Unha boa sorpresa chega coas sobremesas. Na carta destacan o flan (4€), o arroz con leite (4€), o coulant de chocolate (5€), os xeados caseiros e as tortas de queixo (4€) ou de mazá (5€).
Tiramos por un tiramisú (fóra de carta), os amorodos con nata (natural, non de tubo), o soberte de manga e a torta de milfollas. O tiramisú, e, sobre todo a miña milfollas (morniña, coa masa triscante e moi saborosa, nun punto moi logrado, e unha crema especialmente delicada) están realmente excepcionais. En conxunto as sobremesas poñen un broche de ouro a unha comida moito máis que salientable.

Bebemos auga, un par de cervexas sen alcohol e unha botella de Casal de Armán (ultimamente estamos afeccionándonos ao Ribeiro e non nos está saíndo nada mal), e, cos cafés, pagamos 31€ por cabeza.
Coincidimos en que o prezo non está nada mal para a comida que acabamos de rematar. É un restaurante que, sen dúbida, paga a pena coñecer.

Nordés
Rúa Kayrel (Praza Massó), 3
36930 Bueu (Pontevedra)
986 11 13 03
Facebook
GPS: 42.326111N,  8.785704O
Cociña: mercado, tradicional
Peche: mércores
Prezo: 30€
Guía Repsol: Recomendado